miniatura|Representación da prostituta de Babilonia segundo o Tapiz da Apocalipse de Angers. A prostitución é a venda de servizos sexuais a cambio de cartos ou outro tipo de retribución. Unha persoa que exerce a prostitución recibe o nome de prostituta ou prostituto. No caso da muller tamén se usan coloquialmente diversos nomes como galdrapa, lorcha, pendanga, rameira ou puta, palabras todas elas que comportan unha forte connotación despectiva.

A prostitución é un dos traballos e fenómenos sociais que dá resposta ó desexo sexual do ser humano. Na maioría das culturas a forma aceptada de satisfacer este desexo é no contexto de relacións afectivas. O ser humano empregou e emprega moitas outras formas para saciar o seu apetito sexual, tanto de forma consensuada con outros individuos, como sen consenso: busca de sexo non afectivo con outras persoas, acoso, violación, e outras moitas, entre as que se encontra a oferta pecuniaria. É esa oferta económica o motor que pon en marcha as moi variadas formas de prostitución.

En termos xerais, as tres principais formas de prostitución son (por orde de incidencia): A trata de brancas e menores, arredor da que xorden sociedades mafiosas que trafican con persoas para obter cartos (o que se considera unha forma moderna de escravitude). Persoas con condicións sociais e económicas que converten a prostitución nunha das poucas formas posibles de sacar adiante a unha familia ou a si mesmas (prostitución forzada polas condicións socioculturais). O caso (minoritario numericamente) de prostitución de alto standing, onde a persoa se prostitúe voluntariamente polos elevados ingresos que obtén a cambio (prostitución voluntaria).

A postura oficial dos gobernos fronte á prostitución vai da prohibición total á legalización completa, pasando por modelos "mixtos" que penalizan só ó cliente. Socialmente tamén se observa un amplo espectro de respostas, que van desde o rexeitamento público (a máis común) á aceptación.

miniatura|Regulamento de "Higiene especial" que regulaba a prostitución en 1882 na Coruña, Santiago e Ferrol.

Definición e termos relacionados A definición máis sinxela posible do concepto de prostitución é: a venda de servizos sexuais a cambio de diñeiro ou outro tipo de retribución.

Ó falar de prostitución, sobreenténdese que a persoa que a exerce non aplica máis criterio na elección do cliente que o de recibir o pago correspondente, sen que exista ningún tipo de emoción ou relación afectiva. É por isto que, nun sentido máis xenérico e coloquial da palabra, dise tamén que se prostitúe, por extensión, calquera persoa que "vende" os seus servizos profesionais (non sexuais) por unha causa que considera indigna, co único aliciente de recibir un pago.

Ás veces úsase o termo prostitución nun sentido moito máis amplo de manter relacións sexuais cunha fin distinta á da reprodución ou o pracer dunha das partes, incluíndo formas (principalmente históricas) de prostitución relixiosa nas que se practica sexo en cumprimento duns preceptos relixiosos. Tamén entrarían nesta definición máis xenérica o uso do sexo como forma de espionaxe, e os casos de homes e mulleres mantendo relacións con persoas famosas co fin de vender a historia á prensa do corazón a cambio de fama e/ou diñeiro. Nestes dous casos úsase a equiparación coa prostitución cun ánimo evidentemente pexorativo.

A maioría das prostitutas son mulleres que ofrecen os seus servizos a homes. Tamén existen prostitutos, que ofrecen os seus servizos principalmente a homes, ou a mulleres en menor proporción (normalmente só a uns ou a outros). O fenómeno da prostitución coñécese practicamente desde que existen rexistros históricos dalgún tipo, e foi evolucionando xunto coas formas sociais, aínda que mantivo unha imaxe estigmatizada co paso do tempo. A chamada prostitución relixiosa desapareceu paulatinamente do mundo occidental durante o Imperio Romano, aínda que seguiu sendo practicada noutras culturas ata hai ben pouco, e viu unha repunta coa aparición de relixións alternativas en occidente.

