Adama Traoré Diarra, nado en L'Hospitalet de Llobregat o 25 de xaneiro de 1996, é un futbolista español que xoga como extremo dereito no Deportivo da Coruña, da Primeira División. Foi oito veces internacional coa selección española.

Formado na canteira do Barcelona, debutou co primeiro equipo en 2013. En 2015 fichou polo Aston Villa e un ano despois polo Middlesbrough, antes de ingresar no Wolverhampton Wanderers en agosto de 2018. Sumou 194 partidos oficiais e 14 goles cos Wolves, cos que xogou durante cinco anos, cunha paréntese de media tempada cedido no Barcelona en 2022. Entre 2023 e 2026 militou no Fulham e tras un breve paso polo West Ham recalou no Deportivo da Coruña.

Destaca especialmente seu físico definido e a súa velocidade extremadamente rápida.

Traxectoria

Barcelona Naceu na localidade barcelonesa de L'Hospitalet de Llobregat, Barcelona, Cataluña, fillo de pais malienses. Comezou a xogar ao fútbol no L'Hospitalet, antes de incorporarse en 2004 ás categorías inferiores do FC Barcelona. En 2013 ascendeu ao filial e debutou na Segunda División o 6 de outubro, nunha derrota por 0-1 contra a Ponferradina.

O 23 de novembro, con só 17 anos debutou co primeiro equipo do Barcelona na Primeira División, substituíndo a Neymar nunha vitoria por 4-0 contra o Granada no Camp Nou. Tres días despois fixo a súa primeira aparición na Liga de Campións, entrando no campo por Cesc Fàbregas no minuto 82 dunha derrota por 1-2 contra o Ajax no Johan Cruyff Arena.

Tamén xogou co equipo xuvenil do Barcelona na edición inaugural da Liga Xuvenil da UEFA, disputando cinco partidos e marcando dous goles, cos que contribuíu a que o seu equipo conquistase o título. Marcou o seu primeiro gol oficial co primeiro equipo do Barcelona o 16 de decembro de 2014, na goleada por 8-1 sobre o Huesca na Copa do Rei 2014/15.

Aston Villa O 14 de agosto de 2015 foi traspasado ao Aston Villa, da Premier League, por uns 10 millóns de euros. Debutou oito días despois contra o Crystal Palace. Marcou o seu primeiro gol en Inglaterra tres días despois, facendo o primeiro do seu equipo nunha vitoria por 5-3 sobre o Notts County na segunda rolda da Copa da Liga.

O 2 de xaneiro de 2016 entrou como substituto na segunda metade dun partido contra o Sunderland, rival directo pola permanencia, e asistiu ao seu compañeiro Carles Gil para que este empatase o partido. Máis tarde foi substituído por lesión e o Sunderland gañou por 3-1. Despois dese partido foi apartado do equipo por falta de disciplina e o Villa rematou a tempada descendido, ocupando o último posto con só 17 puntos.

Middlesbrough En agosto de 2016 asinou un contrato de catro anos co Middlesbrough, ao tempo que Albert Adomah fixo o camiño inverso. Debutou o 10 de setembro de 2016 nunha derrota na casa por 1-2 contra o Crystal Palace, substituíndo a Cristhian Stuani nos últimos nove minutos. Na súa primeira tempada no club vermello participou en 31 partidos, 27 deles na Premier League, pero non puido evitar o seu segundo descenso consecutivo.

Rendeu a un bo nivel na tempada 2017/18, primeiro con Garry Monk no banco e despois con Tony Pulis, destacando pola súa velocidade, e xogou un dos seus mellores encontros nunha vitoria por 3-0 sobre o Leeds United. Marcou un total de cinco goles e repartiu dez asistencias durante a campaña, na que o seu equipo chegou aos play-offs do Championship, caendo eliminados diante do Aston Villa. Con todo, foi elixido polos seareiros do club como o mellor xogador do equipo.

Wolverhampton Wanderers O 8 de agosto de 2018 fichou polo Wolverhampton Wanderers, que viña de ascender á máxima categoría. Marcou o seu primeiro gol na Premier League o 1 de setembro (no seu cuadraxésimo partido na competición) nunha vitoria por 0-1 contra o West Ham United. miniatura|254x254px| Traoré xogando nun partido da FA Cup contra o Manchester United en 2020. O 6 de outubro de 2019, no seu 50º encontro oficial cos Wolves, marcou os dous goles do seu equipo nunha vitoria por 0-2 contra o vixente campión de liga, o Manchester City de Pep Guardiola, no Etihad Stadium. Marcou o seu primeiro gol nunha competición europea no empate a tres dos Wolves contra o Braga na fase de grupos da UEFA Europa League o 28 de novembro. En xaneiro de 2020 foi elixido Xogador do Mes da PFA cun 45 % dos votos dos seareiros.

Cesión ao Barcelona O 29 de xaneiro de 2022 regresou ao Barcelona, como cedido para o resto da tempada, cunha opción a un contrato indefinido. No conxunto catalán disputou 17 partidos, 9 deles como titular, e foi subcampión de liga por detrás do Real Madrid. Como o Barcelona non exerceu a súa opción de compra, volveu aos Wolves ao final da tempada.

