A COMDEX (acrónimo en inglés de «COMputer Dealers' EXhibition» ou «exposición de comerciantes de informática») foi unha feira informática na que os fabricantes de hardware e software presentaban os seus produtos ao público. Entre as feiras informáticas máis importantes dos Estados Unidos e, polo tanto, do mundo (dado o importante papel que sempre tivo Estados Unidos a nivel internacional no sector informático), celebrouse en diversos países entre 1979 e 2005.
Inicialmente a feira estaba reservada para comerciantes e distribuidores. En 1979 a primeira edición contou con 157 expositores e 4.000 visitantes. En 1981 a primeira edición de verán da feira contou con 237 expositores e 11.000 visitantes. No período de máximo éxito, algunhas edicións celebradas nos Estados Unidos a finais do século pasado superaron os 2.000 expositores e os 200.000 visitantes.
Traxectoria A feira foi creada por The Interface Group (propiedade de Sheldon Adelson). En 1995 vendeuse a feira ao SoftBank xaponés e en 2001 ao Key3Media Group estadounidense. Despois dunha bancarrota temporal, Key3Media Group renaceu en 2003 como MediaLive International.
Paralelamente a outras feiras informáticas, a COMDEX tamén se viu afectada polo colapso do boom informático, representado en parte pola burbulla das puntocom, coas conseguintes importantes reducións do número de participantes: de preto de 200.000 en 2000 a 120.000 e 80.000 nas dúas edicións seguintes.
A COMDEX/Fall 2003 de Las Vegas, que acadou preto de 40.000 visitantes, foi descrita por diversos xornalistas como «a máis pequena de sempre» e foi a última edición do evento na casa: a mediados de 2004 MediaLive cancelou a feira programada para o mesmo ano, suxerindo que se celebrase de novo en 2005, pero isto non sucedeu.
En 2010, a feira foi relanzada por United Business Media como un evento en liña, COMDEX Virtual, que tivo continuidade en dúas edicións máis.
Edicións A seguinte táboa enumera as distintas edicións de COMDEX. Para cada edición indícase o ano e os días nos que tivo lugar, a cidade e localidade onde se realizou e o nome recibido.