O termo aporía (do grego ἀπορία, 'dificultade para o paso') fai referencia aos razoamentos nos que xorden contradicións ou paradoxos irresolúbeis. En tales casos as aporías preséntanse como dificultades lóxicas case sempre de índole especulativa.

Moitas especulacións que no seu momento foron consideradas aporías (é dicir, paradoxos irresolúbeis) logo foron resoltas grazas aos avances cognitivos ou aos cambios de paradigma, de cosmovisión ou de episteme. Gaston Bachelard observou que con moita frecuencia os nenos, independentemente do xénero, tenden a tomar por naturais coñecementos ou percepcións da realidade que lles son contemporáneos, ao seren difundidos polos sistemas educativos e/ou polos medios de comunicación. Porén, para os seus proxenitores ou ancepasados tales temas adoitan ser difíciles de entender. Bachelard chama a isto «mutación epistemolóxica». Por exemplo, malia descoñeceren as bases científicas da gravidade, os nenos de cultura occidental ou occidentalizada adoitan dar por sobreentendido que ninguén cae do planeta aínda que este sexa «redondo».

Etimoloxía A palabra ten orixe no grego ἄπορον co significado de «algo moi difícil de entender ou de interpretar, impracticábel». A palabra xorde coa partícula negativa ou privativa "α" e a palabra πόρος (pasaxe). Cando se efectuaba unha pregunta que non tiña resposta, os antigos filósofos gregos, en especial os academistas, adoitaban expresar: «ἀπορέω», é dicir, «non se pode a través disto», co significado de «isto non pode ser aclarado». Tamén recibe o nome de «aporía» a fase da maiéutica de Sócrates na cal aparece o «falso saber».

Os sofistas e a Escola de Mégara recorreron ás aporías. Tamén se nota o seu uso, por exemplo, en Platón e no estoicismo.

As aporías de Anaxágoras e Demócrito Se, por exemplo, se parte da definición da materia como extensa tende a chegarse á conclusión de que a materia é divisible ad infinitum. Por máis pequena que sexa a fracción que se obtén da división, sendo material é entón extensa, e por isto aínda sempre divisíbel ulteriormente. Esta era a tese de Anaxágoras, quen sostiña a teoría de «sementes» infinitas, partículas orixinarias divisíbeis ao infinito.

Porén, se se presupón que a característica fundamental da materia é a extensión (presuposto que pode ser unha petición de principio) e polo tanto a súa divisibilidade ad infinitum, preguntábase Demócrito como é posíbel que existan obxectos finitos, algo que parece ser antiintuitivo. Para el as cousas finitas non poden derivar do infinito, e de aí a necesidade que tivo de pensar que a materia está composta por partículas indivisíbeis: os átomos. A propia palabra «ἄ-τομος» significa precisamente «indivisíbel».

Os gregos tiñan, xa que logo, dúas conclusións: a infinita divisibilidade da materia ou a non infinita divisibilidade da materia. Esta antinomia parecía oporse a todo pensamento racionalmente válido, polo que a cuestión era entón unha aporía.

A física cuántica supera o concepto de átomo. Observa que o propio átomo, como constitutivo da materia, é só un signo da materia, incluso unha negación da mesma. Se toda a materia está composta de átomos, entón os átomos mesmos non poden ser materiais. A mecánica cuántica viu como o átomo se disolve na pura nada, nunha pura posibilidade de «estar aí», pero que non é algo extenso e con forma como crían os atomistas.

A aporía socrática A aporía tamén é unha fase da maiéutica de Sócrates que tende a liberar o suxeito do «coñecemento» falso, é dicir, do «coñecemento» baseado en ter a convicción de certas «verdades». O interlocutor de Sócrates, de feito, fronte a presión do mestre que constantemente o interroga buscando definicións cada vez máis precisas sobre o tema da discusión, chega ao final á aporía, á canella sen saída. Así, declara a súa incompetencia para dar unha resposta definitiva e precisa. Ao final recoñece que a súa certeza inicial era inexistente.

