Mario Rodríguez Losada, coñecido como Mario de Langullo e Pinche, nado en San Pedro (Cesuris, Manzaneda) o 29 de setembro de 1913 e finado en Seadur (Larouco) o 7 de xullo de 1986, foi un dos últimos guerrilleiros en abandonar a loita armada contra o réxime do xeneral Franco. Pasou de escapado a guerrilleiro, e era moi afamado en todo o oriente da provincia de Ourense e no sur da de Lugo.

Traxectoria Fillo de Juan Rodríguez Rodríguez e Arsenia Losada. con quince anos emigrou a Bilbao, onde traballou como peón e participou en diversos conflitos laborais. Regresou á provincia de Lugo en 1935.

Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 o seu pai foi nomeado concelleiro e despois alcalde de Manzaneda (posteriormente foi asasinado polos falanxistas de Langullo o 10 de abril de 1937). Ó producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Mario Rodríguez viuse obrigado a botarse ó monte para salvar a vida. Alí dirixiu un grupo guerrilleiro que operou por Quiroga, Manzaneda e Trives realizando accións de sabotaxe, ataque ao goberno e represión de colaboradores e delatores. Colaborou coa III Agrupación luguesa da Federación de Guerrillas de León-Galicia primeiro e despois co Exército Guerrilleiro de Galicia como responsable do Destacamento de Trives da II Agrupación. Mantivo fondas discrepancias con Manuel Fernández Soto polas súas ideas excesivamente militaristas.

A consolidación do réxime ditatorial fixo cada vez máis difícil a continuidade da acción guerrilleira, que abandonou en 1951, manténdose illado no monte e pasando á clandestinidade, para posteriormente fuxir a Francia o 29 de agosto de 1968. Puido saír de España grazas ao párroco de Seoane Vello. Instalouse en Nogent sur Vermisson (Loiret).

Regresou a Galiza en 1979. Faleceu en 1986 en Seadur (Larouco).

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de Francia Categoría:Nados en Manzaneda Categoría:Nados en 1913 Categoría:Finados en 1986 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes