Poḷonnaruwa (en cingalés පොළොන්නරුව, transliterado Poḷonnaruva; en támil பொலன்னறுவை, transliterado Polaṉṉaṟuvai), tamén coñecida como Pulathisipura e Vijayarajapura na antigüidade, é a principal localidade do distrito de Polonnaruwa, na provincia Norte Central de Sri Lanka. A moderna localidade de Polonnaruwa tamén se coñece como "New Town" (Cidade Nova), mentres que a outra parte de Polonnaruwa permanece como a antiga cidade real do Reino de Polonnaruwa.
Polonnaruwa, o segundo reino máis antigo de Sri Lanka, estableceuse inicialmente como posto militar polo reino cingalés. A dinastía Chola cambioulle o nome a Jananathamangalam tras invadir con éxito a entón capital do país, Anuradhapura, no século X. A «Cidade antiga de Polonnaruwa» declarouse Patrimonio da Humanidade.
Etimoloxía A orixe do nome Polonnaruwa é descoñecida. A súa forma tamil, Pulainari, menciónase en inscricións en tamil da dinastía Chola atopadas en Polonnaruwa. Quizais o nome fose unha contracción da súa antiga denominación, Pulastya nagara ou Pulatti nakaram, que significa "cidade do sabio hindú Pulastya".
Recibiu os novos nomes de "Jananathapuram" ou "Jananathamangalam" baixo o dominio Chola. Máis tarde, o lugar coñeceuse como "Vijayarajapuram", tal como se menciona nos rexistros de Jayabahu I, nome que probablemente derivaba do de Vijayabahu I.
Demografía Polonnaruwa ten unha maioría cingalesa. Os musulmáns (mouros de Sri Lanka) constitúen o segundo grupo máis numeroso. Tamén hai pequenas poboacións de támiles de Sri Lanka e támiles da India. Outros grupos inclúen os burghers e os malaios de Sri Lanka.
Arquitectura Conta cun conxunto arquitectónico que rodea un lago artificial, formado por pazos, pontes, salas de reunións, baños reais, mosteiros e diversos templos, entre os que destacan os de Lankatilaka e Tivanka, con magníficas decoracións de estuco e tella, e a de Vatadage, de forma circular con numerosas estatuas de Buda. Os monumentos máis famosos de Polonnaruva son os Budas de Galvihara, xigantescas estatuas de Buda esculpidas na rocha en varias posicións. O museo arqueolóxico recolle numerosos achados en salas temáticas.
Historia Polonnaruwa estableceuse inicialmente como posto militar polo reino cingalés. A dinastía Chola cambioulle o nome a Jananathamangalam tras a súa exitosa invasión do país no século X. Raja Raja Chola I construíu "Vanavan Mahadevisvaram", un templo dedicado a Shiva en Polonnaruwa que recibiu o nome da súa raíña e que actualmente se coñece como "Siva Devale". O templo albergaba, entre outras, estatuas de bronce de Ganesha e Parvati. Durante este período, as rexións do norte e do centro de Sri Lanka foron gobernadas directamente como unha provincia Chola baixo o mandato de Rajendra Chola I. Porén, tras o ano 1070 d.C., o dominio Chola na illa chegou ao seu fin e Polonnaruwa foi conquistada por Vijayabahu I de Polonnaruwa, tamén coñecido como Vijayabahu o Grande.
Partindo de Mahanagakula, ao sur do río Walawe, Vijayabahu enviou tres exércitos para atacar Polonnaruwa desde tres frontes. Un exército enviouse pola costa occidental do país cara ao porto de Mahathittha para interceptar calquera reforzo procedente do sur da India. Posteriormente, parte deste exército avanzou cara a Polonnaruwa e atacou desde o noroeste. Un segundo exército enviouse desde o leste, pasando por Magama, para atacar Polonnaruwa desde esa dirección. A terceira forza, a principal, avanzou a través do país baixo o mando do propio rei. Cercada por estes tres exércitos, Polonnaruwa sufriu un asedio de sete meses antes de que as tropas do rei Vijayabahu I entrasen na cidade. En 1070, Vijayabahu I converteuse no gobernante de Polonnaruwa. Naquela época, Sri Lanka coñecíase como Thambapanni. O comercio e a agricultura prosperaron baixo o patrocinio do rei Parakramabahu o Grande, o célebre neto de Vijayabahu I de Polonnaruwa, el insistía en que non se desperdiciase nin unha soa gota de auga caída do ceo, garantindo que cada gota contribuíse ao desenvolvemento da terra. Por iso, durante o reinado de Parakramabahu I construíronse sistemas de rego moi superiores aos do período de Anuradhapura, sistemas que, aínda hoxe, proporcionan a auga necesaria para o cultivo de arroz durante a abrasadora estación seca no leste do país. O maior destes sistemas é o Parakrama Samudra, ou "Mar de Parakrama", que tamén servía como fondeadoiro para grandes barcos de navegación marítima a través do río Mahaweli. O Reino de Polonnaruwa foi totalmente autosuficiente durante o reinado do rei Parakramabahu I.
Á excepción do seu sucesor inmediato, Nissankamalla I, os demais monarcas de Polonnaruwa carecían de tanta determinación e tendían a provocar conflitos dentro da súa propia corte. Tamén estableceron máis alianzas matrimoniais con reinos máis poderosos do sur da India, ata que estes vínculos matrimoniais acabaron por desprazar a liñaxe real local. Isto provocou a invasión, no ano 1214, por parte de Kalinga Magha, un caudillo militar da dinastía Aryacakravarti, o que derivou na destrución total, mediante incendios, das metrópoles de Anuradhapura e Polonnaruwa.
Actualidade
A antiga cidade de Polonnaruwa declarouse Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e serviu tamén de escenario para a rodaxe do videoclip da canción «Save a Prayer» do grupo Duran Duran en 1982. Os macacos habitan as ruínas desde a época da ocupación humana e continuaron a prosperar moito despois de que os humanos marchasen.
A moderna localidade de Polonnaruwa, a segunda cidade máis grande da Provincia Norte Central, sitúase a 3 km ao sur da zona arqueolóxica. O centro educativo máis grande do distrito, o Polonnaruwa Royal Central College, atópase nesta localidade.
Notas
Referencias
Véxase tamén
Outros artigos Patrimonio da Humanidade en Sri Lanka
Ligazóns externas Ancient City of Polonnaruwa "Discovering Polonnaruwa" – an article in The Hindu Galvihara – a unique display of rock art
Categoría:Patrimonio da Humanidade en Sri Lanka