Phalotris shawnella é unha especie de serpe non velenosa da familia Colubridae, descrita cientificamente en 2022. É endémica de Paraguai e pertence ao xénero Phalotris, un grupo de ofidios suramericanos caracterizados por hábitos semifosoriais e coloración rechamante.
Descrición Phalotris shawnella caracterízase por unha coloración distintiva que combina unha cabeza de vermello intenso, un colar calugal amarelado, unha banda lateral negra e escamas ventrais alaranxadas con manchas negras irregulares, que permiten diferenciala doutras especies do mesmo xénero. Ademais, presenta trazos anatómicos específicos, como a disposición de escamas cefálicas e estruturas reprodutivas particulares (hemipenes), utilizados no seu diagnóstico taxonómico. Como outras especies do xénero, é unha serpe de hábitos semifosoriais, o que implica que pasa gran parte do tempo baixo terra ou no subsolo.
Distribución A especie é endémica de Paraguai, onde foi rexistrada exclusivamente no departamento de San Pedro, na rexión oriental do país. Coñécense unicamente dúas localidades principais, separadas por 90 quilómetros, Colonia Volendam e Laguna Blanca; a 280 quilómetros da capital paraguaia.
Etimoloxía O epíteto específico shawnella é un nome composto en honra a Shawn Ariel Smith Fernández e Ella Bethany Atkinson, nenos nados en 2008, mesmo ano que a creación da ONG Fundación Para La Tierra, á que pertencen os investigadores que fixeron o descubrimento. Segundo os fundadores da organización, os dous nenos inspiraron á súa iniciativa de conservación da fauna paraguaia para as futuras xeracións.
Conservación Phalotris shawnella é considerada unha especie rara e potencialmente ameazada. Ata o momento da publicación do artigo científico anunciando o seu descubrimento, só rexistráronse tres individuos, o que levou a propoñer a súa clasificación como «especie en perigo» segundo criterios da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).
Notas
Categoría:Colúbridos Categoría:Animais descritos en 2022 Categoría:Réptiles de Paraguai Categoría:Fauna endémica de Paraguai Categoría:Especies en perigo de extinción