O Servizo de Información Militar (SIM) foi o nome da axencia de intelixencia e do servizo de seguridade da Segunda República Española durante a guerra civil española. O obxectivo do organismo era limitar as actividades de quintacolumnistas, anarquistas, «incontrolados» e doutros «elementos desestabilizadores». De feito, o SIM actuou con relativa impunidade como unha verdadeira policía política a partir da súa creación en agosto de 1937 e recorreu aos malos tratos e á tortura para alcanzar os seus fins. Dado que se encargou tamén dos labores de represión na retagarda republicana, durante a súa curta historia non tivo unha boa reputación entre a poboación.
Na zona sublevada o seu antagonista foi o Servizo de Información e Policía Militar (SIPM).
Historia En 1937, había nove organizacións de intelixencia e contraintelixencia coas súas propias redes de axentes na zona controlada polos republicanos: o DEDIDE (Departamento Especial de Información do Estado) controlado polos comunistas, o SIEP (Servizo Especial de Información Periférica), o servizo secreto do exército, o servizo secreto dos Carabineiros, o do Ministerio de Asuntos Exteriores, o da Generalitat, etc. Mesmo as Brigadas Internacionais tiñan o seu propio servizo de intelixencia dirixido por axentes do NKVD e o GRU (Departamento Central de Inteligencia) soviéticos. Esta organización mantiña prisioneiros nas súas propias prisións secretas, chamadas "Checas", en honor á organización soviética Cheka.Beevor (2006), p.269
Debido á confusión e ás detencións, a miúdo arbitrarias, en 1937, os técnicos soviéticos pedíronlle o ministro de Defensa republicano, Indalecio Prieto, que crease un servizo de intelixencia. Prieto opúxose nun primeiro momento, pois temía que este caese baixo a influencia do comunismo español ou soviético. Mesmo lle dixo a Alexander Orlov, xefe da NKVD en España, que temía que o comunismo chegase a controlalo e terminase arrestándoo a el e os outros membros do Goberno, dándolle o poder ao comunismo. Mais con todo, finalmente, decidiu reorganizar os servizos de intelixencia para aumentar o control do goberno central.Beevor (2006), p.304
O SIM foi creado finalmente o 9 de agosto de 1937 por Indalecio Prieto, froito da unión de tódalas organizacións de espionaxe e contraespionaxe. Con iso tratábase de poder coordinar e centralizar todos os servizos de intelixencia da República, non só o do Exército e do Ministerio de Gobernación, senón tamén dos gobernos autonómicos vasco e catalán. No momento da súa creación, Prieto accedeu a concederlle un status especial ao SIM á hora de actuar por consello dos asesores soviéticos. Para evitar infiltracións comunistas, o artigo 2 do decreto dicía que todos os nomeamentos de xefes, inspectores e axentes do SIM debían ser elixidos polo ministro de Defensa.
Nos primeiros tempos o SIM actuou lealmente con Prieto e mesmo denunciou as intromisións e arbitrariedades de axentes soviéticos no organismo. Porén, durante a época en que estivo dirixido polo coronel Manuel Uribarri pronto caeu baixo a influencia do comunismo, que nalgunhas ocasións usouno máis como policía política do Partido Comunista de España que como o servizo de información estritamente militar que fora deseñado. Na primavera de 1938 obtivo a lista de todos os falanxistas que actuaban en Cataluña e detivo 3.500 persoas que, tras os interrogatorios e torturas, achou culpábeis de espionaxe.
Procedentes de Madrid, diversos oficiais de intendencia, entre eles Antonio Rodríguez Aguado, Joaquín Jiménez de Anta e un camarada mallorquino, chegaron a Barcelona en 1938 custodiados polo SIM. Poucos días antes de que as tropas sublevadas entrasen na Cidade Condal en xaneiro de 1939, varios encarcerados foron conducidos á provincia de Xirona e quedaron en liberdade cando o bando sublevado conseguiu conquistar o norte de Cataluña.
