O Trichechus inunguis (manatí do Amazonas ou amazónico, chamado peixe-boi no Brasil), é unha especie de manatí que vive na cunca do Amazonas no Brasil, o Perú, Colombia e Ecuador. Teñen unha pel delgada e enrugada de tons marróns ou cincentos, con pelos finos espallados polo corpo e unha mancha branca no peito. É o menor das tres especies de manatís existentes.
Taxonomía O nome (epíteto) específico inunguis significa en latín "sen uñas". O nome do xénero Trichechus, procede dunha raíz grega latinizada que significa "pelo" (peludo), en referencia aos bigotes que ten arredor da boca.
Características físicas miniatura|Selo de correos brasileiro de 1979 no que se representa o manatí do Amazonas. O manatí do Amazonas é o membro de menor tamaño da familia dos manatís e pode distinguirse pola súa pel de aspecto gomoso e mais liso e a falta de uñas vestixiais nas aletas. Os rangos do peso corporal e tamaño son 7,5–346 kg e 76,0–225 cm para machos en catividade, 8,1–379 kg e 71,0–266 cm para femias en catividade, e 120,0–270 kg e 162,0–230 cm para os manatís que viven libres, respectivamente. O máximo peso actual do que se informou dun manatí é 379 kg. As crías das especies nacen cun peso de 10–15 kg e unha lonxitude de 85–105 cm. O manatí amazónico incrementa a lonxitude aproximadamente 1,6-2,0 mm por día. Esta lonxitude mídese ao longo da curvatura do corpo, así que a lonxitude absoluta pode diferir entre individuos. As crías engordan unha media de 1 kg por semana.
Os manatís amazónicos son mamíferos grandes de forma cilíndrica, con patas anteriores modificados como aletas, sen extremidades posteriores libres, e a parte posterior do corpo con forma de remo horizontal plano e redondeado. Usan as aletas flexibles para axudar á súa locomoción sobre o fondo, rañarse, tocarse e mesmo abrazar outros manatís, e para levar a comida a boca e limpala. O beizo superior do manatí está modificado formando unha superficie con longos bigotes, que está profundamente dividido. Poden mover cada un dos lados dos beizos independentemente mentres comen. A coloración xeral é cincenta e a maioría dos manatís amazónicos teñen unha mancha distintiva branca ou brillante no peito.
Os manatís amazónicos, igual que todas as outras especies de manatís vivos, pertencen á familia Trichechidae e teñen dentes polifiodontos. Os seus dentes son substituídos continuamente en dirección horizontal, desde a porción caudal da mandíbula á porción rostral durante toda a vida do manatí, unha característica única entre os mamíferos. Só os parentes terrestrres máis próximos da orde Sirenia, os elefantes, mostran un tipo de substitución dos dentes similar, pero os elefantes teñen un limitado conxunto de dentes substituíbles. A medida que os dentes do manatí migran en dirección rostral, as raíces reabsórbense e o delgado esmalte desgástase ata que o dente finalmente cae. Nos dentes das meixelas non se produce diferenciación entre molares e premolares e ademais, os manatís non teñen incisivos nin caninos. Estes dentes migran a unha velocidade duns 1–2 mm/mes, baseándose na velocidade de desgaste e de mastigación.
O manatí amazónico carece de uñas nas aletas, o que o diferenza doutras especies de manatís. Ademais, os manatís amazónicos teñen un grao moi pequeno de desviación rostral (30,4°), o cal pode usarse como indicación de en que parte da columna de auga se alimentan. Un pequeno grao de desviación significa que o extremo do fociño é máis recto con respecto á porción caudal da mandíbula. Os animais cun maior grao de desviación, como o dugongo, cuns 70° de desviación, son especies máis bentónicas, que se alimentan no fondo do mar, e teñen fociños que apuntan case por completo ventralmente. Soamente Trichechus senegalensis ten unha desviación rostral menor, duns 25,8°. Isto crese que maximiza a eficiencia á hora de alimentarse. Un pequeno grao de desviación dorsal permite que os manatís amazónicos se alimenten mellor na superficie da auga, onde atopan gran parte da súa comida.