Xogou unha última campaña no club inglés, co que acadou os 194 partidos, 14 goles e 20 asistencias. dereita|miniatura|389x389px| Traoré en 2023

Fulham No verán de 2023 fichou polo Fulham, tamén da Premier League, ao que chegou libre e co que asinou un contrato de dous anos coa opción a un terceiro. O 2 de marzo de 2024 marcou o seu primeiro gol co Fulham, anotando o terceiro gol nunha vitoria por 3-0 sobre o Brighton. Co club de Londres Occidental disputou un total de 79 partidos en dúas tempadas e media, marcando 4 goles e repartindo 13 asistencias.

West Ham O 28 de xaneiro de 2026 deixou o Fulham e uniuse a outro conxunto londiniense, o West Ham United, onde se reencontrou cun dos seus antigos adestradores nos Wolves, Nuno Espírito Santo. O 10 de xuño de 2026, o club anunciou a súa saída tras o descenso do equipo ao Championship.

Deportivo da Coruña O 26 de agosto de 2026, anunciouse a súa fichaxe por dous anos polo Deportivo da Coruña, club que acababa de ascender á Primeira División.

Selección nacional Traoré era elixible para representar a España, o seu país de nacemento, e a Malí a través dos seus pais. O 17 de febreiro de 2014, a Federación Maliana de Fútbol informou que Traoré e o seu irmán maior, Moha, decidiran representar á selección africana na categoría absoluta. Con todo, nunha entrevista con BBC Sport en outubro de 2015, Adama declarou que aínda estaba a considerar as súas opcións internacionais. Debutou coa selección española sub-21 o 22 de marzo de 2018, xogando 15 minutos na vitoria por 5-3 fóra da casa contra Irlanda do Norte na fase de clasificación para a Eurocopa sub-21 de 2019.

En novembro de 2019, declarou que quería xogar coa selección de Malí. Porén, días despois recibiu a súa primeira convocatoria coa selección española para os partidos de clasificación para a Eurocopa 2020 contra Malta e Romanía no lugar do lesionado Rodrigo. Retirouse do equipo voluntariamente por lesión e foi substituído por Pablo Sarabia.

En xaneiro de 2020 afirmou que aínda non se decidira entre España e Malí despois de que circulase en internet unha fotografía súa posando cunha camiseta de Malí, e afirmou estar agradecido de ter a oportunidade de poder xogar coas dúas seleccións.

En agosto de 2020 foi convocado de novo por España antes dos partidos da Liga das Nacións da UEFA contra Alemaña e Ucraína en setembro. Non obstante, foi retirado do equipo despois de dar positivo por COVID-19 o 31 de agosto. Perdeu o partido contra Alemaña mentres agardaba o resultado da segunda proba para determinar se o resultado inicial fora un falso positivo. O resultado da segunda proba deu negativo e Traoré volveu incorporarse ao equipo o 3 de setembro, antes do partido contra Ucraína. O 6 de setembro recibiu de novo a orde de abandonar a concentración despois de que unha proba PCR mostrase unha alta concentración de anticorpos.

O 7 de outubro de 2020 debutou finalmente coa selección española nun partido amigable contra Portugal, entrando como substituto no minuto 62. O partido rematou en empate a cero. O 10 de outubro volveu entrar como substituto nun partido da Liga das Nacións contra Suíza. Tanto Malí como España incluíran a Traoré nas súas respectivas convocatorias para os seus partidos durante o mercado internacional de outubro, pero coa súa aparición nun partido oficial contra Suíza, ficou vinculado definitivamente á selección española.

O 24 de maio de 2021 foi incluído no equipo de 24 homes de Luís Enrique para a Eurocopa de 2020 adiada por mor da pandemia de COVID-19. O equipo acadou as semifinais, aínda que a súa participación limitouse a 14 minutos nunha vitoria sobre Eslovaquia na fase de grupos.

Vida persoal O seu irmán maior, Moha, tamén é futbolista.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaLiga de CampiónsEuropa LeagueOutrosInclúe partidos de EFL Cup, FA Community Shield e promoción de ascenso á Premier League.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesBarcelona Atlètic2013/14Segunda265-- ---- --265Barcelona2013/14Primeira100010----20Barcelona Atlètic2014/15Segunda373-- ---- --373Total club63800000000638Barcelona2014/15Primeira002100----21Aston Villa2015/16Premier League10000----111112016/17Championship10------ --10Total club11000000011121Middlesbrough2016/17Premier League27040------3102017/18Championship34520-- -- 40385Total club615600000 40715Wolves2018/19Premier League29150 ----203612019/20Premier League37420 --152 005462020/21Premier League37231 -- -- 104132021/22Premier League20110 ----20231Barcelona2021/22Primeira110-- --60 --170Total club12021106000211Wolves2022/23Premier League34220----41403Total club15710131001529119414Fulham2023/24Premier League17200 ---- 101822024/25Premier League36240 -- -- 104122025/26Premier League15010----40200Total club68450000060794West Ham2025/26Premier League9030------120Deportivo da Coruña2026/27Primeira0000------00Total carreira381272921021220245233

Palmarés Barcelona Copa do Rei (1): 2014/15.

Notas

Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en L'Hospitalet de Llobregat Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Aston Villa FC Categoría:Xogadores do Middlesbrough FC Categoría:Xogadores do Wolverhampton Wanderers FC Categoría:Xogadores do Fulham FC Categoría:Xogadores do West Ham United FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España