A policía política é un corpo, unidade ou estrutura policial destinada á vixilancia, investigación, persecución ou represión de persoas, organizacións ou actividades consideradas ameazas políticas para un goberno, réxime, partido ou grupo no poder. A diferenza da policía ordinaria, cuxo obxectivo é a prevención e persecución dos delitos, a policía política persegue a disidencia, a oposición política, os movementos sociais ou as persoas consideradas inimigas do poder establecido.

O termo emprégase sobre todo para describir institucións propias de réximes autoritarios, ditatoriais ou totalitarios, nas que estes corpos poden actuar como instrumentos de control social e de mantemento do réxime. Neses contextos, a policía política adoita dispor de amplas competencias, operar con escaso control xudicial ou público e recorrer á vixilancia, infiltración, detención arbitraria, tortura, desaparición forzada ou asasinato político. Características As funcións dunha policía política poden incluír a vixilancia de organizacións políticas, sindicatos, movementos estudantís, minorías, medios de comunicación, intelectuais etc. Tamén poden empregar informadores, axentes infiltrados, censura, control da correspondencia, seguimento de persoas, elaboración de ficheiros políticos e campañas de intimidación.

Nun Estado de dereito, a investigación de delitos de motivación política pode corresponder á policía ordinaria, á policía xudicial ou a unidades especializadas de seguridade, sempre baixo control legal e xudicial. Por iso, a existencia de unidades dedicadas á seguridade interior ou á contraespionaxe non implica necesariamente a existencia dunha policía política. A expresión resérvase para os casos nos que a actividade policial se pon ao servizo da conservación do poder político ou da represión, especialmente á marxe das garantías legais.

Outros conceptos A maioría dos Estados democráticos non empregan forzas de policía política (o que en moitos países se considera un delito e un mal uso da función policial), senón que empregan habitualmente forzas de policía secreta, aínda que historicamente varios deses corpos actuaron de forma clandestina. A policía secreta caracterízase polo segredo das súas actividades, mentres que a policía política se define polo seu obxectivo: a vixilancia ou represión de adversarios políticos.

Non se deben confundir automaticamente organizacións como a KGB ou a CIA con forzas de policía política, xa que se trata de organismos con funcións diversas de intelixencia, espionaxe, seguridade do Estado ou intervención exterior. A súa caracterización como policía política é discutida e depende do período histórico e das funcións concretas analizadas. Porén, en determinados réximes, os servizos de seguridade interior, intelixencia e policía política aparecen mesturados nun mesmo aparello represivo, como se adoita sinalar no caso da Stasi na RDA.

Exemplos históricos miniatura|Topographie des Terrors, en Berlín, no lugar das antigas sedes da Gestapo e SS.

Entre os exemplos máis citados de policías políticas figuran a Gestapo na Alemaña nazi, a DINA durante a ditadura de Pinochet en Chile, a PIDE no Estado Novo portugués, a SAVAK no Irán do xa Mohammad Reza Pahlavi, a Okhrana no Imperio ruso e diversos organismos soviéticos, aínda que estes últimos combinaron funcións de policía, seguridade do Estado e intelixencia.

En España, durante a ditadura, a Dirección General de Seguridad e a Brigada Político-Social actuaron como instrumentos centrais da represión franquista.

Outros usos No Estado español democrático, as expresións policía patriótica e máis xenericamente policía política foron empregadas por medios de comunicación e en comisións parlamentarias para referirse a presuntas actuacións irregulares de mandos policiais e responsábeis do Ministerio do Interior durante gobernos do Partido Popular, especialmente en relación coa chamada Operación Cataluña e coa Operación Kitchen. Porén, non se tratou dun corpo policial oficial con ese nome, senón dunha denominación aplicada a supostas tramas parapoliciais ou usos partidistas de recursos policiais.

Na Suíza, a expresión Policía Política (Politische Polizei) foi empregada oficialmente para designar o servizo interior de seguridade creado en 1935 para a protección da seguridade interior e exterior da Confederación. O sistema suízo distinguía entre unha policía xudicial, de carácter represivo, e unha policía política ou preventiva, orientada á observación e prevención de actividades "perigosas para o Estado". Durante a Guerra fría, estes servizos elaboraron ficheiros de seguridade do Estado sobre centos de milleiros de persoas e organizacións consideradas "politicamente sensíbeis", entre elas persoas e entidades vinculadas á esquerda política. O descubrimento desta práctica no chamado Fichenskandal (escándalo dos ficheiros) en 1989, provocou unha forte crise de confianza nas institucións suízas e levou á reorganización do sistema de seguridade interior nos anos seguintes.

Notas

Véxase tamén

Big Data Censura Estado policial Espionaxe Policía secreta Represión política SA Servizo de intelixencia SS Terrorismo de Estado

Categoría:Política Categoría:Policía