Venancio Deus Gómez, nado na Coruña na década de 1880 e finado na mesma cidade o 15 de febreiro de 1941, foi un cantante e futbolista galego, que xogaba como defensa. Foi un dos fundadores do Deportivo da Coruña e xogou o primeiro partido da historia do club, formando na defensa xunto a Juan Long. No mundo da música posuía un rexistro de baixo e foi un dos fundadores do coro Cántigas da Terra. Foi pai do cantante Joaquín Deus e do tamén cantante e destacado actor Beni Deus, quen apareceu en preto de 150 filmes.

Traxectoria Naceu na Coruña na década de 1880, sendo fillo do médico municipal Antonio Deus García. Tiña seis irmáns: Eduardo, Balbina, Antonio, Ramón, Francisco e José Luis.

O 2 de maio de 1906 participou na Coruña na fundación do Club Náutico da Sala Calvet, no seo da célebre Sala Calvet. En decembro do mesmo ano disputou o primeiro partido da historia do Deportivo da Coruña, fronte ao Corunna no Corralón da Gaiteira, formando defensa xunto a Juan Long. O 9 de xaneiro de 1907 participou na fundación oficial do club, que adoptou o nome de Club Deportivo da Sala Calvet, e disputou con este o Campionato de Galicia e Asturias en 1907.

Amigo de Xosé Carré Alvarellos e vencellado ás Irmandades da Fala, era un grande afeccionado á música e posuía un rexistro vocal de baixo. Foi un dos fundadores de Cántigas da Terra e cantou como baixo na primeira actuación do coro. Foi tamén membro e directivo da Coral Polifónica El Eco e do coro Queixumes dos Pinos (máis tarde chamado Saudade), xunto a outros intelectuais e persoeiros da época como Víctor Casas, Leandro Carré Alvarellos ou Salvador Fojón.

Faleceu na Coruña o 15 de febreiro de 1941.

Vida persoal Casou en maio de 1910 con Amalia Mejuto Casanova, coa que foi pai de María del Patrocinio, Balbina, Joaquín e Beni Deus.

Véxase tamén Bibliografía

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados no século XIX Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Baixos de España