Rafael Latorre García, nado en Pontevedra o 26 de xuño de 1981, é un periodista e locutor de radio galego en lingua castelá.

Traxectoria Licenciado en Xornalismo, comezou como bolseiro no xornal da súa cidade natal, o Diario de Pontevedra. Despois saltou á radio, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira.

En 2002 comezou a traballar nos servizos informativos da Cadena COPE. En 2004 formou parte do equipo fundador de Punto Radio, onde foi xefe da seccións de Sociedad ou Internacional e correspondente diplomático. Enviado especial a máis de vinte países, cubriu como reporteiro todo tipo de acontecementos informativos, como a campaña electoral de Barack Obama en 2008, o Cumio do Cambio Climático de Bali (2007), a desconexión de Gaza e outros encontros e procesos electorais. En 2009 foi nomeado subdirector do programa Protagonistas, con Félix Madero e Luis del Olmo.

En 2015 contribuíu a fundar unha televisión como director de contidos de Non Stop People (Movistar+) e un diario dixital, como subdirector de ZoomNews. Foi columnista en El Español dende o seu primeiro número en 2015. En setembro de 2017 entrou a traballar en El Mundo, xornal no que escribe na actualidade (2025) a súa columna Correr la Milla.

En 2015 tamén comezou a colaborar na emisora Onda Cero, no espazo Más de uno de Carlos Alsina, onde ata xullo de 2022 fixo a diario un resumo de prensa na sección La España que madruga baixo o pseudónimo de Gallo Latorre e tamén participaba como analista político na tertulia posterior.

Dende o 1 de setembro de 2022 presenta e dirixe o programa nocturno La brújula da mesma cadea, en substitución de Juan Ramón Lucas. E segue colaborando a diario en Más de uno.

Obra En 2018 publicou Habrá que jurar que todo esto ha ocurrido, editado por La Esfera de los Libros, unha crónica do Procès catalán na que agoiraba, antes do xuízo ós independentistas no Tribunal Supremo, que un pacto político imporía a amnesia sobre os graves sucesos de Cataluña.

Recoñecementos Premio de Xornalismo Salvador de Madariaga 2021, pola "calidade das súas análises, pola brillantez dos seus enfoques de opinión e polos valores europeístas que se filtran con naturalidade nas súas columnas e crónicas". Outórgano anualmente a Asociación de Xornalistas Europeos, a representación en España da Comisión Europea e a Oficina en Madrid do Parlamento Europeo. Antena de Oro 2025 na categoría de Radio, "polo seu rigor xornalístico e o seu labor fronte ó programa La Brújula". Outórgao anualmente a Federación de Asociacións de Radio e Televisión.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Columna Correr la Milla (El Mundo): Sección El monólogo de las 8 (Onda Cero): Lista de reprodución de La Brújula (Onda Cero): Lista de reprodución de breves sobre a opinión de Rafa Latorre (Onda Cero):

Categoría:Xornalistas de Galicia Categoría:Xornalistas radiofónicos de Galicia Categoría:Personalidades da radio de España Categoría:Xornalistas de Pontevedra Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1981