A Semana Santa en Pontevedra é un ciclo de actos conmemorativos da Paixón de Cristo que se levan a cabo na cidade de Pontevedra desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección. A Semana Santa pontevedresa é unha tradición relixiosa e cultural fondamente arraigada na cidade, que combina devoción, arte, participación cidadá e ambiente festivo, con múltiples confrarías e procesións solemnes.
Historia
Orixes medievais A Semana Santa de Pontevedra ten as súas raíces no século XIV, cando as primeiras manifestacións de relixiosidade popular comezaron a tomar forma arredor das igrexas do centro histórico de Pontevedra. A referencia máis antiga documentada remóntase ao 2 de abril de 1351, Domingo de Ramos, cando os frades dominicos organizaron unha procesión de palmas. Foi a Confraría da Vera Cruz, vencellada á orde dominica, a que celebrou a primeira procesión coñecida do Xoves Santo, marcando o inicio dun cerimonial que se mantería de forma ininterrompida durante séculos. Este evento marcou o inicio documentado da Semana Santa na cidade. As confrarías medievais tiñan un papel clave na vida relixiosa e social, encargándose de organizar actos litúrxicos, axudar os máis necesitados e, especialmente, dar culto público a través de procesións e representacións sacras.
Séculos XVI ao XVIII Nos séculos XVI e XVII, co impulso da Contrarreforma, as confrarías e irmandades da cidade adquiriron maior organización e importancia. Procesións penitenciais saían desde templos como a basílica de Santa María a Maior ou San Bartolomeu o Vello, promovidas polos gremios e polas irmandades vencelladas á parroquia. Estes cortexos eran organizados con gran solemnidade e contaban con imaxes que hoxe forman parte do patrimonio artístico da cidade, como o Cristo da Boa Viaxe ou a Virxe da Soidade. A confraría máis antiga é a da Santa Vera Cruz, referenciada xa en 1596, e a talla pontevedresa de maior antigüidade é o paso da Santa Cea, datado en 1693.
Durante os séculos XVIII e XIX, a Semana Santa pontevedresa viviu momentos de esplendor e tamén de decadencia, especialmente polas sucesivas crises políticas e sociais. No referente á asistencia, no século XVIII as crónicas recollen xa un gran tumulto ocorrido entre os asistentes á procesión do Xoves Santo, a actualmente coñecida como Os Pasos, que naquela época era a que espertaba maior fervor entre os fieis. Os principais actos relixiosos tiñan lugar na desaparecida capela da Vera Cruz, situada no convento de San Francisco. Crese que este pequeno templo se atopaba nunha zona do claustro, preto da actual entrada. Naquela época, o Concello de Pontevedra participaba activamente na organización do programa da Semana Santa, igual que os gremios de artesáns. En 1693 construíuse un novo paso para a Sagrada Cea, solicitado pola confraría e gremio dos Santos Apóstolos con sede na igrexa de San Bartolomeu, e en 1754 as actas municipais dan fe da doazón por parte dun matrimonio de fieis dun paso para o Ecce Homo. A procesión do Xoves Santo era encabezada polo paso da Sagrada Cea, seguido pola Oración no Horto, os Azoutes, a Coroación de Espiñas e o Cristo coa Cruz ás Costas. A maioría destas imaxes conservábanse na antiga capela da Virxe do Camiño, ao final da actual rúa Fray Juan de Navarrete, derrubada en 1935.
Século XIX A desamortización de Mendizábal e os conflitos do século XIX afectaron profundamente a vida relixiosa en toda Galicia. Aínda así, en Pontevedra sobreviviron certas tradicións grazas ao arraigamento local e ao compromiso dos fieis. A procesión do Santo Enterro, unha das máis antigas de Galicia, continuou celebrándose, aínda que nalgúns momentos con escasos recursos. Neste século a rúa Amargura, no centro histórico de Pontevedra, adoptou esta denominación por celebrarse nela o Encontro que realizaban as imaxes durante a Semana Santa ata a década de 1950.
miniatura|Paso procesional na praza do Teucro.
