O viking metal é un estilo con orixes no black metal e a música folk nórdica, caracterizado polas súas letras e temáticas centradas na mitoloxía nórdica, o paganismo nórdico e a era viquinga. Algunhas das características musicais comúns nos grupos incluídos neste xénero son os estilos pesados e lentos de guitarra, os coros en forma de himno, uso conxunto de voces limpas e gritos, uso de instrumentos propios da música folk e inclusión de teclados para xerar un efecto musical atmosférico. Este xénero comezou a desenvolverse nos anos 1980 e 1990 como forma de rexeitar o satanismo e ocultismo propios do black metal, acollendo no seu lugar a mitoloxía nórdica dos viquingos e o paganismo como forma de oposición ao cristianismo. Presenta similitudes na lírica, sons e temática ao pagan metal, aínda que este último presenta un rango mitolóxico máis amplo e un uso máis extensivo da instrumentación folk.

O grupo sueco Bathory acredítase como o pioneiro deste estilo cos seus álbums Blood Fire Death de 1988 e Hammerheart de 1990. Os noruegueses Enslaved seguiron estes pasos cos álbums Hordanes Land de 1993 e Vikingligr Veldi de 1994. Burzum, Emperor, Einherjer, e Helheim, entre outros grupos, continuaron desenvolvendo o xénero a comezos e mediados dos anos 1990. Os grupos de death metal Unleashed e Amon Amarth tamén adoptaron estas temáticas viquingas, ampliando o estilo dende a súa orixe no black metal cara a outros xéneros.

Notas

Véxase tamén Bibliografía