Comportamento e bioloxía O manatí amazónico é o único sirenio que vive exclusivamente en hábitat de auga doce. A especie depende dos cambios na circulación periférica sanguínea como mecanismo primario de termorregulación ao usar esfínteres para desviar o fluxo de sangue desde áreas do corpo en estreito contacto coa auga. Tamén dependen da graxa subcutánea para reducir a perda de calor.
Os manatís teñen orificios nasais e non espiráculos respiratorios como os cetáceos, os cales pechan o espiráculo baixo a auga para que non entre auga e ábrenos por riba da auga para respiraren. Aínda que os manatís poden permanecer baixo a auga longo tempo, o normal é que suban á superficie a coller aire cada cinco minutos. O mergullo máis prolongado que se documentou nesta especie en catividade foi de 14 minutos.
Estes manatís fan desprazamentos estacionais sincronizados co réxime das inundacións na cunca amazónica. Encóntranse en bosques asolagados durante a estación das cheas, cando os ríos rebordan as súas marxes, e entón aparecen nos pradeiras acuáticas, cando a comida é abondosa. Como xa se explicou, o manatí amazónico ten o menor grao de desviación rostral (de 25° a 41°) de todos os sirenios, unha adaptación a alimentarse preto da superficie da auga. Ten actividade tanto nocturna coma diúrna e vive practicamente sempre dentro da auga. O seu fociño é o único que se ve saír da superficie da auga nos períodos en que busca vexetación nos fondos de ríos e lagos.
Os manatís amazónicos e do Caribe vocalizan con frecuencia. Observáronse vocalizando entre eles, especialmente entre nais e crías.
Dieta Estes manatís aliméntanse de diversas macrófitas acuáticas, como aroides (especialmente Pistia), herbas, hepáticas, antocerotas, lirios de auga e especialmente, xacintos de auga. Tamén poden comer os froitos de palmeiras que caen á auga. Teñen unha dieta herbívora e un proceso dixestivo posgástrico similar ao dun cabalo. Comen aproximadamente o 8 % do seu peso corporal en alimento ao día.
Durante a estación seca de xullo-agosto cando os niveis da auga empezan a baixar, algunhas poboacións quedan restrinxidas ás partes profundas dos lagos grandes, onde adoitan permanecer ata que acaba a estación seca en marzo. Pénsase que xaxúan durante este período, e as súas grandes reservas de graxa e baixas taxas metabólicas –só do 36 % da taxa dun mamífero placentario normal– permítenlles sobrevivir ata sete meses con pouca ou ningunha comida.
Reprodución e ciclo vital O manatí amazónico é un reproductor estacional cun período de xestación de 12–14 meses e un período prolongado de parto. A maior parte dos nacementos teñen lugaar entre decembro e xullo, e aproximadamente o 63 % deles entre febreiro e maio, durante o período de aumento do nivel dos ríos na súa rexión nativa. En poucas semanas a cría empeza a alimentarse de vexetación, pero permanece coa súa nai uns 12–18 meses.
Os individuos silvestres teñen unha vida duns 30 anos. A mellor marca da duración da vida en catividade dun individuo desta especie foi de 17 anos.
Poboación e distribución En 1977 un reconto da poboación estimou que había uns 10.000 manatís amazónicos. Acutalmente a poboación total non está determinada; porén, a tedencia da pobaoción parece ser de diminución. Están distribuídos principalmente pola cunca do Amazonas no norte de América do Sur, desde a illa de Marajó na desembocadura do río no Brasil ata Colombia, o Perú e Ecuador. Atópanse ocasionalmente solapando a área do manatí do Caribe en parte da zona costeira do Brasil.
