Mary Jane Seacole,Rappaport, H. (2004). Seacole, Mary Jane (1805–1881). Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press. nada como Mary Jane Grant en Kingston en 1805 e finada en Londres o 14 de maio de 1881, foi unha enfermeira, empresaria e filántropa xamaicana de ascendencia escocesa e crioula. É coñecida polo labor asistencial que desenvolveu durante a guerra de Crimea, onde fundou o British Hotel, un establecemento situado preto da fronte que ofrecía aloxamento, alimentos e atención aos oficiais enfermos e aos soldados feridos. Ademais de administrar o establecemento, desprazábase aos campos de batalla para prestar asistencia aos militares feridos.
Trala guerra atravesou dificultades económicas, polo que en 1857 organizouse en Londres unha campaña pública de recadación de fondos na súa honra, á que asistiron unhas 40.000 persoas, entre elas numerosos veteranos do conflito. En 1991 recibiu a título póstumo a Orde do Mérito de Xamaica, e en 2004 foi elixida a «maior británica negra» nunha enquisa promovida pola organización Every Generation.
A súa autobiografía, Wonderful Adventures of Mrs. Seacole in Many Lands (1857), considérase unha das primeiras autobiografías publicadas por unha muller crioula. Durante boa parte do século XX a súa figura permaneceu relativamente esquecida, pero posteriormente foi reivindicada como unha das pioneiras da enfermaría moderna e como un símbolo da loita contra os prexuízos raciais. A reinterpretación histórica da súa contribución e o seu papel dentro da historia da enfermaría deron lugar a un amplo debate entre historiadores nas primeiras décadas do século XXI.
Traxectoria Mary Jane Seacole naceu como Mary Jane Grant o 23 de novembro de 1805 en Kingston, na colonia británica de Xamaica, no seo da comunidade de persoas negras libres da illa. Era filla de James Grant, un tenente escocés do exército británico, e de Mary Grant, coñecida como «a Doutora», unha curandeira que empregaba remedios tradicionais da medicina africana e caribeña baseados principalmente no uso de plantas medicinais.
A súa nai rexentaba Blundell Hall, unha pensión situada en East Street, en Kingston, que tamén funcionaba como lugar de recuperación para militares e mariñeiros afectados por enfermidades como o cólera ou a febre amarela. Na Xamaica dos séculos XVIII e XIX, as curandeiras desempeñaban un papel fundamental na atención sanitaria da poboación, especialmente no tratamento de enfermidades tropicais e lesións, combinando coñecementos tradicionais sobre hixiene e fitoterapia coa experiencia adquirida no coidado dos doentes.
Foi neste ambiente onde Seacole adquiriu os seus primeiros coñecementos sobre o coidado das persoas enfermas. Aprendeu técnicas relacionadas coa hixiene, a ventilación dos espazos, o mantemento da calor corporal, a hidratación, a alimentación, o repouso, a atención ás persoas moribundas e o trato compasivo cara aos pacientes, principios que posteriormente aplicaría ao longo da súa carreira como enfermeira.
Na súa autobiografía relata que comezou a interesarse pola medicina desde moi nova. Primeiro practicou os coidados cunha boneca, máis tarde con animais domésticos e, finalmente, colaborou coa súa nai na atención aos pacientes. Grazas á estreita relación da súa familia co exército británico, tamén puido observar o traballo dos médicos militares, integrando os seus procedementos cos coñecementos terapéuticos de tradición africana que aprendera da súa nai.
Durante esa época, a mortalidade materna e neonatal en Xamaica era elevada. Segundo afirmou na súa autobiografía, Seacole asistiu numerosos partos empregando remedios herbais e medidas de hixiene, chegando a declarar que nunca perdera nin unha nai nin un recentemente nado baixo os seus coidados.
Seacole amosou sempre un grande orgullo pola súa dobre ascendencia xamaicana e escocesa e definíase a si mesma como crioula. Na súa autobiografía, Wonderful Adventures of Mrs. Seacole in Many Lands (1857), escribiu: «Son crioula e polas miñas veas corre un bo sangue escocés. Meu pai era un soldado pertencente a unha antiga familia escocesa».
A súa biógrafa Jane Robinson suxeriu que Seacole podería ter sido cuarterona, é dicir, ter unha bisavoa ou un bisavó de ascendencia africana. Na súa autobiografía tamén insistiu en presentar unha imaxe de muller activa, independente e traballadora, afastándose do estereotipo da «crioula preguiceira» que estaba estendido na sociedade colonial da época. Así mesmo, expresou con orgullo a súa ascendencia africana ao escribir: «A miña pel ten algúns tons máis escuros que amosan o meu parentesco, e síntome orgullosa desa relación con aquelas persoas ás que un día mantivestes escravizadas e cuxos descendentes seguen habitando América».
Durante algúns anos residiu na casa dunha muller maior, á que na súa autobiografía se refire como a súa «bondadosa protectora», antes de regresar ao fogar materno. Alí foi tratada como un membro máis da familia e recibiu unha educación considerada notable para a época. Como filla dun oficial escocés e dunha muller negra libre propietaria dun establecemento respectado, ocupaba unha posición social relativamente privilexiada dentro da sociedade xamaicana do primeiro terzo do século XIX.
