O problema final (en ) é un relato curto de Sherlock Holmes escrito por Arthur Conan Doyle. Publicouse orixinalmente en The Strand Magazine no Reino Unido, baixo o título The Adventure of the Final Problem, en decembro de 1893. Posteriormente apareceu recollido no libro As memorias de Sherlock Holmes. En galego a editorial Galaxia publicou a obra na súa colección da Biblioteca Sherlock Holmes.

A historia, ambientada en 1891, presenta ao xenio criminal James Moriarty. Estaba pensada para ser a última historia de Sherlock Holmes, rematando coa morte da personaxe, pero posteriormente Doyle foi persuadido de revivir a Holmes para novas historias e novelas.

Resumo Un ferido Sherlock Holmes chega unha tarde á residencia de Watson, logo de evitar tres intentos de asasinato diferentes no mesmo día. Holmes revélalle a Watson que leva rastreando ao profesor Moriarty e á súa organización durante meses, os que eran responsables da maioría dos crimes orquestados en Londres. Cando Holmes está xa próximo a atrapalos e levalos fronte á policía, Moriarty visita a Holmes na 221B da Baker Street coa intención de advertirlle que cesase no empeño de levalo ante a xustiza. Holmes admite que Moriarty podería arruinar os seus plans, pois a mente do profesor é capaz de rivalizar coa súa, e planea fuxir a Europa mentres a policía dá caza a Moriarty e á súa banda.

Holmes convida a Watson a unírselle na viaxe. Paranoico de que o estean seguindo, sae da casa de Watson escalando o muro do xardín traseiro, e indícalle unhas instrucións para evitar que o poidan seguir ata a estación de Victoria. Ao día seguinte Watson fai o indicado, e atópase esperando polo seu amigo, disfrazado dun sacerdote italiano, nun vagón de primeira clase. Holmes informa a Watson de que ás habitacións de Baker Street prendéranlles lume a noite anterior, nun intento marrado de tanto acabar con el como destruír as probas que fora recollendo sobre Moriarty. Cando o tren está para saír da estación Victoria, Holmes ve a Moriarty na plataforma tentando deter a locomotora. Holmes deduce que Moriarty conseguiu seguir a Watson, a pesar das precaucións extraordinarias que tomaron. Cambiando a súa ruta planeada, Holmes e Watson apéanse en Canterbury, agochándose detrás da equipaxe, cando Moriarty (que fletara un tren especial) pasa de longo. miniatura|Holmes e Moriarty, 1893. Ilustración de Harry C. Edwards na revista McClure's. Logo de cruzar o Canal da Mancha e chegar a Estrasburgo a través de Bruxelas, Holmes recibe unha mensaxe da policía de Londres dicindo que a maior parte da banda de Moriarty foi atrapada, pero que o home escapou e vai en persecución de Holmes por toda Europa. Recoméndalle a Watson volver a Inglaterra, pois el considérase a si mesmo unha compañía moi perigosa, pero Watson escolle quedarse ao seu lado. Ambos continúan a Meiringen, Suíza, e visitan as fervenzas de Reichenbach. Nas fervenzas un rapaz dálle a Watson unha carta, dicindo que hai unha muller moribunda, e anda buscando un médico inglés. Holmes mándalle a Watson atendela mentres el continúa nas fervenzas.

Cando chega ao hotel, Watson descobre que o acaban de enganar, e corre de volta para axudar a Holmes. Nas fervenzas atopa dous pares de pisadas que levan ao final do camiño, onde descubre máis signos dunha pelexa violenta e unha nota de Holmes, na que explica que el sabía do engano pero decidiu loitar contra Moriarty a soas. Resúltalle claro a Watson que Holmes e Moriarty caeron polo barranco e atoparon a morte, enzarzados nunha loita letal, e os seus corpos non se poden recuperar. Watson remata a súa narración dicindo que todos os membros da banda de Moriarty foron condenados grazas á solidez das probas de Holmes, e a pesar do irmán de Moriarty continúa a defender a memoria do profesor, Watson manterá a Sherlock Holmes como o mellor e máis sabio home que xamais coñeceu. miniatura|As fervenzas de Reichenbach, preto de Meiringen, en Suíza. O problema final estaba planeado para ser exactamente o que o seu nome di. Doyle pretendía rematar de escribir os seus famosos relatos curtos detectivescos despois deste último. Sentía que as historias de Sherlock Holmes o distraían doutros proxectos literarios máis serios, e «matar» a Holmes era o único xeito de devolver a súa carreira literaria ao camiño correcto. «Debo preservar a miña mente para cousas mellores», escribiu á súa nai, «aínda que iso signifique que haxa de enterrar a miña carteira con el».

