Mats P. Malmer, nado en Höganäs o 18 de outubro de 1921 e finado en Lidingö o 3 de outubro de 2007, foi un arqueólogo, numismático e profesor universitario sueco.
Malmer ocupou senllas cátedras de Arqueoloxía na Universidade de Lund e na Universidade de Estocolmo.
Traxectoria
Primeiros anos e formación En 1921 naceu en Höganäs, Escania,Stig Sorensen, M. L. (2021). Páxina 164. como Mats Petersson, o máis novo dos tres fillos dos mestres Ingebord Malmer e Sigurd Petersson. Pasou a súa infancia nun ambiente intelectual; o seu pai, matemático, con intereses culturais, colaborou na fundación da biblioteca de Höganäs, e a súa nai era afeccionada ás literaturas latina e francesa nas linguas orixinais.Andrén, A. (2008). Páxina 25.
A finais da década de 1930 marchou a residir co seu tío paterno en Växjö para poder cursar o ensino secundario no instituto desa localidade, na rama de Ciencias. Logo da súa graduación en 1941, foi chamado ao servizo militar e serviu durante dous anos na artillaría costeira en Karlskrona.Andrén, A. (2008). Páxina 26.
No outono de 1943, Malmer iniciou os seus estudos na Universidade de Lund. Estudou latín con Gerhard Bendz, arqueoloxía clásica con Einar Gjerstad, historia con Gottfrid Carlsson e, finalmente, arqueoloxía con Carl-Axel Althin en 1945. Este último reuniu, da segunda metade da década de 1940, un grupo de estudantes moi motivados pola arqueoloxía entre os que estaban Malmer e a que máis tarde sería a súa esposa, Brita Alenstam, que levaron a cabo investigacións en asentamentos mesolíticos en Ageröd e Rönneholm, no centro de Escania. Ademais, Malmer participou nese período en varias investigacións que abranguían desde o período Mesolítico ata a Idade Media, no seo do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Lund, que estaba vinculado ao Museo Histórico desa universidade. Esa dedicación ao traballo de campo fixo que a súa licenciatura en Arqueoloxía Nórdica e Comparada non se producise ata 1950.Andrén, A. (2008). Páxina 27. E non foi ata 1953 cando puido presentar a súa tese de licenciatura, titulada "A cerámica de bisel decorado da cultura do machado de combate sueca".
Carreira académica e profesional Mats Petersson e a súa antiga compañeira Brita Alenstam casaron en 1949, e seis anos despois adoptaron conxuntamente o apelido Malmer, na honra do avó materno del. Logo do casamento, formaron unha parella académica moi sólida e traballaron en conxunto ao longo da súa vida activa.Andrén, A. (2008). Páxinas 26-27.
En 1950 encomendóuselle a Mats P. Malmer a dirección das escavacións no depósito funerario do Neolítico Medio e Final en Lilla Bedinge, no sur de Escania, o que o levou a ter unha relación moi estreita co profesor Holger Arbman, quen influíu moito na súa concepción da arqueoloxía.
Malmer comezou a traballar en 1951 na súa tese de doutoramento sobre a cultura do machado de batalla en Suecia e Noruega, para o que realizou unha viaxe de estudo de varios meses por gran parte de Europa e do norte de África. Finalmente, a tese foi presentada en 1962 baixo o título de Jungneolithische Studien ("Estudos do Neolítico temperán"), e Malmer acadou o seu doutoramento.Andrén, A. (2008). Páxina 28. miniatura|Mats P. Malmer cunha carpeta á esquerda, na zona de esculturas rupestres de Backa en Bohuslän|259x259px Uns anos antes, en 1959, converteuse en xefe do Departamento da Idade de Pedra e Bronce do Museo Nacional de Historia, polo que el e a súa muller se trasladaron a Estocolmo. No mesmo ano fixo un intento, infrutuoso, de acceder a unha cátedra na Universidade de Uppsala, e non foi ata 1970 cando foi nomeado catedrático de Prehistoria Nórdica e Comparada na Universidade de Lund. A partir dese momento viuse na obriga de se desprazar constantemente entre Estocolmo, onde estaba a súa familia, e o seu traballo en Lund. Mais esta situación cambiou cando en 1973 foi nomeado catedrático de Arqueoloxía na Universidade de Estocolmo, un cargo que exerceu ata a súa xubilación en 1987.Stig Sorensen, M. L. (2021). Páxina 165.
