Fernando Silva Sande, nado en Carnota en 1954, é un exmembro da organización GRAPO, de cuxos comandos foi responsable co alcume de "Antón". Traxectoria En 1974 Silva Sande integrouse na Organización Marxista–Leninista de España (OMLE), antecesor do Partido Comunista de España (reconstituído), onde ingresou en 1975. Traballou un tempo na fábrica de armas de La Vega, en Oviedo. Tras diplomarse en Maxisterio, no verán de 1976 cometeu o seu primeiro delito ao fuxir do cuartel de Infantería de Santiago de Compostela onde facía o servizo militar con 16 pistolas e tres subfusís. Ese ano converteuse no responsable dos GRAPO en Barcelona. En xaneiro de 1977 participou no secuestro do tenente xeneral Emilio Villaescusa, presidente do Consello Supremo de Xustiza Militar, e tamén nun atraco a unha oficina da Caja Postal de Ahorros en Madrid, no que morreu un garda civil e outros tres resultaron feridos.

En febreiro de 1977 foi detido en Barcelona e estivo en prisión até maio de 1988. En 1981 participou nunha folga de fame de presos do GRAPO en protesta polo réxime de encarceramento, polo que tivo que ser trasladado en estado crítico dende a prisión de Torrero ao hospital penitenciario de Carabanchel, en Madrid.

Tras a súa saída do cárcere en agosto de 1988 integrouse de novo na organización facéndose cargo do comando itinerante. Participou en varios atracos, entre eles o da sucursal do Banco de España en Santiago de Compostela (marzo de 1989) no que morreron dous gardas civís, e mais no da Delegación de Facenda de Xixón (decembro de 1989), no que faleceron outros dous gardas civís. Detido un ano despois, en setembro de 1990 intentou fuxir da prisión de Cartaxena, e foi levado aos cárceres de Granada, Alcalá-Meco e de novo Granada. O 31 de marzo de 1992 logrou escapar de prisión, cando estaba á espera de xuízo por dous asasinatos atribuídos aos GRAPO: o do coronel retirado de Infantería Manuel López Muñoz (15 de xuño de 1990), e o de José Ramón Muñoz Fernández, xefe de medicina interna do Hospital Miguel Servet de Zaragoza (17 de marzo de 1990), que se encargara de alimentar en contra da súa vontade 17 membros do GRAPO en folga de fame. Retomou de novo a militancia nos GRAPO. O 1 de xullo de 1994, mentres residía en Barcelona, organizou o roubo violento a un camión de Prosegur en Sant Quirze del Vallès, colocando explosivos nos baixos do blindado, ferindo os tres gardas e levando consigo máis de 25 millóns de pesetas. A súa última grande acción foi a participación no secuestro, en xuño de 1995, do industrial zaragozano Publio Cordón, do que nunca se volveu saber, a pesar de que os GRAPO afirmaron no seu momento que liberaran tras cobrar o rescate. Silva Sande formaba parte do comando que se encargou do secuestro e da custodia de Cordón. En novembro de 2000 foi detido en Francia xunto a outros seis membros dos GRAPO, entre eles Manuel Pérez Martínez "Arenas", líder da organización. Condenado a prisión por asociación con fins terroristas, foi entregado temporalmente a España en 2005 e extraditado definitivamente en 2007, e xulgado polo secuestro de Publio Cordón, sendo condenado a 28 anos de cárcere. En diversos xuízos considerouse probado que ordenara o asasinato do coronel López Muñoz (29 anos de cárcere), o do médico José Ramón Muñoz (30 anos) e que participara no asalto a un furgón blindado en Vigo no que resultaron mortos dous vixiantes en maio de 2000 (135 anos, logo reducidos a 129). Tras a detención de Silva Sande en Francia deu a coñecer o seu distanciamento da organización; segundo a súa avogada, "Silva renegou en 2000 dos GRAPO tras un proceso de reflexión". No xuízo que se celebrou en xaneiro de 2010 en relación co asalto ao furgón blindado de Vigo, os seus antigos compañeiros afirmaron que Silva Sande fora expulsado dos GRAPO tras o asalto por poñer en perigo a vida de compañeiros e acusárono de violar unha das súas compañeiras, se ben a avogada de Silva Sande afirmou que as relacións sexuais foran consentidas e que todo se trataba dunha vinganza por deixar os GRAPO. A finais de 2008 Silva Sande ofreceuse a colaborar coa xustiza española para aclarar casos non resoltos dos GRAPO. En agosto dirixiulle un escrito á Audiencia Nacional no que lles pedía perdón ás súas vítimas:

Tamén cualificou os GRAPO como "seita medieval". Respecto á súa colaboración coa xustiza, Silva Sande declarou que Publio Cordón morreu durante o secuestro. Segundo as súas declaracións, Cordón falecería poucos días despois de ser secuestrado, ao tratar de fuxir por unha ventá en Bron, na periferia de Lyon. Silva Sande enterraríao no bosque, na zona do mont Ventoux. Con todo, malia que as policías española e francesa rastrearon a zona, nunca atoparon os restos do empresario.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Categoría:GRAPO Categoría:Nados en Carnota Categoría:Nados en 1954 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes