O Comité de Non Intervención, tamén coñecido como Comité de Londres, foi unha organización creada en 1936 por proposta de Francia e apoiada por Reino Unido. O seu obxectivo era verificar o grao de cumprimento do Pacto de Non Intervención, subscrito a finais de agosto de 1936, co que se buscaba evitar a internacionalización da guerra civil española nun momento de máxima tensión entre democracias e ditaduras en Europa. Malia as sucesivas adhesións de varios países, os compromisos adquiridos non foron respectados nin pola Alemaña nazi nin pola Italia fascista nin polo Portugal salazarista que apoiaron desde o inicio da contenda o bando sublevado. Constatada a «farsa deshonesta da non intervención», como a cualificou Claude G. Bowers, o embaixador dos Estados Unidos, só a Unión Soviética se prestou a axudar á República Española a partir de outubro. Como sinalou Xabier Irujo, o propósito do Comité non foi a non intervención, senón precisamente o contrario, xestionar e controlar a intervención alemá e italiana co fin de evitar unha guerra mundial. De feito, todas as administracións estaban ao tanto de que tanto a Alemaña nazi como a Italia fascista enviaban tropas e material de guerra.
O «Pacto de Non Intervención» miniatura| Entrevista entre Léon Blum e Anthony Eden en Xenebra en 1936 Francia e Reino Unido vían que a «guerra de España» podía complicar aínda máis o difícil xogo estratéxico que se desenvolvía a escala europea. Por iso, segundo Julio Aróstegui, a primeira orientación da diplomacia desas potencias foi a de procurar o illamento do conflito español. A esa táctica obedeceu a primeira das grandes medidas internacionais: o acordo xeral sobre a Non Intervención ao que se sumaron 27 países de Europa, que nunca se plasmou nun documento escrito. Como consecuencia diso, estabeleceuse un Comité de Non Intervención con sede en Londres.
A Non Intervención estivo determinada pola política británica de «apazugamento» (appeasement policy) da Alemaña nazi. A esta viuse arrastrado o goberno da Fronte Popular de Francia, que só contaba co Reino Unido ante unha posible agresión alemá. Ademais en Reino Unido as simpatías do goberno conservador fóronse decantando cara ao bando sublevado. Temía que España caese «no caos dalgunha forma de bolxevismo» (en palabras do cónsul británico en Barcelona) especialmente a partir de febreiro de 1938, cando Anthony Eden foi substituído á fronte do Foreign Office por Lord Halifax. O contrario sucedía co laborismo e os sindicatos, ademais de moitos intelectuais, cuxas simpatías estaban co bando republicano. A animadversión do goberno conservador británico cara a Fronte Popular española comezara antes do inicio da guerra. Isto debérase en gran medida aos «distorsionados» informes, despachos e telegramas que enviou a Londres o novo embaixador en Madrid Henry Chilton, quen en setembro de 1935 substituíra a sir George Grahame. Grahame non se deixara arrastrar polos prexuízos ideolóxicos e elaborara uns informes moito máis ponderados e que partían dun maior coñecemento da realidade española. Os informes negativos do embaixador Chilton, que coincidían no substancial cos do Servizo de Intelixencia Naval (NIS), sumáronse aos artigos alarmistas que publicaba sobre España a prensa conservadora británica.
Pola súa parte, Francia, que ao principio tentou timidamente axudar a República (á que cobrou uns 150 millóns de dólares en axuda militar, como avións ou pilotos), tivo que someterse ás directrices do Reino Unido e suspender a axuda. Ademais, Francia e Reino Unido tentaron desalentar a participación da súa cidadanía en apoio da causa republicana. Porén, moitos franceses e británicos foron a España como voluntarios, entre os que destacaron André Malraux e George Orwell, integrados ou non nas Brigadas Internacionais.
A idea de que os principais países europeos asinasen un «Acordo de Non Intervención en España» partiu do goberno francés de Léon Blum. Dous días antes, o 30 de xullo, descubriu que a Italia fascista estaba a axudar o bando sublevado, cando dous dos avións enviados por Mussolini a Franco aterraron por erro na colonia francesa de Alxeria. A idea do goberno francés era que, xa que non podían axudar a República (porque iso suporía abrir un gran conflito interno na sociedade francesa e ademais enturbaría as relacións co seu aliado «vital», Reino Unido), polo menos poderían impedir a axuda ao bando sublevado. Como primeira proba da súa determinación na defensa da Non Intervención, o goberno francés pechou a fronteira con España o 13 de agosto. O goberno británico sumouse enseguida ao proxecto, aínda que, como sinalou Julián Casanova, puña no mesmo plano o Goberno legal e o grupo de militares rebeldes. O propio Blum, tras denegar posteriormente aos negociadores de Largo Caballero o paso do armamento adquirido pola República Española a través de territorio francés, chegou a exclamar: «É un crime o que todos estamos a cometer con España!».
A finais de agosto de 1936 os 27 estados europeos (todos menos Andorra, Liechtenstein, Mónaco, Suíza e a Cidade do Vaticano) que subscribiron o «Acordo de Non Intervención en España» (que nunca foi formalizado por escrito), decidiron «absterse rigorosamente de toda inxerencia, directa ou indirecta, nos asuntos internos dese país» e prohibían «a exportación, reexportación e o tránsito a España, posesións españolas ou zona española de Marrocos, de toda clase de armas, municións e material de guerra». Para o cumprimento do acordo creouse en Londres o 9 de setembro un Comité de Non Intervención baixo a presidencia do conservador Ivor Windsor-Clive, 2º Conde de Plymouth, no que estaban representadas todas as principais potencias europeas, incluídas Alemaña, Italia e a Unión Soviética.