Organización
Estrutura e funcionamento Poucos meses despois da súa creación contaba con 6.000 axentes só na área de Madrid e cun orzamento de 22 millóns de pesetas e estaba organizado en seis seccións militares e cinco seccións civís.Beevor (2006), p. 305 Tamén tiña cárceres e campos de concentración propios. O SIM dispuña de numerosas seccións ao longo do territorio republicano, pero era en Barcelona (sede do goberno republicano entre novembro de 1937 e febreiro de 1939) onde concentraba as súas maiores actividades e centros administrativos.
Os seus obxectivos non eran só os elementos «fascistas» ou os espías do bando sublevado. Tamén se dedicou a perseguir outra clase de inimigos, como o trotskismo, o anarquismo ou a militancia católica. Con todo, tamén se deu o paradoxo de que na Barcelona de 1938 o goberno republicano autorizou de novo o culto católico e 2000 sacerdotes volveron ofrecer misa, en privado, baixo a protección do SIM fronte aos posibles excesos de anarquistas
A partir de 1938 tamén dispuxeron dos seus propios tribunais xudiciais (de carácter estritamente militar) para procesar os seus detidos e prisioneiros mediante xuízos sumarísimos. Por exemplo, ese mesmo ano 245 detidos foron procesados e condenados á morte por delitos de espionaxe e sabotaxe, aínda que boa parte das condenas non se executaron.
Torturas Influído por Alexander Orlov, enlace do NKVD durante a Guerra civil, o SIM chegou a utilizar os mesmos métodos de tortura que o NKVD: celas nas que apenas collía unha persoa, ruídos e luces fortes, baños xeados, etc. Moitos dos xefes locais do SIM mostráronse inflexíbeis. Foi responsábel do asasinato de varios recrutas republicanos, e en Barcelona de máis de 40 persoas (sobre todo anarquistas que criticaran a política gobernamental). Con todo, a súa crecente independencia á hora de actuar chocou en numerosas ocasións coas autoridades republicanas.
Foron especialmente sinistros os preventorios do SIM das rúas Vallmajor e Zaragoza de Barcelona. Estaban dotados de «celas psicotécnicas» nas que se sometía os detidos a diversos métodos de tortura baseados en principios «científicos», como as «celas-armario», nas que os reos permanecían sentados nunha postura incómoda baixo a luz dun foco e soportando o son dun timbre, as «celas alucinantes» ou «a campá», que creaba sensación de asfixia. Tamén contaban con «duchas», celas con mangueiras que lanzaban auga a alta presión, e con «neveiras», celas nas que se filtraba auga xeada.
Mandos O primeiro xefe foi o socialista Ángel Díaz Baza, amigo persoal de Indalecio Prieto. Pero axiña se fixo evidente que non era a persoa axeitada para tal misión e foi substituído pouco despois polo seu segundo, Prudencio Sayagües, quen á súa vez foi pronto substituído polo coronel Uribarri. Este ao principio foi leal ao ministro Prieto, pero pronto pasou a estar controlado polo comunismo e permitiu que o SIM se convertese no que Prieto temía, nunha policía política comunista. Uribarri fuxiu a Francia, supostamente, levando grandes sumas de diñeiro. Foi substituído por Santiago Garcés, un dos membros do grupo que estivera implicado no asasinato do político dereitista José Calvo Sotelo uns días antes do estalido da guerra e de quen se sospeita que foi un dos responsables do asasinato de Andreu Nin.
Entre os primeiros dirixentes e organizadores do SIM tamén se atopaba o coronel Eleuterio Díaz-Tendero, quen se encargou da selección e preparación de mandos e axentes destinados ao servizo. Durante un tempo estivo á fronte do aparello de dirección do SIM, aínda que máis tarde se viu afastado. En Madrid pasou a dirixir o SIM Gustavo Durán, quen nomeou comunistas para servir as súas ordes, polo que o ministro Prieto substituíuno por Ángel Pedrero García.
Notas
Referencias
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Checa (España) Guerra Civil Española
Categoría:Segunda República Española en guerra Categoría:Guerra civil española