Arredor de 1821 viaxou por primeira vez a Londres, onde permaneceu aproximadamente un ano visitando familiares pertencentes á familia de comerciantes Henriques. Na súa autobiografía relata que, a pesar da presenza dunha importante comunidade negra na cidade, foi testemuña de episodios de discriminación racial, como as burlas que sufría un mozo antillano de pel máis escura ca súa. Algúns dos seus biógrafos, entre eles Ron Ramdin, sinalaron que a súa aparencia física era relativamente clara para os estándares da época.
Ao regresar a Xamaica levou consigo diversos produtos das Antillas, entre eles conservas e encurtidos, que comercializou en Londres. Nos anos seguintes continuou realizando viaxes internacionais pola súa conta, sen acompañante nin patrocinador, unha circunstancia pouco habitual nun período no que as mulleres dispoñían de escasa autonomía xurídica e social.
Guerra de Crimea 1854–1856 A guerra de Crimea desenvolveuse entre outubro de 1853 e o 1 de abril de 1856, e enfrontou o Imperio Ruso a unha coalición formada polo Reino Unido, Francia, o Reino de Sardeña e o Imperio Otomán. A maior parte das operacións militares tiveron lugar na península de Crimea, situada no Mar Negro, aínda que o conflito tamén se estendeu a outras rexións do Imperio Otomán.
A mobilización de milleiros de soldados cara á fronte provocou graves problemas sanitarios. Pouco despois do despregamento das tropas apareceron brotes de enfermidades infecciosas, especialmente de cólera, que causaron un elevado número de falecementos. Moitos militares morreron antes mesmo de chegar ao campo de batalla, durante o traslado ou mentres agardaban a ser evacuados. Os que lograban ingresar nos hospitais militares atopábanse con frecuencia con instalacións insalubres, masificadas e con escaseza de persoal e de recursos, circunstancias que contribuían a aumentar a mortalidade entre os feridos e enfermos.
A situación dos hospitais militares xerou unha importante repercusión na opinión pública británica. O 14 de outubro de 1854, o xornal The Times publicou unha carta na que denunciaba as deficientes condicións asistenciais ás que estaban sometidos os soldados. Como resposta, o secretario de Estado para a Guerra, Sidney Herbert, solicitou a colaboración de Florence Nightingale para organizar un grupo de enfermeiras que fose enviado aos hospitais militares do Imperio Otomán co obxectivo de mellorar a atención aos feridos e reducir a mortalidade. Tras un proceso de selección realizado con rapidez, Nightingale e o seu equipo partiron cara a Turquía o 21 de outubro de 1854.
Recoñecemento A pesar da popularidade que acadou nos últimos anos da súa vida, tras a súa morte Mary Seacole permaneceu durante décadas practicamente esquecida. A súa contribución á atención dos soldados durante a guerra de Crimea quedou en gran medida eclipsada pola figura de Florence Nightingale, que pasou a ocupar un lugar central na historia da enfermaría. Porén, desde finais do século XX produciuse un renovado interese pola súa vida e pola súa obra, o que deu lugar a numerosos estudos históricos e iniciativas destinadas a reivindicar o seu legado.
Na actualidade, Seacole é considerada unha das figuras máis relevantes da historia da enfermaría e converteuse tamén nun símbolo da loita contra os prexuízos raciais e as desigualdades sociais no Reino Unido vitoriano. A súa figura foi citada en diversas obras literarias e culturais; entre elas destaca a novela The Satanic Verses (Os versos satánicos) de Salman Rushdie, na que é mencionada como exemplo de personaxes históricos negros cuxa contribución foi durante moito tempo infravalorada.
Co obxectivo de recoñecer a súa contribución á profesión, o National Health Service (NHS) do Reino Unido deu o seu nome a un premio anual destinado a promover e distinguir o liderado de enfermeiras, matronas e profesionais da saúde pública.NHS Leadership Academy. ''Mary Seacole Programme''. https://www.leadershipacademy.nhs.uk/programmes/mary-seacole-programme/
En 2005, coincidindo co bicentenario do seu nacemento, o Florence Nightingale Museum de Londres inaugurou unha exposición dedicada á súa vida e á súa traxectoria profesional. A elevada afluencia de visitantes fixo que a mostra permanecese aberta durante máis tempo do inicialmente previsto.
En 2003 púxose en marcha unha campaña para erguer unha estatua na súa honra nos xardíns do Hospital de St Thomas, en Londres. O proxecto foi presidido por Clive Soley e o deseño do monumento presentouse en 2009. A instalación da estatua xerou un amplo debate público e historiográfico, especialmente pola súa localización xunto ao hospital asociado coa figura de Florence Nightingale.
A figura de Mary Seacole tamén foi levada ao cinema e á televisión. Entre outras producións, inspirou un filme biográfico promovido por Seacole Pictures, unha curtametraxe de animación baseada no libro Mother Seacole (2005) e apareceu na serie de divulgación histórica da BBC Horrible Histories, onde foi interpretada pola actriz Dominique Moore.
Notas
Categoría:Nados en Kingston Categoría:Finados en 1881 Categoría:Nados en 1805 Categoría:Enfermaría