No caso dos Estados Unidos, a influencia do cardeal Mundelain, arcebispo de Chicago (preocupado polo avance do nazismo) fixo que a Administración Roosevelt contemplase a posibilidade de eludir o pacto e levantar o embargo á República española. Porén, a férrea oposición mostrada a ambos lados do Atlántico pola xerarquía eclesiástica católica, desexosa dunha vitoria franquista, frustrou por completo esa iniciativa.
A actuación do Comité: a «farsa da non intervención» Na práctica a política de Non Intervención converteuse nunha «farsa». Así a cualificaron algúns contemporáneos, como o embaixador dos Estados Unidos Claude G. Bowers, quen escribiu:
En efecto, Alemaña, Italia e Portugal non suspenderon en absoluto os seus envíos de armas e municións ao bando sublevado. De feito, o 28 de agosto, case o mesmo día en que se alcanzaba o acordo de «non intervención», reuníanse en Roma os xefes dos servizos secretos militares da Alemaña nazi, o almirante Wilhelm Canaris, e da Italia fascista, o xeneral Mario Roatta, para proseguiren (malia o embargo de armas) coas subministracións de material bélico e as entregas de municións, segundo as peticións de Franco. O ministro de Asuntos Exteriores nazi Joachim von Ribbentrop escribiu nas súas memorias que «un mellor nome para o comité sería Comité de Intervención». Pola súa banda, o ministro belga Émile Vandervelde afirmou que «o Comité de Non Intervención ten ollos para non ver e oídos para facerse o xordo».
As infrutuosas denuncias do goberno da República española miniatura|Julio Álvarez del Vayo (primeiro pola dereita) xunto ao presidente da República Manuel Azaña (centro) e ao presidente do Goberno Francisco Largo Caballero (primeiro pola esquerda) en setembro de 1936 O goberno republicano, a través de Julio Álvarez del Vayo, ministro de Estado, tras queixarse en varias ocasións dos incumprimentos do Pacto de Non Intervención por parte de Italia e de Alemaña, que fornecían material bélico e axuda militar ao bando sublevado, buscou a protección internacional. O 27 de setembro de 1936, e de novo o 27 de novembro, solicitou o amparo da Sociedade de Nacións, pero o organismo internacional desentendeuse e fixo caso omiso das queixas do Goberno da República. Alegaba que a intervención alemá e italiana non estaba debidamente «verificada», malia que Álvarez del Vayo achegara fotografías e probas documentais. O ministro de Estado da República volveu tentalo o 13 de marzo de 1937. Presentou un folleto de 46 páxinas titulado La agresión italiana. Documentos ocupados a las unidades italianas en la acción de Guadalajara acompañado de centos de fotografías de tropas italianas en prisións republicanas, armamento e munición. De feit,o nesas datas xa foran capturados máis dun centenar de pilotos alemáns e italianos. Porén, a Sociedade de Nacións volveu evitar tomar resolucións.
O certo era que o goberno británico, o principal valedor da «non intervención», estaba perfectamente informado. Segundo Xabier Irujo, tiña intervidas as comunicacións internas da administración italiana, de modo que tiña información específica e exhaustiva de todos os envíos de tropas e material que Mussolini ordenou destinar á guerra. Tras o bombardeo de Gernika do 26 de abril de 1937, o cónsul británico en Bilbao enviou un informe a Londres, datado o 4 de maio. Nel dicía que o día seguinte do bombardeo desprazouse a Gernika e comprobara que a localidade fora destruída por uns 50 avións lanzando bombas explosivas e incendiarias durante tres horas e media e que os civís foran metrallados por avións de combate. Pouco despois entregaba o seu informe Robert Mackinnon Wood, xefe do Departamento de Investigacións Aerodinámicas da Royal Navy. Wood estivera en Biscaia entre o 23 e o 28 de maio investigando a nacionalidade e os tipos de avións que participaran no bombardeo. Ensinou fotografías de avións alemáns aos sobreviventes, chegou a entrevistar a un piloto alemán que conducira un dos aparellos que bombardeara Gernika e ademais puido identificalos persoalmente durante a batalla de Bilbao. Con todo, Anthony Eden afirmou ante a Cámara dos Comúns que o goberno británico non tiña datos concluíntes sobre o sucedido. Así mesmo, pediulle ao embaixador alemán Joachim von Ribbentrop que fixese unha declaración «axeitada» á prensa británica, negando a participación alemá no bombardeo.
Unha posición similar á británica sostívoa o goberno dos Estados Unidos. O secretario de Estado Cordell Hull tamén declarou que «non había probas» da intervención alemá e italiana. Porén, tiña completo coñecemento diso grazas á prolixa información que lle enviaba Claude Bowers desde a embaixada dos Estados Unidos en Hendaia e tamén os embaixadores en Roma, William Phillips, e en París, William C. Bullitt. Este último, por exemplo, comunicoulle o 20 de febreiro de 1937 que «o goberno francés ten información positiva de que os italianos teñen agora 50 000 soldados en España». Bowers chegou a cualificar o conflito español nas súas memorias non como «unha "guerra civil" no sentido habitual do termo senón como unha guerra de agresión emprendida abertamente por Hitler e Mussolini». Pero Hull ignorou esas información, como tampouco respondeu á petición do congresista Jerry J. O'Connel de que o Departamento de Estado informase oficialmente «do que é público e notorio, é dicir, que Alemaña e Italia son de feito potencias belixerantes na guerra de invasión que está a ter lugar en España».