Dinarco ou Deinarco (en grego antigo Δείναρχος, en latín Deinarchus) foi un escritor da antiga Grecia da illa de Delos coñecido só por unhas poucas referencias noutros autores. Só se sabe que viviu antes do século -IV e que escribiu sobre a historia de Delos. Traxectoria Así, Demetrio de Magnesia (citado por Dionisio de Halicarnaso) di que cómpre distinguir entre catro escritores co nome de Dinarco: Dinarco de Atenas, o orador; Dinarco de Creta, un que recolleu mitos sobre Creta, un que escribiu sobre Homero e, finalmente, Dinarco de Delos, de quen di que era maior que os dous primeiros, que era natural de Delos e que escribiu poesía épica e outros xéneros. O límite temporal de Demetrio permítenos situar a Dinarco a principios do século -IV ou antes.

Por outra banda, o propio Dionisio, máis adiante, fala dunha historia de Delos (Δηλιακὸς λόγος) escrita por un tal Dinarco, de quen di que era "antigo" (ἀρχαϊκὸς) e que se ocupaba da historia local de Delos e Leros. A descrición encaixa co Dinarco de Delos descrito por Demetrio, pero é sorprendente que Dionisio non faga a conexión.

Finalmente, cómpre sinalar que Eusebio e Cirilo, e tamén Sincelo, Agostiño e Malalas, mencionan a un Dinarco que escribiu unha obra de narracións mitolóxicas que trataba sobre a India: da viaxe de Dioniso á India, de Licurgo, Acteón, Penteo, da morte de Dioniso a mans de Perseo e do seu enterro en Delfos. Pero o gusto pola épica de Dioniso na India naceu da expedición de Alexandre o Grande á India, arredor do -320, e Dinarco de Delos é, por forza, anterior a esta data. Segundo Müller, a historia de Dioniso na India xa era coñecida por Filócoro, cousa que o situaría arredor do -300, e sería o máis antigo do seu xénero. Non obstante, semella que este Dinarco e a súa obra índica son máis probabelmente unha confusión ou unha falsificación tardía atribuída a un dos outros Dinarcos: é estraño que Demetrio de Magnesia non mencione nin coñeza tal obra, e Natalis Comes atribúe a esta obra versos que, de feito, proceden das Dionisiacas de Nono de Panópolis. Notas

Categoría:Nados na periferia do Exeo meridional Categoría:Historiadores da Grecia antiga Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Personalidades de Delos na Antigüidade