O Día da Independencia é unha festa nacional da India que se celebra anualmente o 15 de agosto para conmemorar a independencia do país do dominio británico, que se alcanzou o 15 de agosto de 1947ao entrar en vigor a Lei de independencia de 1947 que establecía que nesa data se constituirían dúas nacións independentes, a India e o Paquistán.

Antecedentes históricos

A independencia foi o resultado dun longo proceso político e social contra o dominio británico no subcontinente indio. A Compañía Británica das Indias Orientais consolidara o seu poder durante o século XVIII e, tras a Rebelión da India de 1857, a administración británica pasou directamente á Coroa mediante a Lei do goberno da India de 1858. Durante as décadas seguintes desenvolveuse un movemento político nacional indio cada vez máis amplo. O Congreso Nacional Indio, que se estableceu en 1885, converteuse nun dos principais instrumentos do nacionalismo indio. Logo da Primeira Guerra Mundial as demandas de autogoberno intensificáronse. So o liderado de Mahatma Gandhi o movemento independentista tendeu a adoptar formas de resistencia non violenta, desobediencia civil e non cooperación. Paralelamente, existiron outras correntes políticas e revolucionarias, así como un crecente movemento musulmán organizado arredor da Liga Musulmá. A Segunda Guerra Mundial agravou as dificultades políticas e económicas do Imperio británico e acelerou o proceso de descolonización. Tras a guerra, o Goberno británico decidiu transferir o poder e iniciou negociacións co Congreso Nacional Indio e coa Liga Musulmá. O proceso rematou na partición da India británica, o territorio dividiuse en dous novos suxeitos, a India e o Paquistán, nun proceso que tivo graves enfrontamentos comunitarios, mortes e desprazamentos masivos de poboación.

A independencia de 1947 miniatura|Discurso de Lord Mountbatten no Día da Independencia de 1947 miniatura|Nehru durante o discurso de "Tryst with Destiny". A Asemblea Constituínte da India reuniuse en Nova Delhi na noite do 14 de agosto de 1947. Durante a sesión, Jawaharlal Nehru pronunciou Tryst with Destiny (Encontro co destino), que se volvería célebre, e no que anunciou o comezo dunha nova etapa na historia da India. Á entrada en vigor da Lei da independencia da India, o 15 de agosto de 1947, o Dominio da India converteuse nun Estado independente e Nehru asumiu o cargo de primeiro ministro, mentres Louis Mountbatten continuou como gobernador xeral.

O primeiro Día da Independencia contou cunha sucesión de actos oficiais na capital, entre eles a toma de posesión do gobernador xeral e dos ministros, a reunión da Asemblea Constituínte, o izado da bandeira nacional, unha cerimonia na Porta da India e foguetes de artificio. Mahatma Gandhi, pola súa banda, non participou nas celebracións oficiais de Nova Delhi, daquela atopábase en Calcuta nun xexún de 24 horas, e concentraba os seus esforzos en tentar deter a violencia comunitaria e promover a reconciliación entre hindús e musulmáns.

Celebración nacional miniatura|O primeiro ministro Modi en Forte Vermello no Día da Independencia de 2025 O Día da Independencia é un dos principais festivos nacionais da India e celébrase en todos os estados e territorios da Unión. A cerimonia central protagonízaa o primeiro ministro da India ao izar a bandeira nacional nos baluartes do Forte Vermello en Delhi e pronunciar un discurso dirixido á nación. A cerimonia inclúe o canto do himno nacional, Jana Gana Mana, así como formacións e desfiles das Forzas Armadas da India e doutras forzas de seguridade, e representacións relacionadas coa historia e coa diversidade cultural da India. Na véspera o presidente da India pronuncia tradicionalmente un discurso á nación.

Celebracións estatais

Nos estados e territorios da Unión organízanse cerimonias de izado da bandeira, discursos, desfiles, actividades culturais e actos escolares.. A actual distribución protocolaria entre gobernadores e ministros en xefe estatais ten a súa orixe nun cambio producido en 1974. Ata 1973 os gobernadores eran os encargados de izar a bandeira nas capitais estatais tanto no Día da Independencia como no Día da República., mais en febreiro de 1974 o xefe do goberno de Tamil Nadu, M. Karunanidhi, formulou ante a primeira ministra Indira Gandhi a petición para que fosen os ministros en xefe estatais os que izasen a bandeira o Día da Independencia, ao igual que o primeiro ministro o facía en Nova Delhi. O goberno da India aceptou a petición e dende 1974 os ministros en xefe estatais teñen o dereito protocolario de izar a bandeira nas respectivas capitais no Día da Independencia. O propio Karunanidhi realizou esta cerimonia por primeira volta como xefe do goberno de Tamil Nadu o 15 de agosto de 1974 en Fort Saint George de Chennai.

