O gabián grego (Accipiter brevipes) é unha ave de rapina migratoria da familia Accipitridae.

Descrición Son relativamente pequenos, cunha lonxitude de entre 30 e 37 cm. e unha envergadura de ás que vai dos 63 ós 76 cm. As femias son meirandes cá os machos, sen chegar, porén, a diferenzas tan marcadas coma no gabián eurasiático (Accipiter nisus). Teñen as ás amplas e a cola longa, adaptadas para manobrar entre as árbores. O corpo máis delgado, a cola algo máis curta e as ás máis aguzadas có gabián común dánlle un certo aspecto de falcón.

Os machos adultos son grises azulados pola parte superior, coas puntas das ás escuras e a parte inferior case branca. As femias son grises lousa por riba, cun barrado castaño avermellado na parte inferior do corpo e ás veces cunha liña negra curta na gorxa, que está sempre presente nas aves novas, que son castañas escuras por riba con manchas escuras na parte inferior.

Distribución e hábitat

Son aves migratorias que crían en diversas rexións do sueste de Europa, dende Grecia e os Balcáns, ata o sur da Federación Rusa. Máis dos exemplares reprodúcense nunha faixa que vai dende o norte do mar Negro ata ó mar Caspio.

Emigran en bandos grandes, que parten en setembro para pasa-lo inverno ó sur do Sudán, en Níxer, o Chad, Etiopía e polo leste ata o suroeste de Irán.

O seu hábitat de cría principal son zonas de bosque caducifolio, con preferencia polas situadas en terreos con outeiros e de orografía variable en xeral.

Alimentación

Aliméntanse xeralmente de pequenos mamíferos, lagartos e insectos, ás veces tamén de paxaros.

Conduta

Aliméntanse de mamíferos pequenos, insectos, lagartos e paxaros que capturan aparecendo por sorpresa despois de engalaren no punto onde estaban pousados.

Maduran sexualmente xa ó ano. Constrúen os seus niños en árbores a miúdo moi altas. Fan un niño novo cada ano. En xeral poñen de 3 a 5 ovos entre maio e finais de xuño.

Nomes vulgares noutras linguas

Alemán: Kurzfangsperber. Catalán: Esparver grec. Español: Gavilán griego. Euskara: Greziar gabirai Francés: Épervier à pieds courts. Inglés: Levant Sparrowhawk. Italiano: Sparviere levantino. Polaco: Krogulec krótkonogi. Portugues: Gavião-de-pé-curto. Sueco: Balkanhök.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Base de datos da IUCN que inclúe xustificación sobre a clasificación da especie como "Non ameazada"

Bibliografía Benny Génsbol, Walther Thiede; Greifvögel - Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung, BLV Verlag München, 1997, ISBN 3-405-14386-1 Theodor Mebs; Greifvögel Europas - Biologie - Bestandsverhältnisse - Bestandsgefährdung Franckh-Kosmos Verlag Stuttgart 2002, ISBN 3-440-06838-2

Categoría:Accipítridos Categoría:Animais descritos en 1850