Bertha Zúniga Cáceres, nada o 24 de setembro de 1990, é unha activista social lenca hondureña, que dende maio de 2017 exerce como coordinadora xeral do Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras (COPINH). É filla da líder social Berta Cáceres, asasinada en 2016.

Traxectoria Bertha Zúniga é filla de Berta Cáceres e de Salvador Zúniga, militantes sociais que estiveron entre os principais membros fundadores do COPINH en 1993. Ten tres irmáns: Olivia, Laura e Salvador. O COPINH, dedicado á defensa dos dereitos dos indíxenas lencas e á defensa do medioambiente, sufriu dende a súa creación unha forte persecución, que levou a que a infancia de Zúniga transcorrese entre as ameazas de morte á familia, a constante situación de perigo e episodios como as agresións físicas á súa nai ou o encarceramento do seu pai.

Bertha Zúniga, do mesmo xeito que os seus irmáns, formouse en escolas de educación popular, onde recibiu unha formación anticapitalista e antipatriarcal, incorporándose á actividade política dende moi nova. Participou habitualmente, xunto á súa nai e os seus irmáns, nas actividades do COPINH, así como na radio desa organización e no traballo conxunto con comunidades indíxenas.

Asasinato da súa nai A partir do golpe de estado en Honduras de 2009, a represión ao COPINH e a outras organizacións sociais empeorou. Berta Cáceres, unha das principais líderes indíxenas, foi obxecto de persecución e ameazas, en particular pola súa loita contra as consecuencias ambientais e sociais do proxecto hidroeléctrico Agua Zarca. O 2 de marzo de 2016 Berta Cáceres foi asasinada.

Bertha Zúniga foi unha das principais impulsoras da investigación do asasinato da súa nai, reclamando tanto a nivel nacional como internacional unha investigación a fondo do crime. Tamén comezou unha campaña en apoio a un proxecto de lei nos Estados Unidos para que ese país suspenda o apoio militar a Honduras ata que este último estado demostre que tomou accións contra os asasinatos de activistas de dereitos humanos.

Da investigación polo asasinato de Berta Cáceres xurdiron como sospeitosos executivos e persoas vinculadas á empresa DESA, encargada do proxecto hidroeléctrico Agua Zarca, así como asasinos a soldo e membros do exército.

Coordinadora xeral do COPINH En maio de 2017, Bertha Zúniga foi elixida coordinadora xeral do COPINH, o mesmo cargo que ocupou a súa nai antes de ser asasinada. Dende este cargo, continuou a loita social e medioambiental, en especial contra a instalación de megaproxectos que ameazan os dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais do pobo lenca. Poucas semanas despois de asumir o liderado do COPINH, sobreviviu a un atentado perpetrado contra ela e outros membros desa organización por atacantes armados que buscaron forzar o vehículo dos activistas fóra da estrada.

Notas

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Honduras Categoría:Pobo lenca Categoría:Activistas de Honduras Categoría:Ecoloxistas de Honduras Categoría:Mulleres líderes indíxenas