Orisón (floruit século III a. C.) foi un xefe, caudillo ou régulo dos iberos oretanos.
Traxectoria Na súa primeira aparición nas crónicas históricas, Orisón acudiu en auxilio da cidade de Heliké (cuxa localización se descoñece), que fora cercada polos cartaxineses de Hamílcar Barca en 228 a. C. Ignórase se vivira os desastres de caudillos hispánicos anteriores, como os dos irmáns Istolacio e Indortes, pero parece innegable que se enfrontou ás tropas cartaxinesas con máis astucia ca eles. Tras reunir un forte exército entre os pobos da área, Orisón atacou e puxo en fuga os sitiadores. Segundo algunhas versións, chegou finxindo buscar unha alianza con Hamílcar para axudarlle a someter os asediados, só para atacalo cando baixou a garda. En todo caso, esta sería a primeira derrota de Cartago en Hispania.
Dise que Orisón ocultara tras o seu exército unha manda de touros bravos con fachos nas hastas. Ao atoparse fronte aos púnicos, acenderon as teas e azuzaron aos touros contra eles, o cal causou o caos nas súas liñas, ademais de incendiar o seu campamento. Neste episodio, tampouco todos os historiadores se amosan de acordo: Diodoro Sículo manteno tal como se relata, mentres que Polibio e Apiano non o detallan e só salientan que Orisón venceu mediante o engano, e Frontino e Zonaras cren que se usaron carros cargados de pólas ardendo no canto de fachos nos cornos.
Tamén adoita situarse a morte de Hamílcar nesta mesma batalla, o cal non está tampouco exento de fondos desacordos. Diodoro e Apiano cren que o xeneral cartaxinés morreu afogado nun río ao caer do seu cabalo mentres era perseguido por oretanos; Frontino afirma que Hamílcar sobreviviu á corrente, aínda que só para ser abatido momentos despois por guerreiros de Heliké; Zonaras recolle que caeu no seu campamento tratando de fuxir do caos; Polibio postula simplemente que Hamílcar caeu contra unha tribo ibera; e Cornelio Nepote que caeu contra os vetóns.
Ao ano seguinte (227 a. C.), Orisón foi vencido polo xenro de Hamílcar, Asdrúbal o Belo, quen volveu á conquista con 50000 homes, 6000 xinetes e 200 elefantes como reforzo. Orisón probablemente foi executado daquela, xa que se menciona que os culpables da morte de Hamílcar foron castigados, e as doce cidades a cuxo mando estaba foron entregadas aos púnicos.Diodoro, 25.12
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados no século -III Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Oretanos