A aporía de Jacobi A finais do século XVIII e inicios do XIX, Friedrich Heinrich Jacobi critica no texto Über den transcendentalen idealismus («Sobre o idealismo transcendental») os postkantianos (entre eles Fichte e Schelling), quen expuxeron de xeito romanticista toda razón derivada como dun «eu transcendental». Jacobi considera que o idealismo transcendental proposto por Kant, malia ser principalmente consciente, é tan radical nisto que o fenoménico queda pechado na subxectividade. Quedan por isto censuradas ou descoñecidas as heterorreferencias que constitúen a mesma razón que se tenta afirmar. Deste xeito, o idealismo da razón trastórnase nun fatalismo que anula a razón mesma e, por ser fatalista, anula do mesmo xeito a liberdade.

Karl Jaspers critica a Husserl por observarlle doxas aporéticas Por outra banda, na primeira metade do século XX Karl Jaspers criticou a fenomenoloxía do «primeiro» Edmund Husserl. Jaspers observouna encerrada nunha aporía debido a que a fenomenoloxía husserliana (na cal se inspirou bastante Jean-Paul Sartre) mantense no subxectivismo do cogito exposto por Descartes. O fenómeno fica dentro da consciencia e a mesma consciencia dentro dun ego (aínda que se lle denomine «ego transcendental»). O problema notábel de tal noción do fenómeno sería que el (ou os fenómenos) quedarían pechados no dialelo hylético (ou sensorial). O seu trasunto extrasubxectivo sería o dun en si ou (en termos kantianos) un noúmeno inaccesíbel á consciencia. O filósofo español Ricardo Sánchez Ortiz de Urbina criticou de maneira similar o idealismo de Husserl ao entender que non hai un «ego transcendental».

O uso moderno da aporía Na era contemporánea a aporía significa a imposibilidade de resolver un problema se se comeza a partir de certas premisas. Se se desexa refutar unha teoría precisamente téndese a demostrar que tal teoría é contraditoria ou que xera contradicións insolúbeis.

Exemplos Zenón de Elea, en defensa das teorías de Parménides, expuxo as que no seu tempo eran aporías, por exemplo, que «demostraba a imposibilidade lóxica do movemento» ou o paradoxo de Aquiles e a tartaruga. Aquiles, o máis veloz dos homes, nunca podería alcanzar a lenta tartaruga se esta partira un momento antes ca el, xa que a «cada espazo que avanzaba Aquiles a tartaruga sempre estaba un espazo adiantada». Aristóteles tentou unha primeira refutación ao razoamento zenoneano. Para Aristóteles débese distinguir entre o infinito en potencia e o finito en acto. Potencialmente cada segmento é infinitamente divisíbel; en cambio, en acto ou «actualmente» cada segmento é divisíbel e pode ser «actuado». Aínda que a refutación aristotélica é xenial, ten certo matiz de hipótese ad hoc. Xa no século XX Henri Bergson considera acertadamente que Zenón espacializou o tempo e aplicou ao movemento e ao tempo os conceptos de cousa e ser. Case de xeito coetáneo a Bergson, Bertrand Russell demostrou que a serie de puntos dunha liña son un continuo matemático. Polo tanto, son inexistentes os momentos consecutivos ou terceiros momentos que se interpoñan ad infinitum entre un par de momentos dados. Tanto Bergson como Russell demostran, cada cal ao seu modo, que a aporía zenoniana se soluciona se se inclúe a variábel tempo, que era a dimensión que omitía Zenón de Elea no século V a. C. debido ao seu paradigma epocal ou á súa cosmovisión.

A idea da nada adoita expor unha aporía, xa que supón a «existencia» de algo que por definición non existe.

George Berkeley no século XVII (e en xeral o solipsismo) expoñen unha aporía: como se pode demostrar que a realidade obxectiva é realmente obxectiva e non unha creación ilusoria subxectiva? Berkeley valeuse da imaxinación, as ilusións e mesmo os delirios como posibles elementos demostrativos do solipsismo. Un dos primeiros xeitos de refutación desa aporía atópase na conciencia intencional exposta por Franz Brentano, xa a fins do século XIX e inicios do XX: «Toda conciencia é conciencia de algo (externo ou transcendente á conciencia)».

