Jayariyú Farías Montiel, nada en Maracaibo, estado Zulia, Venezuela, o 8 de abril de 1978 e finada ibídem o 21 de setembro de 2017, foi unha xornalista e locutora wayuu venezolana. Fundadora e directora do xornal Wayuunaiki, era activista polos dereitos das comunidades indíxenas.

Traxectoria O seu pai foi o comunicador Gerardo Jesús Farías. A súa nenez estivo marcada polas súas constantes viaxes ao territorio da súa familia no concello Guajira, do estado Zulia. Dedicouse a estudar xornalismo por influencia do seu pai, quen a encamiñou cara ao xornalismo con énfase nas problemáticas sociais das comunidades indíxenas. Foi nai de 3 nenos.

Faleceu no ano 2017 por complicacións dun edema cerebral por mor dunha deficiencia diabética.

Carreira Estudou na Universidade Católica Cecilio Acosta a carreira de comunicación. Ao rematar a súa carreira dedicouse principalmente a sentar as bases do xornal Wayuunaiki, que en principio naceu como un proxecto universitario cando apenas culminaba a súa preparación académica. Foi en abril do ano 2000 que nace o xornal, o cal logrou estenderse no 2006 para chegar até outras rexións e zonas indíxenas de Venezuela e posteriormente á Guajira colombiana, converténdose nun proxecto binacional que alcanzaría a cubrir toda a zona fronteiriza que foi territorio das comunidades wayuu.

No ano 2010 o xornal obtén o premio Nacional ao xornalismo en Venezuela. Tamén foi nomeado ao «Premio PIDC-UNESCO de Comunicación Rural» no 2011. O 13 de abril do ano 2015 saíu a edición 191 que se titulou “Mil historias que contar”.

En maio de 2012, Jayariyú Farías Montiel denunciou ante o Foro Permanente para as Cuestións Indíxenas da ONU realizado en Nova York, os constantes derramamentos petroleiros en varios ríos da rexión Guajira colombo-venezolana,ONU: Denuncian impactos extractivos en comunidades Wayuu de Colombia y Venezuela así como tamén o desvío do río Ranchería no departamento da Guajira colombiana por parte da empresa Cerrejón.

Notas

Categoría:Nados en Maracaibo Categoría:Nados en 1978 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Pobo wayuu Categoría:Escritores en lingua wayuu Categoría:Xornalistas de Venezuela