Os manatís amazónicos aparecen na maior parte da rede fluvial amazónica, desde o curso alto en Colombia, Ecuador e o Perú á desemocadura do Amazonas (preto da illa de Marajó) no Brasil nunha área estimada en sete millóns de quilómetros cadrados. Porén, a súa distribución non é continua senón en zonas concretas, concentrándose en áreas de bosque asolagado rico en nutrientes, que cobre unha superfice duns 300.000 km2 Tamén habitan en ambientes das áreas de terras baixas tropicais por debaixo dos 300 m sobre o nivel do mar, onde hai unha gran produción de plantas acuáticas e semiacuáticas; tamén se encontran en augas calmas e pouco fondas, lonxe dos asentamentos humanos.
É unha especie completamente acuática e nunca abandona a auga. É o único manatí que vive exclusivamene en ambientes de auga doce. Prefire lagos de augas negras, meandros abandonados e lagoas con conexións profundas con ríos grandes e con abundante vexetación acuática. Son principalmente solitarios pero ás veces xúntanse en pequenos grupos de ata oito individuos. Realizan longos desprazamentos estacionais, movéndose desde as áreas asolagadas durante a estación húmida a corpos de auga profundos na estación seca.
Entre os predadores naturais están os xaguares, tiburóns e caimáns (Caiman crocodilus, Melanosuchus niger, Paleosuchus palpebrosus e Paleosuchus trigonatus).
Caza ilegal miniatura|Manatís amazónicos mortos cazados no Brasill, 1920. A principal ameaza que afecta o manatí amazónico é a caza ilegal. Cázanos para a subsistencia e uso local, non para o comercio a grande escala. A caza levou a un gran declive na poboación xeral e un baixo número de individuos nas poboacións. Entre 1935 e 1954, estímase que se cazaron uns 140.000 manatís. Malia que hai leis en vigor contra a súa caza, esta continúa ocorrendo mesmo en áreas protexidas. Os arpóns tradicionais son a arma común principal usada contra os manatís, mais en Ecuador tamén quedan atrapados nas trampas para o peixe arapaima.
Cázanos principalmente polo alto valor da súa carne, pero a graxa e a pel úsanse tamén para cociñar e en medicinas. A carne véndese localmente a veciños ou en mercados. Pode venderse ilegalmente en salchichas ou mixira en mercados do Brasil e Ecuador. A mixira é carne conservada na súa propia graxa e ten un alto prezo, o cal é un incentivo para os cazadores.
Entre 2011 e 2015, matáronse 195 manatís pola súa carne nunha soa rexión do Brasil. Noutra rexión matáronse 460 nunha área protexida entre 2004 e 2014.
Conservación miniatura|Rehabilitación dunha cría no "IBAMA" en Marajó. A lista vermella da IUCN inclúe o manatí amazónico como especie vulnerable. O declive da poboación é principalmente o resultado da caza, así como a mortalidade das crías, cambio climático e perda de hábitat. Porén, debido ao seu hábitat de augas avoltas é difícil ter estimacións exactas da súa poboación.
Non hai plans de xestión nacionais para o manatí do Amazonas, excepto en Colombia. En 2008, o INPA asumiu o coidado de 34 manatís en catividade e o CPPMA está coidando 31 manatís. O manatí está protexido polas leis peruanas desde 1973, polo Decreto Supremo 934-73-AG, que prohibe a caza e o uso comercial do manatí.
A caza segue sendo un gran problema e continúa en gran parte da súa área de distribución, mesmo dentro de reservas naturais. En 1986, estimouse que os niveis de caza en Ecuador eran insostibles e a especie desaparecería do país en 10–15 anos. Xunto coa persistencia da caza, agora crese que o aumento do risco para a supervivencia en Ecuador se debe ás verteduras de petróleo en ríos. A exploración para buscar petróleo tamén significa un incremento do tráfico de botes nos ríos, que tamén son un perigo.