Tudia (en acadio: 𒂅𒁲𒅀, Ṭu-di-ia) era, segundo a Lista Real Asiria (AKL), o primeiro rei de Asiria, orixinario da cidade de Assur. aínda que non é mencionado en ningún artefacto contemporáneo coñecido. Figura entre os «dezasete reis que viviron en tendas». Dado que a súa existencia non foi confirmada por ningunha outra fonte arqueolóxica, a historiografía moderna adoita consideralo un personaxe semilendario, cando non totalmente ficticio.
De acordo coas listas de reis, Tudia foi sucedido por Adamu.
Similitudes coa xenealoxía de Hammurabi Tudia é sucedido na Lista Real Asiria por Adamu e despois por outros quince gobernantes: Iangi, Suhlamu, Harharu, Mandaru, Imsu, Harsu, Didanu, Hana, Zuabu, Nuabu, Abazu, Belu, Azarah, Ushpia e Apiashal. Aínda non se sabe nada concreto destes nomes, aínda que en rexistros posteriores atribúese a Ushpia ter promovido varias construcións na cidade de Assur. Unha táboa babilónica moi posterior que enumera a liñaxe ancestral do rei Hammurabi parece ter copiado os nomes dende Tudia ata Nuabu, aínda que con severas corrupcións con respecto á súa forma orixinal.
Supostas evidencias documentais e refutación O historiador Giovanni Pettinato deu a coñecer o achado dun tratado entre Tudia e un rei de Ebla chamado Ebrium. O texto atopouse nunha táboa de arxila datada arredor do 2300 a.C., na cal Ebrium concede ao seu socio contractual o permiso para utilizar un posto comercial baixo control de Ebla. Isto suporía que ambos os reis foron contemporáneos de Šarru-kīnu, coñecido como Sargón de Acad. Con todo, existen reservas ao respecto, sobre todo tendo en conta unha grafía do nome que difire da que aparece na lista real (du-ud-ià ou t-a-du-ud). Tras as críticas formuladas principalmente por Edmond Sollberger, na actualidade tende a considerarse que este Tudia ou Dudia non é o mesmo personaxe que o gobernante que figura na Lista Real, senón o gobernante dun territorio incerto chamado Abarsal. Ademais, sostense que o chamado "rei Ebrium" non sería máis ca o vicerrexente Ibrium, que serviu baixo o rei Irkab-Damu e o seu sucesor, Isar-Damu.
Oligarquía As listas reais suxiren que os primeiros reis asirios, descritos como "reis que vivían en tendas", foron inicialmente gobernantes pastorís independentes de fala acadia que controlaban o campo, os pobos e as aldeas. Ademais, Asiria foi orixinalmente unha oligarquía, non unha monarquía. Estes reis urbanizáronse por completo e fundaron a cidade-estado de Assur a comezos do século XXI a. C.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Lista de reis de Asiria
Categoría:Reis de Asiria