Entre outras entidades asociativas e sociedades eruditas, Malmer foi elixido membro da Real Sociedade de Humanidades de Lund (1970), da Sociedade Científica de Lund (1972), da Real Academia Sueca de Letras, Historia e Antigüidades (1976), do Instituto Arqueolóxico Alemán (1981), da Sociedade de Anticuarios de Londres (1983) e da Academia Británica (1994).Andrén, A. (2008). Páxina 32. Ademais, entre 1976 e 1978 presidiu a Sociedade Arqueolóxica Sueca.Andrén, A. (2008). Páxina 29.
No eido da numismática, as contribucións de Malmer sobre as bracteadas de ouro e os sólidos do período das migracións foron obxecto de controversia.Bakka, E. (1968). "Methodological problems in the study of gold bracteates". En Norwegian Archaeological Review. Vol. 1. Nº 1. Páxinas 5-35.Malmer, M. P. (1969). "Comment on Egil Bakka: Methodological problems in the study of Gold Bracteates, Norw. Arch. Rev. 1, 5-35". En Norwegian Archaeological Review. Vol. 2. Nº 1. Páxinas 102-106.
Mats P. Malmer faleceu o 3 de outubro de 2007 logo dunha longa doenza, pouco antes de facer 86 anos.
Recoñecementos
1982: Premio Hildebrand, da Sociedade Sueca de Antigüidades. 1987: Medalla Elias Brenner, da Sociedade Numismática Sueca."SNF:s Elias Brenner-medalj för förtjänsterinom numismatiken". Svenska Numismatiska Föreningen (numismatik.se).
1995: Medalla Montelius, da Sociedade Sueca de Antigüidades."Svenska Fornminnesföreningens Hildebrandspris, Monteliusmedalj och Mandelgrenpris". En Forn Vännen. Journal of Swedish Antiquarian Research. Nº 2. 2020. Páxina 128. 2006: Medalla de Ouro ao Mérito da Real Academia Sueca de Letras, Historia e Antigüidades.Elfver, F. (2006).
Publicacións
Escolma de monografías
(1962). Jungneolithische Studien. R. Habelt, Lund. (1963). Metodproblem inom järnålderns konsthistoria. R. Habelt, Lund. (1975). Stridsyxekulturen i Sverige och Norge. Liber, Estocolmo. ISBN 9789140039873 (1978). The Rock Carvings at Nämforsen, Sweden, as a Problem of Maritime Adaption and Circumpolar Interrelations. Utgivning, Umeå. (1981). A Chorological Study of North European Rock Ar. Almqvist & Wiksell. ISBN 9789174021103 (2002). The Neolithic of South Sweden. Royal Swedish Academy of Letters, History and Antiquities. ISBN 9789174023275
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Andrén, A. (2008). "Mats P. Palmer". En Årsbok 2008. KVHAA, Estocolmo. Páxinas 25-33. ISBN 978-91-7402-381-7 Elfver, F. (2006). "KVHAA:s förtjänstmedalj i guld till Brita Malmer och Mats P. Malmer". En Svensk Numismatish Tidskrift, 5. Svenska Numismatiska Föreningen. Páxina 126. Stig Sorensen, M. L. (2021). "Mats P Malmer: An Intellectual Biography". En Current Swedish Archaeology. Vol. 10. Nº 1. Páxinas 163-177.
Outros artigos
Gabinete Numismático da Universidade de Uppsala
Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados no condado de Escania Categoría:Finados en 2007 Categoría:Numismáticos de Suecia Categoría:Arqueólogos de Suecia Categoría:Prehistoriadores Categoría:Galardoados coa medalla Elias Brenner Categoría:Alumnos da Universidade de Lund Categoría:Profesores da Universidade de Lund Categoría:Membros do Instituto Arqueolóxico Alemán Categoría:Membros da Academia Británica Categoría:Membros da Sociedade de Anticuarios de Londres Categoría:Personalidades sen imaxes