A propulsión de Alcubierre, tamén coñecida como motor de Alcubierre ou motor de dobra, é unha idea teórica para un motor de viaxe espacial máis rápida cá luz. O físico teórico mexicano Miguel Alcubierre propuxo esta idea en 1994 a partir das ecuacións de campo de Einstein da relatividade xeral.
O principio xeral desta hipótese consiste en crear unha rexión cunha densidade de enerxía inferior á do baleiro, é dicir, con enerxía negativa ou materia exótica, que faría contraer o espazo diante da nave e expandir o espazo detrás dela. En teoría, isto crearía unha burbulla no espazo-tempo arredor da nave, permitindo que esta permanecese localmente en repouso mentres o espazo ao seu arredor se despraza. Deste xeito evitaríase incumprir a regra relativista segundo a cal ningún obxecto pode moverse localmente á velocidade da luz ou máis rápido ca ela, aínda que, visto desde fóra, a nave podería chegar a unha rexión moi afastada do espazo nun tempo menor ca un raio de luz que viaxase polo espazo normal.
A proposta continúa a ser un concepto especulativo, xa que non se coñece un modo práctico de producir e controlar unha burbulla de dobra nin as cantidades e formas de enerxía necesarias para facela funcionar.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Nave espacial Relatividade xeral Viaxe interestelar
Ligazóns externas
Charla TED de Miguel Alcubierre: Como poderiamos viaxar máis rápido ca a velocidade da luz? (en castelán)
Categoría:Viaxe no tempo Categoría:Astrofísica Categoría:Astronáutica