O cosmos, respecto aos seus límites espaciotemporais, expón aporías que en parte se resolven coa hipótese do universo autocontido, hipótese resolutoria sostida principalmente por Stephen Hawking (na segunda metade do século XX e inicios do XXI). Algo similar ocorre coas teorías creacionistas do Universo. Se, como o sentido común expuxo con frecuencia, o Universo non pode saír da nada e, por isto, «necesita dun Creador», non necesita pola súa banda outro Creador o Creador do Universo (e así ad infinitum), xa que nada sae da nada?Con todo, varios pensadores, especialmente os teístas e os relixiosos, propoñen algo que na epistemoloxía do s. XX e o que vai do s. XXI se considera unha hipótese ad hoc: a existencia ou se acaso a insistencia ou aseidade dun factor case sempre intelixente Creador omnipotente que non necesitou ser creado ao ser eterno e omnipotente e que pola súa omnipotencia puido, pode e poderá crear todo (e mesmo destruílo).

Na ética atópanse aporías como esta: existe liberdade para non ser libre? A aporía inversa pode observarse na filosofía de Sartre: a necesidade ou ananké do ser humano é proxectarse á liberdade e ser libre. Comunmente, se se descarta a dialéctica, a necesidade ou ananké considérase como un oposto á liberdade.

As «viaxes no tempo» implican paradoxos que moitos consideran irresolúbeis (aporías). Destas a máis coñecida é o chamado paradoxo do avó. Con todo, a inicios do século XXI Frank Tipler deu unha explicación bastante lóxica que resolvería esta aporía: «se alguén viaxa ao pasado vólvese parte do pasado, e por isto non pode cambiar nin o pasado nin o futuro».

O paradoxo de Russell incumbente en principio ás ciencias matemáticas é, desde o punto de vista filosófico, outro exemplo de aporía.

Os teoremas de incompletitude de Kurt Gödel demostrados no século XX resolven algúns paradoxos da lóxica.

O concepto de realidade virtual supón, segundo Román Gubern (na segunda metade do século XX e inicios do XXI), unha aporía, porque nada pode ser real e virtual ao mesmo tempo. Porén, esta formulación é falaz xa que o virtual non é un subconxunto da realidade? Como o notou Jacques Lacan: non debe confundirse a realidade co real.

Tamén é coñecida o «paradoxo» do ovo e a galiña. En realidade durante séculos foi un dilema, que pechaba un dialelo, transformado nunha aporía. O enunciado simplista é: «que foi primeiro, o ovo ou a galiña?». Con esta aporía moitos de quen a utilizaban tentaban demostrar que «era irresolúbel» se non aparecía un terceiro factor divino que era o creador. Con todo, a teoría da evolución das especies explica perfectamente o suposto irresolúbel galimatías. O primeiro sempre foi o ovo, xa que as galiñas actuais descenden da mutación xenética que algún devanceiro anterior ás galiñas deixou no ovo. Polo que se sabe, todas as aves actuais descenden dos desaparecidos dinosauros terópodos, que á súa vez descenden de réptiles, estes dos anfibios, estes dos peixes e así, pasando polos cenobios, a diminutos protozoos, até chegar aos Prokaryotas aínda máis diminutos como bacterias e antes aos protobiontes como poden ser os coacervados. Estes incluirían o LUCA (Último Devanceiro Común Universal da Vida pola súa sigla en inglés), antes ás moléculas como o ARN, e antes ás moléculas (por exemplo os aminoácidos e en especial as de biopolímeros baseadas nos átomos de carbono) e antes aos complexos átomos de carbono, os simples átomos de hidróxeno e antes os quarks e quizais antes as hipotéticas branas e cordas subatómicas e antes o bosón de Higgs e antes seica o practicamente etéreo campo de Higgs.