Doyle buscou suavizar o golpe permitíndolle a Holmes morrer nun acto de gloria, ao librar o mundo dun criminal tan poderoso e perigoso que calquera outra tarefa sería trivial en comparación. O propio Holmes menciónao na historia.

En 1893, Doyle e a súa muller viaxaron por Suíza, e descubriron a vila de Meiringen nos Alpes berneses. Esta experiencia estimulou a imaxinación de Doyle.

En 1893 escribiu no seu diario, que aínda existe, que quería matar a Sherlock Holmes nas fervenzas de Reichenbach, di Jürg Musfeld, director do Park Hotel du Sauvage, onde se cre que Doyle se aloxou durante a súa visita á vila.

Reaccións Nun artigo publicado na BBC, Jennifer Keishin Armstrong apuntou que «A reacción do público á morte non se pareceu ao visto en ningún outro suceso ficticio». The Strand Magazine «apenas sobreviviu» á conseguinte avalancha de cancelacións. Cóntanse historias de que «mozos por todo Londres vestiron crespóns de loito negro nos seus chapeus ou arredor dos seus brazos durante o mes da morte de Holmes», aínda que estas poidan ter sido esaxeracións impulsadas polo fillo de Conan Doyle. Armstrong continúa: «Os lectores normalmente aceptaban o que acontecía nos seus libros favoritos, e logo seguían coa súa vida. Agora comezaban a tomarse a cultura popular en serio, e esperaban que as súas obras favoritas cumpriran certas expectativas».

A presión dos seus seguidores fixo que Doyle trouxera de volta a Holmes, escribindo O can dos Baskerville (ambientado antes d'O problema final), e revivíndoo para «A aventura da casa baleira». Había suficientes buratos nas testemuñas como para permitir que a Doyle lle fora verosímil revivir a Holmes; só os poucos membros da banda de Moriarty aínda vivos e en liberdade, así como o irmán de Holmes Mycroft (que aparece brevemente nesta historia) saben que Sherlock Holmes aínda está vivo, logo de gañar a loita nas fervenzas de Reichenbach onde só Moriarty caeu (a pesar de que un dos secuaces de Moriarty, o coronel Sebastian Moran, case lle dá morte).Baring-Gould, William S., The Annotated Sherlock Holmes. New York: Clarkson N. Potter, Inc., 1967, pp. 320-328.

Influencia e legado dereita|miniatura|299x299px|Estatua de Holmes diante da Igrexa, en Meiringen Os oriundos de Meiringen aínda lle están agradecidos a Doyle e á súa creación, por contribuír á fama das súas fervenzas e impulsar notablemente o turismo.

Un museo dedicado a Holmes aséntase no soto da Igrexa de Inglaterra, no hoxe chamado Conan Doyle Place. esquerda|miniatura|150x150px|Placa ao estilo londiniense diante do Museo de Sherlock Holmes Na estación de funicular próxima ás fervenzas hai unha placa memorial ao «detective máis famoso do mundo».

O risco dende o que caeu Moriarty atópase no outro lado das fervenzas. É acesible ao escalar o camiño ata a cima, cruzando a ponte e seguindo o camiño ladeira abaixo. O risco está marcado cunha placa escrita en inglés, alemán e francés. A inscrición inglesa, traducida, di: «Neste temible lugar, Sherlock Holmes derrotou o Profesor Moriarty o 4 de maio de 1891». Tamén está marcado por unha grande estrela branca.

Afeccionados, que se fan chamar «peregrinos» viaxan a Meiringen vestidos como os personaxes, tanto principais como secundarios, das historias de Sherlock Holmes. Alí recrean os eventos d'O problema final, organizado pola Sherlock Holmes Society de Londres.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Sherlock Holmes Categoría:Literatura do Reino Unido