O buxato calzado (Buteo lagopus) é un representante do xénero dos miñatos (Buteo). A especie divídese en catro subespecies moi semellantes entre elas, que crían na zona circumpolar.
Descrición Dende a punta do bico á da cola miden entre 53 e 63 cm, dos que 22 corresponden á esta última. As ás miden ata 48 cm de longo, o que nos exemplares grandes supón unha envergadura de máis de metro e medio. Un macho ben alimentado pesa de media uns 1.200 g; o peso das femias é ata un 20% superior.
A forma nominativa do Buteo lagopus (Buteo lagopus lagopus) é algo meirande e de ás máis longas có miñato común e de coloración menos variable. A parte superior do corpo é, en tódalas coloracións, castaño canela, ton que é raro nos miñatos comúns. A cola é branca cunha banda terminal negra, máis difusa nos xoves. Os machos teñen ademais outras máis finas. Os miñatos comúns teñen tamén en ocasións a cola branca, pero só en casos de exemplares que teñen tamén o lombo claro. A cabeza, que é moi arredondada, e a caluga teñen coloracións que van do castaño ó gris claros, algunhas veces son case brancos. A parte superior da cabeza e a área dos oídos son en xeral algo máis claros có resto. O bico é amarelo e relativamente pequeno. Unha lista escura estreita vai da base deste ós ollos, que teñen o iris amarelo. A parte inferior do corpo ten tons grises e castaños e, en ocasións, liñas negras longas. A barriga adoita ser negra. O pescozo e o papo son máis claros có resto.
Teñen as patas emplumadas ata ós dedos, pero este detalle distintivo só se ve a distancias curtas. A plumaxe das patas é clara, con cores que van do branco po gris claro, con debuxos lineais castaños escuros. Coma no caso do miñato común os dedos son amarelos e as unllas negras. Cando están pousados a punta das ás tapa a cola.
Vistos desde abaixo producen a impresión de seren moi claros, en oposición á figura máis contrastada do miñato común, que amosa áreas negras na cola e as ás. Voan con golpes de ás lentos e profundos e planean con frecuencia. A súa capacidade para o voo “peneirado” e moi superior á do miñato común. Este tipo de voo, que consiste en manterse fixo no aire batendo as ás con forza ó xeito dos lagarteiros (Falco tinnunculus), permite recoñecelo a distancia. Cando planean levan as plumas remeiras secundarias algo levantadas, e as cobertoiras primarias algo baixas ou rectas. Os xiro habitual da cola cando voan é tamén un bo signo distintivo. Exemplares moi escuros e mesmo melánicos aparecen regularmente en Norteamérica, e ocasionalmente no leste de Siberia, pero son raros no resto dos seus territorios.
As diferenzas sexuais son mínimas: as femias son algo meirandes e máis pesadas. A plumaxe, especialmente a da cabeza e o peito, é algo máis clara cá dos machos. Os miñatos xoves son máis claros cós adultos.
Subespecies B. l. menzbieri. Esta raza vive ó leste da forma nominativa. Teñen unha zona grande de contacto nos montes Urais. Son meirandes cá forma tipo e as máis das veces máis claros. A parte inferior do corpo ten menos contraste de cores, a lista ou listas da cola son máis estreitas. O iris ocular é amarelo. B. l. kamtschatkensis. Vive na península de Kamchatka e a parte norte das Kuriles. Os exemplares desta variedade son grandes, escuros e de plumaxe pouco contrastada. Non son doados de diferenciar das formas máis escuras da subespecie anterior. Son meirandes e máis claras cos individuos de coloración intermedia da variedade B.l.sanctijohannis. coas que se mesturan nas illas do mar de Bering. B. l. sanctijohannis. Propia das zonas árticas e subárticas de Norteamérica, dende Newfoundland ata Alasca e as illas Aleutianas. As formas claras desta raza só se distinguen da forma tipo por seren algo máis pequenas. As formas escuras son uniformemente castañas por riba e teñen manchas castañas agrisadas por debaixo. Mesmo en voo son máis escuras cá forma nominativa, contrastando. En voo é posible confundila coa especie Buteo jamaicensis.