Costumes e celebracións populares miniatura|Celebración do Día da Independencia nunha escola pública en 2023 miniatura|Desfile en Nova York con motivo di Día da India de 2005 Ao longo do país celébranse cerimonias de izado da bandeira en institucións públicas e privadas, centros educativos, asociacións e comunidades locais. Son habituais os discursos, os actos culturais, as cancións patrióticas e a distribución de doces. As escolas e universidades adoitan organizar actos específicos nos que se iza a bandeira nacional, realízanse actividades culturais relacionadas coa independencia e coa historia do país e os edificios públicos adoitan engalanarse coa bandeira nacional e con iluminacións especiais. Nalgunhas cidades, especialmente en Delhi, o voo de papaventos converteuse tamén nun costume asociado á xornada. A bandeira tricolor, coñecida como Tiranga, aparece de maneira moi visible nas celebracións, tanto en edificios públicos como en espazos privados e en actividades comunitarias.

É habitual que a televisión e a radio emitan cancións patrióticas nas linguas recoñecidas pola constitución que tamén soan nas cerimonias de izado da bandeira e adoitan emitirse filmes patrióticos, porén nas últimas décadas esta tendencia diminuíu por sobresaturación. É común que as tendas ofrezan ofertas con motivo do Día da Independencia e o Correo da India con motivo do día emite selos conmemorativos nos que se representan líderes do movemento de independencia, motivos nacionalistas ou militares

A diáspora india celebra o Día da Independencia ao longo de todo o mundo con desfiles e exhibicións diversas, en especial en rexións con alta concentración de inmigrantes indios. Nalgunhas localidades como Nova York e outras cidades estadounidenses o 15 de agosto tornou o Día da India entre a diáspora e a poboación local e a celebración acontece ben o 15 de agosto ben a fin de semana máis próxima.

Voces críticas e ameazas á seguridade miniatura|O primeiro ministro Manmohan Singh dá o discurso do Día da Independencia do 15 de agosto de 2010 tras cristais blindados Xa tres anos despois da independencia o Consello Nacional Naga chamou a boicotear a celebración no nordés da India.. Ao se intensificaren as protestas independentistas nesta rexión na década de 1980 as chamadas ao boicot e ataques terroristas de organizacións insurxentes, como no caso da Fronte Unida de Liberación de Assam ou da Fronte Nacional Democrática de Bodoland ensombreceron as celebracións . Co aumento da insurxencia en Jammu e Caxemira dende finais da década de 1980 , activistas separatistas boicotearon o Día da Independencia con bandh (folgas xerais), uso de bandeiras negras e pola queima de bandeiras. Grupos terroristas como Lashkar-e-Taiba, Hizbul Mujahideen ou Jaish-e-Mohammed ameazaron e realizaron ataques con motivo do Día da Independencia. Organizacións insurxentes maoístas tamén fixeron chamamentos ao boicot.

Para anticiparse a posibles ataques terroristas intensifícanse as medidas de seguridade, especialmente nas principais cidades, como Delhi e Mumbai e en estados con problemas de seguridade como Jammu e Caxemira. O espazo aéreo arredor do Forte Vermello declárase zona de exclusión aérea para empecer ataques aéreos e aumenta a presenza da policía noutras cidades. Dende o asasinato de Indira Gandhi, en 1984, os primeiros ministros daban os seus discursos detrás de paneis de vidro antibalas, mais en 2014 co acceso de Narendra Modi deixou de facerse aínda que se reforzaron outras medidas de seguridade para garantir a seguridade do primeiro ministro.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Historia da India Movemento de independencia da India Ligazóns externas Día da Independencia, no portal oficial do Goberno da India. Día da Independencia, Ministerio de Defensa do Goberno da India.

Categoría:Días da independencia Categoría:Cultura da India