A prostitución é na actualidade unha práctica ilegal en moitos países, propia de ambientes marxinais e relacionada con outras formas de delincuencia. Moitas mulleres e nenos son obrigados a exercela por parte de individuos ou bandas criminais organizadas, ata o punto de que as Nacións Unidas, xa en 1949, promoveron unha convención para o control da prostitución e a loita contra a trata de brancas xerada ó seu redorConvención para a supresión do tráfico de persoas e a explotación da prostitución de outros, texto completo en Status of ratifications, reservations and declarations.

Nalgúns países, principalmente do norte de Europa (como Países Baixos e Alemaña), a prostitución é un oficio regulado no que os seus traballadores e traballadoras pagan os seus impostos e non arrastran unha imaxe social tan degradada (este é o chamado modelo pro regulación; os seus partidarios consideran ás persoas que exercen a prostitución como un tipo máis de traballador sexual). Porén, noutros países do mesmo contorno, como Suecia, optouse por permitir a prostitución penalizando o consumo, é dicir, ós clientes (o chamado modelo abolicionista): considérase a prostitución como unha forma de violencia contra as mulleres, na que se penaliza ós homes que as explotan comprando servizos sexuais.Web do goberno sueco explicando a postura oficial do mesmo respecto á prostitución (en inglés) Trátase ás prostitutas, na súa maioría, como vítimas que requiren axuda, e inténtase educar ó público, pois considérase que a igualdade de xénero continuará sendo inacadable mentres haxa homes que compren, vendan e exploten a mulleres, nenas e nenos prostituíndoos.

A figura da prostituta está tamén estreitamente vencellada á do proxeneta, persoa que recibe unha porcentaxe dos beneficios conseguidos pola mesma. En principio o proxeneta recibe eses cartos como pago por un servizo, habitualmente o de actuar como mediador entre a prostituta e o cliente, prover a habitación ou lugar onde ten lugar o servizo sexual, dar protección etc. Porén, canto máis marxinal é o tipo de prostitución, máis se converte o proxeneta nun mero extorsionador, que no seu grao máis baixo retén ás prostitutas baixo o seu control mediante ameazas e abusos que chegan á violencia física. Esta situación é máis habitual (e practicamente a norma) en países onde a prostitución é ilegal. Porén, a legalización non é suficiente garantía para evitar este tipo de abusos; en países europeos onde a prostitución é legal, como España, as forzas de seguridade detectan e interveñen de forma periódica en locais nos que se retén a mulleres pola forza, obrigándoas a prostituírse vítimas de redes de trata de brancasSegundo o informe anual da Garda Civil, o 90 % das prostitutas en España son inmigrantes en situación ilegal..

Terminoloxía O termo prostitución provén do latín prostitutio, que tén o mesmo significado que o actual e que á súa vez provén doutro termo latino, prostituere, que significa literalmente "exhibir para a venda".

Outra versión amplamente estendida, aínda que incorrecta, afirma que o termo puta vén do verbo latino putare, pensar; arguméntase que coa progresiva conquista romana das antigas zonas gregas aumentou a cantidade de escravos e escravas de dito pobo. Ó ver os romanos que as mulleres (ás que ó parecer usaban maioritariamente como prostitutas) eran coñecedoras da ciencia e a política, cualificáronas como pensadoras, en latín putas. Aínda que non deixa de ter certo encanto, esta versión contradí a propia historia de Roma, que non someteu ás cidades-estado gregas a unha conquista súbita, senón a unha progresiva absorción. Por outra parte, aínda que na Grecia clásica as hetairas tiñan gran preeminencia, en xeral o papel da muller na cultura grega era moi secundario.

Ademais, prostitutio e putare non teñen raíces comúns. Puta como equivalente de prostituta débese tan só a unha contracción vulgar do termo orixinal. Curiosamente existía no panteón romano unha deusa menor da agricultura chamada Puta, aínda que é pura coincidencia. Neste contexto, puta é un vulgarismo relativamente moderno, descoñecido para os romanos.