As aves da costa leste do Canadá son as máis pequenas e as de dimorfismo sexual máis marcado. Cara ó oeste son meirandes e amosan diferenzas individuais máis marcadas na coloración.
Identificación sonora Non son ruidosos e só emiten chíos relativamente altos cando son molestados no niño. O seu berro típico, alto e que recorda algo unha queixa, pode percibirse ó lonxe coma o miar dun gato. Óese sobre todo durante os voos en parella. Emiten ademais outros sons de contacto, alarma e para amosar estados de ánimo determinados. Exemplo de voz
Distribución e hábitat Zonas de cría miniatura|320px|dereita|Distribución xeográfica do Buteo lagopus; verde = área de cría, azul = área de invernada Crían ó redor do Círculo polar ártico. O seu territorio de reprodución comeza no sur de Noruega, continúa nunha faixa relativamente estreita polo centro e norte de Suecia e norte de Finlandia, e segue pola costa do océano Glacial Ártico ata o leste de Siberia, ata Kamchatka e as illas Kuriles setentrionais. A area de distribución espállase nunha faixa estreita ó longo da costa do mar de Okhotsk cara ó sur ata os 55° de lonxitude norte. Ó norte da costa do Océano Glacial Ártico cría só nunhas poucas illas costeiras. A súa fronteira sur, que só atravesan en anos de grande abundancia de alimentos, márcao a zona de transición entre a tundra arbustiva e a tundra arbórea.
No Novo Mundo crían dende Newfoundland, pasando polas rexións ó norte e noroeste da baía de Hudson, a parte sur da illa de Baffin, o norte dos Territorios do Noroeste e illas próximas, e chegan ó norte e oeste Alasca e as illas Aleutianas.
Cuarteis de inverno Os territorios de inverno están ó sur da zona de cría, coa que practicamente non se solapan. A súa fronteira norte márcaa a beira sur do bosque boreal de coníferas, e en Eurasia están entre os 58° e 45° norte aínda que nalgunhas rexións coma Asia central e do leste e o sueste de Europa, chegan moito máis ó sur.
En Europa pasan o inverno principalmente ó leste do paralelo 10°, aínda que unha boa cantidade de exemplares se asentan máis o oeste, ata ó Rin e o sur dos Alpes. As rexións onde máis abundan son o sur de Suecia, o Báltico, Belarús, leste de Alemaña, república Checa, Eslovaquia, Austria, Hungría e Ucraína. En anos bos chegan ó norte de Grecia, Crimea e Turquía.
As máis das aves americanas pasan o inverno nos estados do norte dos Estados Unidos, onde poden verse ás veces en asentamentos humanos pequenos e grandes. Os cuarteis de inverno espállanse polas praderías cara ó leste ata ó norte de México.
Hábitat Son moradores do extremo norte de Eurasia, en xeral de zonas de tundra sen vexetación alta nin media. En Escandinavia e Finlandia vive tamén en zonas de bosque subalpino de bidueiros. Cría regularmente, aínda que en pequenas cantidades, na tundra arborada. En anos de abundancia de lemmings colonizan zonas próximas ás beiras dos bosque boreais ou grandes claros dos bosques. Aínda que é preferentemente un habitante das terras baixas en Alasca, en Escandinavia crían ocasionalmente e alturas de ata 1400 m. Gustan de críar preto de cursos de auga, vales fluviais ou do mar.
No inverno aínda que son menos esixentes, seguen tendo preferencia polas paisaxes abertas que ofrezan un amplo campo de visión. Frecuenta as costas mariñas, marismas e pantanos, e, no sueste de Europa e en Asia, as estepas. En Norteamérica adoita pasa-lo inverno nas praderías.
Conduta migratoria Son migratorios estritos, que viaxan de día para aproveitar as correntes térmicas ascendentes. Fan a viaxe individualmente, raras veces en pequenos grupos. En lugares de repouso xeitosos poden xuntarse a descansar grupos de máis de cen individuos. A súa conduta durante a viaxe non está moi estudada, pero parecen percorrer uns 100 km ó día. As distancias totais son variables. Unha ave anelada no niño en agosto de 1985 no norte de Alasca, foi vista en outubro do mesmo ano en Montana, Estados Unidos, a 3.300 km de distancia.
