O Vesiculovirus indiana, antes chamado virus Indiana da estomatite vesicular ou virus da estomatite vesicular (VSIV ou VSV), é un virus da familia Rhabdoviridae, familia á que pertence o virus da rabia. O VSIV adoita transmitirse por un vector insecto, e pode infectar a vacas, cabalos e porcos. Ten especial importancia para os gandeiros en certas rexións do mundo onde infecta ao gando vacún. A súa presentación clínica é idéntica á da importante doenza vírica da glosopeda. revisado e publicado por WikiVet, consultado o 12 de outubro de 2011. Este vesiculovirus é zoonótico e causa unha doenza parecida a un arrefriado se infecta a humanos. Tamén é un virus común de laboratorio usado para estudar as propiedades dos virus da familia Rhabdoviridae e para o estudo da evolución viral.

Propiedades O Vesiculovirus indiana é o membro prototípico do xénero Vesiculovirus da familia Rhabdoviridae. O VSIV é un arbovirus, e a súa replicación ocorre no citoplasma. As infeccións por VSIV naturais comprenden dúas fases, infeccións citolíticas de hóspedes mamíferos e transmisión por insectos. Nos insectos, as infeccións son persistentes e non citolíticas. Un vector confirmado do virus é a mosca flebotomina Lutzomyia shannoni. O xenoma do VSIV é unha soa molécula de ARN de sentido negativo que ten unha lonxitude de 11.161 nucleótidos, que codifica cinco proteínas: proteína G (G), proteína grande (L), fosfoproteína (P), proteína da matriz (M) e nucleoproteína (N):

A proteína G do VSIV, tamén chamada VSVG ou VSV-G, permite a entrada viral. Funciona como mediadora da adhesión viral a un receptor de LDL (LDLR) ou un membro da familia LDLR presente na célula hóspede. Despois da unión, o complexo VSIV-LDLR endocítase rapidamente. Despois facilita a fusión da envoltura viral coa membrana endosómica. O VSIV entra na célula a través de vesículas cubertas de clatrina parcialmente; as vesículas que conteñen virus teñen máis clatrina e adaptador de clatrina que as vesículas convencionais. As vesículas que conteñen virus recrutan compoñentes da maquinaria de actina para as súas interaccións, inducindo así a súa propia captación. A VSV-G non segue a mesma vía que a maioría das vesículas porque se interrompe o transporte da proteína G do retículo endoplasmático (RE) á membrana plasmática por incubación a 15 °C. Nestas condicións, as moléculas acumúlanse tanto no retículo endoplasmático coma na fracción vesicular subcelular de baixa densidade chamada fracción de vesículas ricas en lípidos. O material na fracción de vesículas ricas en lípidos parece ser un intermediario post-RE no proceso de transporte á membrana plasmática. Despois da infección, o xene G do VSIV exprésase e estúdase frecuentemente como modelo da glicosilación ligada a N no retículo endoplasmático. Tradúcese no retículo endoplasmático rugoso, onde unha proteína que contén dolicol lle engade o oligosacárido Glc3-Man9-GlcNac2 a un NXS motivo NXS da VSV-G. Os azucres son despois retirados gradualmente a medida que a proteína viaxa ao aparato de Golgi, e faise resistente a unha endoglicosidase H. Cando se sintetiza en células epiteliais polarizadas, a glicoproteína de envoltura do VSV-G encóntrase na membrana plasmática basolateral. A VSV-G tamén é unha proteína da cuberta común de sistemas de expresión de vector lentiviral usados para introducir material xenético en sistemas in vitro ou animais modelo, principalmente debido ao seu tropismo extremadamente amplo.

A proteína L (large, grande) do VSIV está codificada pola metade do xenoma, e combínase coa fosfoproteína para catalizar a replicación do ARNm.

A proteína M do VSIV está codificada por un ARNm de 831 nucleótidos e tradúcese a unha proteína de 229 aminoácidos. A secuencia predita da proteína M non contén ningún dominio hidrófobo ou non polar longos que poidan promover a asociación á membrana. A proteína é rica en aminoácidos básicos e contén un dominio amino-terminal altamente básico.

A proteína N do VSIV é necesaria para iniciar a síntese do xenoma.

Estomatite vesicular Signos clínicos e diagnose O principal signo en animais é unha doenza oral que se manifesta como vesículas na mucosa e úlceras na boca, pero tamén nos ubres e arredor da banda coronaria. Os animais poden mostrar signos sistémicos como a anorexia, letarxia e pirexia (febre). A doenza xeralmente resólvese en dúas semanas, e os animais normalmente poden recuperarse completamente.

Describíronse casos de infección polo virus da estomatite vesicular en humanos. A maioría destes casos producíronse en traballadores de laboratorios, veterinarios e persoas que traballaban con gando. Na maioría dos casos, a infección por VSV en humanos ten como resultado unha enfermidade curta de 3 a 5 días caracterizada por febre, dor de cabeza, mialxia, debilidade e ocasionalmente lesións vesiculares na boca.Quiroz E, Moreno N, Peralta PH, Tesh RB. A human case of encephalitis associated with vesicular stomatitis virus (Indiana serotype) infection. Am J Trop Med Hyg. 1988;39(3):312–314. doi:10.4269/ajtmh.1988.39.312 Os tests serolóxicos realízanse normalmente con ELISA ou fixación do complemento, e tamén se pode intentar o illamento viral.

