As últimas execucións do franquismo foron cinco fusilamentos levados a cabo o 27 de setembro de 1975, pouco antes da morte do ditador Franco en novembro dese ano. As vítimas foron Xosé Humberto Baena, José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz, pertencentes á Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriota (FRAP), e Jon Paredes Manot (Txiki) e Ángel Otaegi, membros de Euskadi Ta Askatasuna (ETA). As execucións tiveron lugar en Hoyo de Manzanares (Madrid), Barcelona e Burgos.
Foron as derradeiras penas de morte executadas en España. A pena de morte foi abolida en 1978 polo artigo 15 da Constitución do 1978, aínda que se mantivo unha excepción para tempos de guerra. En 1995 aboliuse tamén neste suposto mediante a Lei orgánica 11/1995.
dereita|miniatura|300x300px|Retratos de «Txiki» e Otaegi.
Antecedentes históricos Nos últimos anos da ditadura, o terrorismo golpeaba o réxime e os sectores máis duros pedían maior contundencia. Isto rematou coa aplicación da pena de morte para delitos de sangue con connotación política en 1974 e 1975, medida que non se aplicaba desde 1963.
A partir do 14 de xullo, tralos asasinatos de varios policías e gardas civís, foron detidas decenas de militantes do FRAP e de ETA. Aos detidos aplicóuselles de forma retroactiva un novo decreto segundo o cal non era necesario demostrar que se atopasen no lugar dos feitos.
Neste contexto, o tribunal militar ditou 11 condenas a morte no verán de 1975. O goberno franquista executou cinco delas, mentres que as outras seis foron conmutadas por unha pena máxima de 30 anos de cárcere.
En diferentes consellos de guerra, foron condenados a morte oito membros do FRAP e tres da rama político-militar de ETA pola súa participación no asasinato de catro funcionarios entre 1974 e 1975: os axentes da Policía Armada Lucio Rodríguez Martín e Ovidio Díaz López, e os gardas civís Gregorio Posadas Zurrón e Antonio Pose Rodríguez.
Os consellos de guerra e as condenas O 28 de agosto de 1975 celebrouse un consello de guerra ordinario no Rexemento de Artillaría de Campaña 63 de Burgos, onde foron xulgados José Antonio Garmendia Artola e Ángel Otaegi, membros de ETA político-militar. Xulgóuselles por un delito de terrorismo que provocou a morte do cabo do servizo de información da Garda Civil Gregorio Posadas Zurrón en Azpeitia (Gipúzkoa) e foron condenados a morte segundo o Código de Xustiza Militar. Garmendia foi condenado como autor material do atentado e a Otaegi atribuíuselle a cooperación necesaria, ao considerarse que preparara minuciosamente o atentado. Finalmente, a Garmendia conmutóuselle a pena de morte pola de reclusión. Otaegi foi executado por fusilamento en Burgos.
O 19 de setembro de 1975 celebrouse un consello de guerra sumarísimo no Goberno Militar de Barcelona, no que foi xulgado Jon Paredes Manot (Txiki), membro de ETA político-militar, polo atraco a unha sucursal do Banco Santander en Barcelona no que morreu o cabo primeiro da Policía Armada Ovidio Díaz López. Foi condenado a morte segundo o Código de Xustiza Militar e foi executado por fusilamento en Barcelona.
En 2025 o Goberno español declarou estes dous consellos de guerra «ilegais, ilexítimos e radicalmente nulos» pola vulneración dos requisitos básicos dun xuízo xusto.
Os días 11 e 12 de setembro de 1975 celebrouse nas dependencias de El Goloso, preto de Madrid, o consello de guerra sumarísimo contra os cinco militantes do FRAP Manuel Blanco Chivite, Vladimiro Fernández Tovar, Xosé Humberto Baena, Pablo Mayoral Rueda e Fernando Sierra Marco. Eran xulgados polo atentado no que morreu o policía armado Lucio Rodríguez Martín en Madrid. Tres dos acusados, Manuel Blanco Chivite, Vladimiro Fernández Tovar e Xosé Humberto Baena, foron condenados a morte, aínda que Manuel e Vladimiro serían indultados e condenados a reclusión. Baena foi executado por fusilamento en Hoyo de Manzanares (Madrid).
O xuízo a Xosé Humberto Baena foi posteriormente considerado sumamente irregular e, en 2025, o Goberno español anulou a súa sentenza e recoñeceuno como vítima. Non se respectaron os dereitos do acusado nin as súas garantías persoais; por exemplo, ningunha das 200 instancias presentadas polos letrados que o defendían foron admitidas.