O momento de abandonar os territorios de cría depende do clima e da oferta de alimento, e comeza a partir de finais de agosto, pero o groso dos exemplares comezan a viaxe a mediados de setembro e segue ata outubro. En condicións ideais, algúns exemplares non marchan ata setembro. Voan case sempre en dirección sur, agás os individuos de Escandinavia central, que seguen a costa do Báltico cara a Inglaterra.
Nos territorios de cría parecen levar unha vida nómade, non parando moito tempo nun sitio se as presas non son abundantes. A viaxe de volta comeza en marzo, co punto máximo en abril. Os máis deles chegan ás terras de cría en maio ou primeiros de xuño.
Alimentación e técnicas de caza O seu alimento principal son mamíferos pequenos, en especial ratos dos xéneros Microtus e Clethrionomys e diferentes especies de Lemmings (Lemmus sp.). Estas especies constitúen entre o 60 e o 90% do volume da súa alimentación. En anos de escaseza destas presas, as aves de tamaño medio, coma a perdiz escandinava (Lagopus lagopus), ocupan o seu lugar. Cazan tamén, se as teñen á súa disposición perdices charrelas (Perdix perdix ) e galiñas das praderías (Tympanuchus sp.). Réptiles, anfibios e peixes forman só unha pequena parte da súa dieta. Insectos, coma grilos e saltóns, e calaza xogan ás veces un pequeno papel na súa nutrición. Ocasionalmente poden capturar mamíferos meirandes coma a lebre das neves (Lepus timidus), a lebre ártica (L. arcticus) e a lebre de Alasca (L. othus).
En inverno aumenta o número de aves e musarañas na súa dieta, así coma a presenza de calaza.
Técnicas de caza Os sistemas de caza son moi variados, pero se é posible cazan á espreita, pousados nun punto axeitado. Perseguen cun voo curto as presas descubertas, que capturan no chan e matan coas gadoupas ou o bico. Poucas veces cachan presas no aire e, se estas se decatan do ataque e foxen, non adoitan perseguilas moito tempo. En condicións de clima favorable cazan dende o aire, fixas nunha vertical do ceo a entre 20 e 50 m de altura, ó xeito dos lagarteiros. Cazan tamén despois de localizar ás presas nun voo lento e mesmo sobre a auga, atrapando peixes ó xeito da aguia pescadora (Pandion haliaetus).
Conduta Son diúrnos, pero as súas fases activas ocupan boa parte das horas crepusculares. No extremo norte da súa distribución poden estar activo as 24 horas, por ben que o habitual é que o estean entre as 23 e as 5 h. Se teñen alimento dabondo a actividade é interrompida por longas fases de descanso.
O tamaño dos seus territorios de caza depende da oferta alimenticia. Non defenden, porén, máis que a área inmediata ó niño. A territorialidade mingua se hai pouco alimento. A relación con outras aves rapaces non é especialmente agresiva, e non é raro que fagan os niños preto dos do falcón peregrino (Falco peregrinus), falcón albar (Falco rusticolus) e dos de corvo (Corvus corax).
A conduta territorial nos cuarteis de inverno está pouco estudada, pero en condicións de abundancia de comida son moi tolerantes, e grupos grandes poden compartir territorios relativamente pequenos.
Conduta fronte ós inimigos Os corpo a corpo con conxéneres son raros, pero os animais doutras especies que poidan supor unha ameaza para o niño son atacados directamente, en especial as palleiras (Stercorarius sp.) e o bufo branco (Bubo scandiacus), pero tamén o raposo polar (Alopex alopex) ou o lobo (Canis lupus). Os ataques comezan xa cando os intrusos están considerablemente lonxe do niño.
Reprodución miniatura|300px| Niño con ovo e polos en diferentes estadios de desenvolvemento miniatura|Buteo lagopus Non se sabe de certo á idade a que alcanzan a madurez reprodutora. Probablemente está ó redor dos dous anos. A actividade sexual depende moito da dispoñibilidade de alimento. En anos de moita escaseza poden deixar de reproducirse, cambiar de territorios ou abandona-las postas. A reprodución só adoita completarse se teñen presas dabondo.