Ó longo da historia, a prostitución tivo unha gran cantidade de termos tanto para referirse á mesma como ós practicantes, ós clientes, ós lugares e ás actividades relacionadas. Por exemplo, as mulleres que exercen a prostitución son (ou foron) coñecidas con multitude de nomes: meretriz, loba...

O termo loba como equivalencia de prostituta vén dos ritos producidos en febreiro en honra do deus Fauno Luperco. Eran chamadas lobas ou orixinalmente lupas as que exercían a prostitución sagrada cos sacerdotes deste deus, os luperci, no Ara Máxima. De aquí deriva tamén lupanar, que se emprega para referirse ó prostíbulo ou bordel ou casa de citas.

Historia Orixe e antigüidade da prostitución A prostitución é cualificada eufemisticamente como a "profesión máis antiga do mundo". Esta descrición, que alude á antigüidade da práctica, é discutible tendo en conta criterios socioeconómicos, xa que o intercambio de favores sexuais a cambio de bens materiais require un certo tipo de acumulación capitalista ou asimetría no acceso a certos recursos, ou ben unha diferenciación social, que probablemente non se deron entre os primeiros grupos humanos ata que a tecnoloxía non sobrebasou certo límite.

Desde un punto de vista puramente biolóxico, nas últimas décadas a investigación científica descubriu exemplos de actitudes en animais que poden (salvando as distancias) equipararse á prostitución entre os seres humanos: algunhas especies de pingüíns intercambian sexo por pedras adecuadas para a construción de niños, e entre os chimpancés ananos existe un sistema social ben establecido no que, entre outras interaccións, as femias ofrecen sexo a cambio de comida, e como mecanismo de resolución de conflitos. Tendo en conta que case ata a Revolución industrial a economía mundial era basicamente agraria, e que a maioría de bens se conseguen por intercambio, a expresión sobre a antigüidade da prostitución resulta bastante defendible.

No mundo antigo Próximo oriente Unha das formas máis antigas de prostitución da que existen rexistros históricos é a prostitución relixiosa, supostamente practicada inicialmente en Sumeria. Os antigos historiadores Herodoto e Tucídides documentan a existencia en Babilonia da obrigación para tódalas mulleres, polo menos unha vez na súa vida, de acudir ó santuario de Militta (a Afrodita grega, ou Nana/Anahita) para practicar sexo cun estranxeiro como mostra de hospitalidade, a cambio dun pago simbólico.

En Israel a prostitución era común, malia ser expresamente prohibida pola lei xudía. Profetas como Xosué e Ezequiel opúñanse á mesma con vehemencia. Existía tamén como forma relixiosa no reino de Canaán, coa característica de que unha parte significativa dos que a exercían nos templos eran homes.

A prostitución estaba ben presente en Sardeña e Sicilia, así como en varias culturas fenicias, nas que se practicaba como rito relixioso na honra de Astarté. A práctica da prostitución estendeuse por tódolos portos do mar Mediterráneo, presumiblemente en ás das expedicións comerciais fenicias.

Grecia clásica Na Grecia clásica, a prostitución era practicada tanto por mulleres como por homes novos. O termo grego para a prostitución é porne, derivado do verbo pernemi (vender), o que xerou unha acepción moderna ben evidente. As prostitutas podían chegar a ser mulleres moi influentes, debían vestir ropas distintivas e estaban obrigadas a pagar impostos.

Crese que foi na antiga Atenas onde se estableceu o primeiro bordel no século VI a. C. Cos beneficios deste negocio construíuse un templo. Non estaba permitida, porén, a captación de clientes. Existen escritos que informan de que no século V a. C. o prezo dun servizo era dun sexto de dracma, o que equivalía ó salario medio dun día.

Antiga Roma