O 18 de setembro de 1975, nas mesmas dependencias militares de El Goloso, celebrouse un consello de guerra sumarísimo contra seis membros do FRAP: José Fonfría Díaz, Concepción Tristán López, María Jesús Dasca Pénelas, Manuel Cañaveras de Gracia, José Luis Sánchez-Bravo e Ramón García Sanz. Foron xulgados pola morte do tenente da Garda Civil Antonio Pose Rodríguez nun atentado en Carabanchel. José Fonfría foi condenado a reclusión e os demais á pena de morte, aínda que finalmente foron indultados todos eles menos José Luis Sánchez-Bravo e Ramón García Sanz. Ambos foron executados, xunto con Baena, por fusilamento en Hoyo de Manzanares.
Das 11 condenas a morte resultantes dos xuízos, o Consello de Ministros do venres 26 de setembro de 1975 indultou seis dos condenados e deu o «enterado» para os outros cinco: Xosé Humberto Baena, José Luis Sánchez-Bravo, Ramón García Sanz, Jon Paredes Manot (Txiki) e Ángel Otaegi. Estas penas de morte executáronse o día seguinte, sábado 27 de setembro de 1975.
Intentos para evitar os fusilamentos En Europa e nas democracias occidentais convocáronse numerosas mobilizacións para evitar as execucións. O primeiro ministro de Suecia Olof Palme saíu ás rúas de Estocolmo cunha caixa para recadar fondos en favor das familias dos condenados. Varios países retiraron os seus embaixadores e pediuse a expulsión de España da ONU. Mesmo en Lisboa foi atacado o Palacio de Palhavã, sede da embaixada de España, como forma de protesta.
A noite do 26 de setembro de 1975, o papa Paulo VI telefoneou a El Pardo para solicitar clemencia a Franco, chamada que este non respondeu. A nai de Otaegi visitou o cardeal Jubany, o bispo Iniesta e o cardeal Vicente Enrique y Tarancón.
Nicolás Franco, irmán do ditador, escribiulle pedíndolle que reconsiderase a súa decisión. Victoria, irmá de José Luis Sánchez-Bravo, acudiu á casa de Pilar Franco, irmá do ditador, para pedir o indulto.
As execucións As execucións realizáronse o sábado 27 de setembro de 1975 ao amencer, arredor das 8 da mañá. Ángel Otaegi, de 33 anos, foi sacado do cárcere de Burgos e fusilado contra a tapia da prisión. Jon Paredes Manot (Txiki), de 21 anos, foi levado a un claro dun bosque en Barcelona para o seu fusilamento. En Madrid, sacaron do cárcere de Carabanchel a Xosé Humberto Baena, de 24 anos, José Luis Sánchez-Bravo, de 22 anos, e Ramón García Sanz, de 27 anos, e foron executados en Hoyo de Manzanares.
Os cadáveres dos tres membros do FRAP foron enterrados na mesma mañá da súa execución en Hoyo de Manzanares. Os restos de Sánchez Bravo serían trasladados posteriormente a Murcia, e os de Ramón García Sanz, ao cemiterio civil de Madrid.
Na cultura popular
Filmografía Iñaki Núñez: Toque de queda (1978) José Luis García Sánchez: La noche más larga (1991) Adolfo Dufour: Septiembre del 75 (2009)
Música Luis Eduardo Aute, canción Al alba. Cando Rosa León comezou a dedicar este tema aos fusilados en setembro de 1975, a canción, que orixinalmente era unha canción de amor, quedou transformada nunha alegación contra a pena de morte.
Literatura Aroa Moreno Durán, Mañana matarán a Daniel (Literatura Random House, 2025). ISBN 978-84-39744-94-8 Roger Mateos Miret, El verano de los inocentes: El secreto del último fusilado del franquismo (Anagrama, 2025). ISBN 978-84-33947-69-7 Carlos Fonseca, Mañana cuando me maten: 50 años de las últimas ejecuciones del franquismo (La esfera de los libros, 2015). ISBN 978-84-90604-83-0
Documentos Carta de despedida de Humberto Baena aos seus pais antes de ser fusilado. (Ler en liña)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Al alba: Aute y el desasosiego y la angustia que le provocaban el periódico, .
Categoría:Antifranquismo Categoría:1975 en España Categoría:Finados en 1975 Categoría:Fusilados Categoría:Ditadura Categoría:ETA