A Thousand Leaves é o décimo álbum da banda estadounidense de rock alternativo Sonic Youth, editado o 12 de maio de 1998 polo selo DGC Records. Foi o seu primeiro grande traballo en ser gravado no seu estudo privado de Manhattan, chamado Echo Canyon e construído cos cartos que gañaron no festival de Lollapalooza de 1995. Como a banda tivo liberdade de tempo para traballar no seu estudio, o álbum ten varios temas longos e de carácter improvisado que foron desenvolvidos desigualmente. Tres EPs altamente experimentais, Anagrama, Slaapkamers met slagroom e Invito al ĉielo, foron gravados de xeito simultáneo a este disco.
Tras o seu lanzamento o disco acadou o número 85 na lista Billboard 200 e o 38 na lista británica de álbums. A canción "Sunday" foi editada como sinxelo contando cun vídeo musical dirixido por Harmony Korine e protagonizado polo actor Macaulay Culkin. En xeral o álbum tivo unha boa recepción, louvando os críticos as longas e tranquilas interaccións de guitarra entre Thurston Moore e Lee Ranaldo. Porén, algúns criticaron a forzada entrega vocal de Kim Gordon e atoparon varias cancións innecesariamente longas e pobremente construídas.
Antecedentes e gravación A Thousand Leaves é a continuación do álbum de 1995 Washing Machine, que foi editado pouco despois de que a banda rematase o seu período como cabeza de cartel do festival de Lollapalooza. Cos cartos que fixeron no festival decidiron construír un estudio de gravación, bautizado como Echo Canyon, na rúa Murray do Lower Manhattan. O espazo de preto de tres anos entre Washing Machine e A Thousand Leaves representou o espazo máis longo entre álbums de estudio de Sonic Youth ata a data. O cantante e guitarrista Thurston Moore explicou que a banda precisaba un descanso, destacando que estiveran xirando sen parar durante 16 anos. Moore dixo, "Estamos tendo fillos, estamos facéndonos vellos, imos arrefriarnos un pouco e a construír este taller, e seguir así, traballando esa ruta". No seu estudio, a banda comezou a escribir novas cancións de improvisacións realizadas nos ensaios. Varias jams instrumentais foron editadas como EPs a través do propio selo do grupo, Sonic Youth Recordings, e distribuídas por Smells Like Records, unha discográfica independente fundada polo batería Steve Shelley. Entre eses EPs estaban Anagrama, Slaapkamers met slagroom e Invito al ĉielo'.
Ao ser A Thousand Leaves o primeiro álbum de Sonic Youth en ser gravado no seu propio estudio, a banda tivo máis tempo e liberdade para traballar nel. Como resultado, as cancións evolucionaron de xeito desigual e foron gravadas dende unha fase temperá de desenvolvemento. Segundo o guitarrista Lee Ranaldo, o álbum é "un reflexo de onde estabamos nese momento. Non queríamos facer nada conciso. Estabamos sinxelamente tocando o que queríamos tocar. Realmente non sentíamos que o que tiñamos que facer era producir outro disco coo Goo". A canción de 11 minutos "Hits of Sunshine (For Allen Ginsberg)" inicialmente quería editarse nun dos EPs como un tema instrumental, pero finalmente foi incluída no álbum con voces. O disco foi coproducido pola banda e o produtor de Confusion Is Sex Wharton Tiers. Foi masterizado por Greg Calbi en Masterdisk, en Nova York.
Edición A Thousand Leaves foi publicado en vinilo, CD e casete o 12 de maio de 1998 por DGC Records. A portada do álbum foi realizada pola artista Marnie Weber, e amosa un hámster e á propia Weber con 10 anos levando cornos de animais. Segundo Moore, a imaxe é unha referencia ao recompilatorio Unlimited Edition da banda alemá de rock experimental Can. Orixinalmente o disco foi titulado Mille Feuille (A Thousand Leaves en francés) e a portada ía ser unha imaxe de Moore sostendo pasteis. Para promover o álbum editouse unha versión de "Sunday" para a radio como sinxelo en abril de 1998. A banda tamén promoveu o traballo cunha xira polos Estados Unidos e o Canadá dende maio a xuño dese ano.
Tras o seu lanzamento A Thousand Leaves chegou ao número 85 na lista estadounidense Billboard 200 e ao 38 da list británica de álbums. O álbum tamén entrou nas listas doutros países, como Francia, Bélxica, Suecia e Noruega. O sinxelo "Sunday" acadou o número 72 na lista británica de sinxelos e foi finalmente publicado en vinilo e CD o 14 de xullo de 1998, contendo unha versión de Nirvana, "Moist Vagina", como unha das súas caras b. Un videoclip dirixido por Harmony Korine e protagonizado por Macaulay Culkin foi realizado para o sinxelo. A banda elixiu a Korine debido ao seu traballo nos filmes Kids (1995) e Gummo'' (1997), o primeiro dos cales contaba con varios actores novos que anteriormente apareceron no vídeo musical do sinxelo de 1993 "Sugar Kane", incluída a actriz estadounidense Chloë Sevigny. Cara ao mes de xullo de 1999 o álbum levaba vendidas 54.000 copias nos Estados Unidos segundo Nielsen SoundScan., e no ano 2005 levaba unhas vendas de 66.000 unidades.
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de Sonic Youth Categoría:Álbums musicais de 1998 Categoría:Álbums producidos por Wharton Tiers Categoría:Álbums de DGC Records