Tratamento e control Non se dispón dun tratamento específico, pero algúns animais poden precisar fluídos de soporte ou antibióticos para as infeccións secundarias.

O control depende de protocolos de bioseguridade, corentenas, illamento e desinfección para asegurar que a doenza viral non entre nun país ou nun rabaño.

Aplicacións médicas

Terapia oncolítica En células de persoas sas o virus non pode reproducirse probablemente a causa da resposta de interferón, que permite que as células respondan adecuadamente á infección viral. Non pode dicirse o mesmo das células cancerosas que non responden ao interferón, unha cualidade que permite que o VSIV creza e lise células oncoxénicas preferentemente.

Recentemente, o VSIV atenuado cunha mutación na súa proteína M viuse que ten propiedades oncolíticas. Estanse facendo investigacións sobre isto e descubriuse que o VSIV reduce o tamaño do tumor e o espallamento do melanoma, cancro de pulmón, cancro de colon e certos tumores cerebrais en modelos de laboratorio de cancro.

Terapia anti-VIH O VSIV foi modificado para atacar células T infectadas polo VIH. O virus modificado foi chamado virus "troiano". NIH Press Release - Trojan Horse Virus Controls HIV Infection - 09/04/1997

Vacinas recombinantes O VSV pode modificarse para que teña o xene da glicoproteína superficial de virus pouco relacionados con el en vez da súa propia. O virus resultante pode tamén replicarse por si mesmo en cultivos celulares pero non infecta con efectividade ou se espalla en animais. Mantén unha taxa de crecemento relativamente alta en cultivo celular, o cal é desexable para as vacinas ou a produción de proteínas. Producíronse VSV recombinantes con glicoproteínas do virus Ébola, virus da febre de Lassa e virus Marburg.

Vacina do ébola Informouse en 2004 que a vacina Ebola-rVSV protexía ratos contra futuras exposicións a doses letais do virus Ébola.

En decembro de 2019, a FDA estadounidense aprobou a vacina rVSV-ZEBOV Ervebo de Merck & Co. para tratar persoas de 18 anos de idade ou máis. Esta vacina é un rVSV competente para a replicación con xenes de glicoproteínas do virus Ébola. Demostrou ter unha efectividade do 76-100 % en impedir a enfermidade polo virus Ébola. Completáronse os ensaios en fase 1 en 2016.

Outras aplicacións A proteína G do VSIV úsase rutinariamente en investigacións biomédicas para pseudotipado de vectores retrovirais e lentivirais, dándolle a capacidade de transducir un amplo rango de tipos de células de mamíferos con xenes de interese.

A proteína G do VSIV tamén se usou en estudos citolóxicos de tráfico no sistema endomembranoso. A microscopia inmunoelectrónica suxire que a proteína G do VSIV móvese da cara cis á trans do aparato de Golgi sen ser transportado entre elas en vesículas, o que apoia o modelo de maduración de cisternas do tráfico no aparato de Golgi. O VSV úsase a miúdo para realizar estudos cuantitativos e computacionais en replicación de xenomas virais e transcrición. Tales estudos axudan a termos unha mellor comprensión do comportamento viral en presenza ou ausencia de resposta inmunitaria innata.

En 2020, desenvolveuse unha posible vacina contra a COVID-19, a doenza causada polo SARS-CoV-2, baseándose nun VSV modificado. A modificación supón substituír os xenes da proteína da superficie do VSV polos das proteínas das espículas do SARS-CoV-2.SciTechDaily: Researchers Created a Virus That Mimics SARS-CoV-2, the COVID-19 Coronavirus – Here’s Why. Fonte: Washington University School of Medicine. 19 de agosto de 2020James Brett Case, Paul W. Rothlauf, Rita E. Chen, Zhuoming Liu, Haiyan Zhao, Arthur S. Kim, Louis-Marie Bloyet, Qiru Zeng, Stephen Tahan, Lindsay Droit, Ma. Xenia G. Ilagan, Michael A. Tartell, Gaya Amarasinghe, Jeffrey P. Henderson, Shane Miersch, Mart Ustav, Sachdev Sidhu, Herbert W. Virgin, David Wang, Siyuan Ding, Davide Corti, Elitza S. Theel, Daved H. Fremont, Michael S. Diamond and Sean P. J. Whelan: Neutralizing Antibody and Soluble ACE2 Inhibition of a Replication-Competent VSV-SARS-CoV-2 and a Clinical Isolate of SARS-CoV-2, Cell Host and Microbe, 1 de xullo de 2020, doi:10.1016/j.chom.2020.06.021

Notas

Véxase tamén Outros artigos Proteínas da matriz de vesiculovirus Vacina rVSV-ZEBOV

Ligazóns externas ViralZone: Vesiculovirus Virus da estomatite vesicular de The Lab-On-Site Project. Tarxeta da enfermidade na World Organisation for Animal Health

Categoría:Virus