Xosé María Gómez Clemente, nado en Ourense en 1962, é un filólogo e profesor galego.
En 2025 foi elixido académico correspondente da Real Academia Galega.
Traxectoria
É profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa, Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universiade de Vigo.
Foi secretario do Departamento de Filoloxía Galega da UVigo e secretario e vicedecano da Facultade de Filoloxía e Tradución, director da Área de Calidade (2014-2018) e secretario da Cátedra José Saramago.
Membro do grupo de Tecnoloxías Aplicadas á Lingua Galega da Universidade de Vigo, a súa investigación céntrase no campo da neoloxía, a lexicografía e a terminoloxía, así como na aplicación das ferramentas informáticas ao estudo do galego. Dende 2024 é membro dos Seminarios de Lexicografía e Terminoloxía da RAG. Foi ademais presidente da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011), promotora da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego.
Gómez Clemente estudou a creación de novas palabras e expresións en galego partindo da súa recolla na prensa. Colaborou en dicionarios e vocabularios especializados da Rede Panlatina de Terminoloxía e Neoloxía (REALITER) e no proxecto Termoteca da UVigo, traballou no Corpus Técnico do Galego e foi coautor do capítulo “Neology and Terminology” para o mencionado Manual of Galician Lingüistics. Foi redactor do Dicionario de sinónimos (1997), corrixido e ampliado en 2015, e do Dicionario de sinónimos do galego, e membro da Rede de Lexicografía RElex (2012-2018). Tamén membro do equipo de Galnet, iniciativa para integración da lingua galega na rede léxico-semántica interlingüística de WordNet, e do proxecto do Dicionario Histórico e Etimolóxico da Lingua Galega.
Ten colaborado en Estudos de lingüística galega, Cadernos de fraseoloxía galega, Anuario de estudos literarios galegos, Viceversa: revista galega de traducción, Grial: revista galega de cultura.
Foi coordinador da materia de Lingua Galega e Literatura da ABAU.
Obras
Libros colectivos
Diccionario de sinónimos da lingua galega (1997). Galaxia. Neoloxía e lingua galega: teoría e práctica (2003). Universidade de Vigo. Sementar para os que veñan: homenaxe a Camiño Noia (2012). Universidade de Vigo. Vocabulaire panlatin des pneumopathies professionelles (2012). Office québécois de la langue française. A colección fraseoloxica de Vicente Risco (2020). Galaxia.
Tradución
Señor das moscas de William Golding (1993). Sotelo Blanco. Vida brava de Richard Ford (1995). Sotelo Blanco.
Edición
Narrativa breve de Ramón Otero Pedrayo (1993). Galaxia.
Notas
Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1962 Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Filólogos de Galicia Categoría:Lexicógrafos Categoría:Tradutores de Galicia Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega