Sociedade Financeira Industrial (SOFINDUS) foi un conglomerado de empresas da Alemaña nazi que existiu en España durante a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial. Establecida no verán de 1936 polo xefe da espionaxe nazi Wilhem Canaris, chegou a contar cun gran número de empresas filiais. A través de SOFINDUS, a Alemaña nazi tivo unha importante influencia económica na España franquista, ata a súa desaparición en 1945.

Historia En novembro de 1938, o empresario nazi Johannes Bernhardt, residente no Marrocos español dende 1929, organizou en Lisboa a Sociedade Financeira Industrial (SOFINDUS), cun capital valorado en dous millóns e medio de pesetas. Bernhardt xa fundara en xullo de 1936 a Sociedade Hispano-Marroquí de Transportes (HISMA), unha empresa pantasma que servía como tapadeira para o tráfico de armas destinado ao bando sublevado.

En 1939, SOFINDUS, que tiña a súa sede central no número 1 da avenida do Generalísimo de Madrid, contaba xa con delegacións en oito cidades españolas e cun persoal de 260 empregados. Para entón, tiña catorce filiais encargadas de diversas actividades (transportes, minería, maquinaria, coiros, viño e froitas). A maior parte do capital era alemán, pero a xestión deses cartos realizaouse a través de testaferros españois para non incumprir a lexislación española, que establecía un límite do 25% para o capital estranxeiro. Aínda que SOFINDUS estivo parcialmente controlado pola administración franquista, en realidade estaba subordinada á dirección de ROWAK e recibía os seus fondos económicos de Alemaña.

Durante a Segunda Guerra Mundial, SOFINDUS tivo unha intensa actividade comercial hispano-alemá. En agosto de 1941, creouse a compañía Transcomar (Compañía Marítima de Transportes), que durante dous anos encargouse de transportar ata 125.000 toneladas de mercancía ás forzas do Eixo localizadas no norte de África, baixo a bandeira española, grazas a súa declaración de neutralidade no conflito mundial. En marzo de 1943 fundouse outra filial, a compañía Somar, encargada da adquisición de fluorita e volframio, dous minerais de gran valor estratéxico para a industria bélica nazi. Máis adiante, en 1944, SOFINDUS participou no contrabando de subministracións ás guarnicións alemás que quedaran illadas na costa atlántica francesa tras o desembarco de Normandía.

A actividade de SOFINDUS non só supuxo unha gran preocupación para os Aliados, senón que tamén provocou as protestas dalgunhas compañías alemás en España polo seu carácter de monopolio. Cesou as súas actividades co final da Segunda Guerra Mundial e, en outubro de 1945, as autoridades franquistas acordaron coas autoridades británicas, francesas e estadounidenses, que o patrimonio e os activos de SOFINDUS quedaran baixo o control das potencias aliadas.

Notas

Referencias

Véxase tamén Bibliografía

Bibliografía adicional

Categoría:Segunda guerra mundial Categoría:Franquismo Categoría:Nazismo