Ao longo do século XIX, a Semana Santa pontevedresa estivo profundamente marcada por procesións, liturxia, predicación, música sacra e prácticas de piedade como o xaxún coresmal, configurando un calendario relixioso de forte arraigamento comunitario. En 1865, as procesións, elemento central da conmemoración da Paixón de Cristo, celebrábanse con acompañamento de luces votivas e cantos litúrxicos, aínda que condicionadas polas inclemencias meteorolóxicas que afectaban o seu desenvolvemento e solemnidade. Ese mesmo ano rexistráronse tensións arredor da interpretación do Miserere na igrexa de Santa María. En 1868 constatouse a preocupación polo estado dos pasos procesionais, esenciais para a representación simbólica de escenas relixiosas. En 1889 e 1898, a dimensión musical adquiriu especial relevancia coa interpretación e estrea de marchas procesionais de carácter sacro, destinadas a acompañar os actos litúrxicos. En 1891, a normativa municipal, subordinada en parte á autoridade eclesiástica, regulaba o respecto ás cerimonias relixiosas, reforzando o carácter devocional e o recollemento durante estes días. En 1896, os sermóns acadaron grande intensidade emocional, como o da Soidade, centrado na dor da Virxe e na reflexión penitencial dos fieis. En 1898 documentouse a ampla participación social nas prácticas relixiosas, con asistencia a oficios e uso de devocionarios.
Século XX Coa chegada do século XX, a cidade de Pontevedra experimentou grandes transformacións urbanas e sociais. A comezos do século XX, a práctica relixiosa local mostrou signos de debilitamento. O antigo cerimonial comezou a desestruturarse e varias procesións desapareceron do calendario. Nese contexto, e tras os efectos da Guerra Civil, a Semana Santa local foi reorganizándose. En 1924 o Gremio de Mareantes impulsou a Confraría do Corpo Santo. Desde 1934 só se mantivo a procesión do Santo Enterro, xa que as demais procesións que formaban parte do antigo cerimonial da Semana Santa pontevedresa foran desaparecendo progresivamente. As procesións daquela eran escasas e limitadas a uns poucos pasos procesionais. Entre 1934 e 1948, na procesión do Santo Enterro, o Cristo xacente e a Virxe da Misericordia percorrían as rúas da cidade case en soidade, privadas da multitude que caracterizaba as celebracións de épocas anteriores.
Cinco anos máis tarde, en 1949, a Semana Santa pontevedresa rexurdiu definitivamente grazas ao impulso do pintor e cura Luis Pintos Fonseca, quen levou a cabo un destacado labor de restauración e revalorización de moitos dos pasos que aínda se conservaban nese momento. Comprobouse que varias das imaxes contaban con detalles do taller de Gregorio Fernández (1576-1636). Ese mesmo ano 1949 creouse a Confraría do Silencio e a Vera Cruz, unha das máis emblemáticas da cidade. Esta irmandade introduciu un estilo máis austero e introspectivo, inspirado na tradición castelá, cunha forte carga simbólica e un rigoroso silencio durante os seus percorridos procesionais. Tamén se fundou a Confraría de Noso Pai Xesús coa Cruz ás Costas, que xunto coa da Vera Cruz daría orixe á Xunta Coordinadora da Semana Santa, a organización que actualmente se encarga de planificar e xestionar os distintos actos relixiosos deste período. A partir de entón, a Semana Santa pontevedresa entrou nunha nova etapa, caracterizada pola consolidación de novas confrarías e a recuperación do patrimonio escultórico e litúrxico.
Coa creación da Xunta Coordinadora, en 1950 incorporouse ao programa a procesión do Domingo de Ramos, coñecida popularmente como a Borriquiña. Nos anos seguintes estableceuse a procesión do Mércores Santo. En 1952 fundáronse as confrarías do Silencio e do Espírito Santo e, xa a finais de século, en 1997, fundouse a Confraría da Nosa Señora do Amor Fermoso.
