O Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón é un galardón literario instaurado no ano 1988 polo concello de Dodro coa finalidade de honrar o poeta Eusebio Lorenzo Baleirón e co obxectivo de contribuír ao enaltecemento da poesía galega.

Historia miniatura|250px|Graffiti de Eusebio Lorenzo Baleirón co poemario Gramática do Silencio. Obra poética (1996, Espiral Maior) no CPI de Dodro, que leva o seu nome. O Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón foi instituído polo concello de Dodro no ano 1988, contando coa implicación de Avelino Abuín de Tembra, Helena Villar Janeiro ou Anxo Angueira, co propósito de conmemorar a figura do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón, morto prematuramente no ano 1986 aos 24 anos de idade, e para contribuír a reafirmar a poesía galega. Un xurado seleccionado anualmente polo concello e constituído por personalidades relacionadas coa poesía e a crítica literaria galegas elixe a obra gañadora de entre as que participan no certame. O premio contou inicialmente cunha modesta dotación económica que foi aumentando paulatinamente ata acadar os 2 500 €. A obra gañadora comezou a publicarse en formato libro a partir da IV edición.

No ano 2013, coincidindo co XXV aniversario do premio, inaugurouse unha exposición conmemorativa con carácter itinerante promovida polo concello de Dodro para achegar ao público a vida e obra do escritor e presentouse o libro XXV Aniversario do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón (1988-2012) (2013) para rememorar a obra do poeta, que inclúe ademais poemas de cada un dos autores premiados ata ese ano.

Bases do concurso A bases reguladoras e a convocatoria de participación ao concurso publícanse anualmente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Pode concorrer ao certame calquera persoa maior de 18 anos. As obras deben ser orixinais e inéditas e estar escritas en lingua galega, admítense poemarios de tema e forma libres que teñan unha extensión de entre 500 e 800 versos. Non poden concorrer textos premiados, presentados simultaneamente a outros certames ou que manteñan compromisos de publicación con algunha editorial. Os traballos deben ser enviados por correo postal, non se admiten traballos entregados presencialmente, nin fóra de prazo. Os poemarios deben presentarse en formato dixital (por medio dun lapis de memoria ou disco compacto) acompañados dunha plica ou sobre pechado, no exterior debe figurar o título e o lema.

Gañadores Concluído o prazo de presentación, o concello de Dodro nomea un xurado formado por distintas personalidades relacionadas coa poesía e a crítica literaria galegas. Unha vez designado o xurado, celébrase unha reunión na Casa da Cultura de Dodro que culmina coa deliberación do mesmo para determinar a obra gañadora e deseguido procédese á apertura da plica para desvelar o nome do autor. O fallo dáse a coñecer mediante a celebración dun acto público. Así mesmo, faise unha ofrenda floral en memoria de Eusebio Lorenzo Baleirón no cemiterio parroquial de San Xulián de Laíño, onde repousan os seus restos, nunha homenaxe á que asisten os membros do xurado acompañados por persoeiros do concello. Días despois celébrase o acto de entrega do premio, coincidindo coa clausura da semana cultural de Dodro, que ten lugar tódolos anos no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.

A dotación económica do premio ascende a 2 500 € e obra gañadora publícase en formato libro nalgunha editorial recoñecida. Os primeiros poemarios foron publicados a partir da IV edición por Ediciós do Castro recompilados na colección de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, á que se sumaron en posteriores edicións Sotelo Blanco (colección de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón) e Chan da Pólvora (colección ELBa).

Lista de gañadoresEdición Ano Autor Título Editorial

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Coleccións de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Categoría:Dodro