David Cordón Mancha, coñecido como Davinchi, nado en Huelva o 16 de outubro de 2007, é un futbolista andaluz que xoga na posición de lateral esquerdo. O seu equipo actual é o Getafe Club de Fútbol da Primeira División.

Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do Recreativo de Huelva. En 2017 ingresou na base do Real Betis, onde permaneceu cinco anos até o seu regreso ao equipo onubense en 2022. O 6 de decembro de 2023, sendo aínda un xogador xuvenil de 16 anos, Davinchi asinou o seu primeiro contrato profesional co Recreativo. En maio de 2024 foi convocado para xogar un partido de Primeira Federación ante o UD Ibiza, aínda que non chegou a debutar.

No verán de 2024, Davinchi xogou a pretempada co primeiro equipo. O 25 de agosto dese ano tivo lugar a súa estrea sénior nun encontro contra o Mérida AD. Neste partido anotou o segundo gol e asistiu a Álex Gálvez para o terceiro, cun resultado final 3-3. Á idade de 16 anos, 10 meses e 9 días, Davinchi converteuse no terceiro xogador máis novo en marcar un gol na Primeira Federación desde a súa fundación en 2021, tan só por detrás de Marc Bernal e Álvaro Leiva. Ademais dun único partido co filial onubense, Davinchi foi titular habitual no Recreativo cun total de 32 partidos na tempada 2024/25.

En xullo de 2025, Davinchi asinou un contrato de tres anos co Getafe Club de Fútbol da Primeira División. O Recreativo demandou o club madrileño tras esta operación, ao entender que non se aboou a cantidade axeitada para a cláusula de rescisión. O 17 de agosto dese ano tivo lugar o debut profesional de Davinchi, xogando como titular nun partido ante o Celta de Vigo.

Traxectoria internacional En outubro de 2024, Davinchi foi convocado por primeira vez para participar na selección de fútbol sub-18 de España. Nos seguintes meses xogou regularmente neste conxunto.

Vida persoal O pai de Davinchi, David Cordón Cano, xogou durante anos selección de fútbol praia de España, sendo compañeiro de futbolistas como Quique Setién ou Ramiro Amarelle. Foi unha das vítimas mortais do accidente ferroviario de Adamuz que aconteceu o 18 de xaneiro de 2026.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Davinchi en LaPreferente.com

Categoría:Nados en 2007 Categoría:Nados en Huelva Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva B Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva Categoría:Xogadores do Getafe CF