Século XXI miniatura|Confraría de Noso Pai Xesús coa Cruz ás Costas.
O século XXI foi testemuña dun renacemento da Semana Santa de Pontevedra. Grazas á colaboración entre as confrarías, o bispado e o Concello de Pontevedra, as procesións perfeccionáronse e abríronse ao público con maior participación e proxección. O uso do centro histórico como escenario outorga un carácter único aos desfiles, e a incorporación da mocidade a través de bandas de música e grupos de axudantes asegurou o relevo xeracional. A cidade consolidouse así como un dos referentes da Semana Santa en Galicia, cunha celebración que combina tradición, recollemento e arte sacra nun marco urbano singular.
En 2009 incorporouse á celebración a lectura dun pregón, por parte dun teólogo nese primeiro ano, para inaugurar os actos festivos. En 2014 a Confraría da Vera Cruz e Misericordia recuperou a procesión do Cristo das Caídas, que se perdera nos anos sesenta.
Tras a pandemia de COVID-19, na que non se celebraron procesións, a Semana Santa de Pontevedra recuperou todo o seu esplendor a partir de 2023. Nese ano participaron as sete confrarías pontevedresas activas e celebráronse nove procesións, cifra récord ata daquela. Incorporouse unha nova procesión: o traslado do Ecce Homo desde a basílica de Santa María a Maior á igrexa de Santiago do Burgo, acompañado pola Confraría do Espírito Santo e o seu coro.
Descrición A Semana Santa de Pontevedra, formada por sete confrarías, dez procesións e 28 pasos que percorren o centro histórico, constitúe unha das tradicións máis consolidadas da cidade. Cada ano participan máis dun milleiro de confrades nunha celebración que, ademais do seu carácter relixioso, impulsa a vida cultural, social e turística e pon en valor o patrimonio urbano do centro histórico. Os actos comezan coa lectura do pregón por parte dunha personalidade vencellada á Semana Santa.
Procesións A Semana Santa de Pontevedra, unha das celebracións relixiosas máis destacadas do calendario litúrxico galego, desenvólvese cun conxunto de procesións que percorren as rúas do centro histórico e outros barrios da cidade, como Campolongo. Durante as procesións máis de 700 confrades desfilan polas rúas da cidade con redobres de tambores e recendo a incenso.
Venres de Dores ou Venres de Paixón A procesión da Virxe das Dores, organizada pola Confraría da Nosa Señora do Amor Fermoso, marca o inicio da Semana Santa pontevedresa. Sae da igrexa de San Xosé, en Campolongo, e percorre diversas rúas e prazas céntricas, como a praza de Galicia e a rúa Peregrina, incluíndo un sermón na praza da Peregrina. A imaxe da Virxe desfila portada por costaleiros a partir das 20:00 horas. Este día preséntase como unha preparación á Semana Santa e céntrase en honrar as dores que experimentou a Virxe María durante a Paixón de Cristo.
Domingo de Ramos miniatura|Procesión da Borriquiña.
A procesión de Xesús entrando en Xerusalén, coñecida como a Borriquiña, comeza o Domingo de Ramos co traslado da imaxe desde a igrexa de San Xosé ata a praza da Ferrería, onde se celebra a bendición de palmas e ramos. Tras este acto litúrxico, a procesión continúa ata a basílica de Santa María a Maior nos anos impares, mentres que nos pares finaliza na igrexa de San Bartolomeu. A imaxe representa a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, e a procesión está especialmente dirixida ás familias e aos nenos. Adoita estar acompañada por numerosos nenos das distintas confrarías pontevedresas, nun acto de gran arraigamento histórico na cidade. Trátase, ademais, da única procesión cuxa talla pertence á Xunta Coordinadora de Confrarías.
Luns Santo