O hilozoísmo (termo procedente da filosofía grega, introducido por Ricardo Carballo Calero para referirse a esta corrente literaria na súa Historia da literatura galega contemporánea), tamén chamado imaxinismo, foi un movemento poético nacido en Galicia durante a época das vangardas históricas, aínda que inspirado na poesía popular e afastado, en realidade, do espírito destas. O primeiro cultivador foi Luís Amado Carballo. Así se refire a el o crítico ferrolán:"En fin, é o hilozoísmo, o animismo, o que nos parez caracterizar a imaxe do noso poeta, que nos presenta unha natureza viva, animal, humana."Identifícase como hilozoísta, pois, a poesía de temática centrada na representación dunha paisaxe rural ou natural fortemente humanizada e coa recorrencia a elementos pertencentes á cultura aldeá, non exenta de certo folclorismo. A innovación do hilozoísmo, corrente polo demais debedora das vellas tendencias panteístas e franciscanas de poesía galega, consistiu en vestir a tradición de novas imaxes e ritmos, é dicir, de incorporar (e renovar) elementos populares ás veces influídos polo tratamento da metáfora que estaban a espallar vangardas coma o ultraísmo. Nos poemas hilozoístas a natureza cobra o maior protagonismo a partir desas imaxes autónomas, en ocasións á procura do achado audaz, que a presentan viva e en constante movemento.

Denominacións e orixes Carballo Calero (o primeiro crítico en utilizar o termo hilozoísmo aplicado á obra de Amado Carballo), tanto na súa obra referencial coma en traballos anteriores bautizara tamén esta estética co nome de escola neo-románica, xa que entendeu que nela se homenaxeaba, como antes fixera Noriega Varela, o mundo rural, os pequenos espazos, as cousas ínfimas. Pola súa parte X. L. Méndez Ferrín, no estudo que precede a súa edición da obra completa de Luís Amado Carballo en galego (1970), denomina esta escola como "imaxista", xa que crea imaxes plásticas, presentando unha natureza activa. Cómpre precisar que o imaxinismo é un movemento de vangarda xa existente noutras literaturas e nada ten que ver co hilozoísmo.

Na opinión de certos críticos o poeta en español Juan Bautista Andrade, natural de Pontevedra, sería un antecesor do que se deu en chamar despois hilozoísmo. Mais Andrade mantiña unha boa amizade con outros dous poetas pontevedreses, Xoán Vidal Martínez e, sobre todo, con Luís Amado Carballo, o verdadeiro impulsor do movemento. Ademais, como máis adiante veremos, esta corrente prescribe o uso do verso octosílabo mentres en Andrade predomina o dodecasílabo.

Ramón González-Alegre e Rey Romero, dada a procedencia destes dous escritores, denominan o hilozoísmo "escola pontevedresa". A nomenclatura localista non tivo éxito, xa que poetas cultivadores da tendencia non haberían nacer na ribeira do Lérez.

O hilozoísmo non formou parte da vangarda galega

A pesar de que a práctica totalidade dos manuais escolares -e algunha obra de referencia- repiten desde hai décadas que tanto o neotrobadorismo coma o hilozoísmo son vangardas galegas, o certo é que non existe apenas apoio crítico para afirmalo en canto que ningunha das dúas correntes responden á maioría das características encadrables no movemento das vangardas históricas (tamén denominadas Ismos): reacción agresiva contra a literatura anterior, conciencia de grupo (articulada moitas veces en torno a un ou varios manifestos), vocación internacional, ruptura temática e formal etc.

Así, en sentido estrito, só Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro serían representantes da vangarda plena no campo da literatura galega. O crítico Xosé R. Pena sitúa o hilozoísmo baixo a etiqueta de "vangarda pactada" (en calquera caso, non encadrable nos Ismos) dado que os versos de Amado Carballo e os seus seguidores constitúen, como xa advertira Carballo Calero, un punto de encontro entre a tradición imaxinista-paisaxista da lírica galega e a presenza daquelas novidades vangardistas que eran consideradas "axeitadas á espiritualidade galega" por parte dos mentores do nacionalismo.

O éxito de Amado Carballo -saudado como verdadeiro innovador dunha "estética apropiada para os novos" por parte de personalidades significativas como Antón Villar Ponte ou o mesmo Vicente Risco- e a excelente recepción da súa obra por parte dunha crítica coetánea que se mostraba moi receosa coa vangarda plena dan sentido, segundo Xosé R. Pena, ao concepto de vangarda pactada (de seu un oxímoro, porque se algo caracteriza o vangardismo, como reflicte en Galicia o manifesto "Máis Alá", é a actitude hostil a calquera transacción). Sendo Cabanillas "o poeta por antonomasia" das Irmandades e movementos afíns, Amado Carballo e o hilozoísmo conformarían iso que certa crítica pretende definir a posteriori como vangarda necesaria, vangarda enxebre ou vangarda pactada. Tal paradoxo terminolóxico faría referencia, indirectamente, ao intento de supervisar a produción artística por parte das elites galeguistas dos anos 20.

Entre as xeracións máis novas da posguerra identificouse esa "estética amolecida" como un manifesto tácito de moderación que lanzaban os dirixentes da política cultural daquel tempo. O que tampouco quere significar que se minusvaloren as achegas da poesía hilozoísta, en ocasións brillante no seu pulo reformador e na capacidade para dialogar, por exemplo, coas artes plásticas da época.

Trazos principais

Algúns dos seus principais trazos son:

Tematicamente, a natureza é a grande protagonista (panteísmo) a través da prosopopea. O elemento humano apenas aparece e, cando o fai, fúndese coa paisaxe. Emprego abondoso de imaxes, ás veces audaces (visionarias). Forte presenza do elemento plástico e cromático. Uso do tradicional verso octosílabo (en antítese con respecto á poesía que escriben na altura os autores da vangarda, galegos europea, abonados ao versolibrismo). Ambientación rural, aparecendo con frecuencia elementos folclóricos, relixiosidade popular, bucolismo e franciscanismo. Presenza do mar, mais visto desde terra (nas vangardas coma o creacionismo o mar era de seu unha imaxe autónoma e relacionada con outras) Uso da toponimia (conectada co paisaxismo), ao xeito de Pondal, con calidade evocadora e/ou enfática. Presenza de estranxeirismos, sobre todo empréstitos do francés e inglés. Isto si conecta o hilozoísmo co multilingüísmo de vocacións cosmopolita presente nas vangardas galegas e europeas.

Notas

Categoría:Historia da literatura galega