Olimpia Valencia López, nada en Baltar (Ourense) o 14 de decembro de 1898 e finada en Vigo o 10 de xullo de 1987, foi a primeira galega titulada en medicina en Galicia. Especializouse en xinecoloxía.
Traxectoria Era a única filla de Anacleto Valencia Lama, industrial hostaleiro que en 1910 se trasladou a Vigo coa familia. Realizou os estudos de bacharelato no Instituto de Pontevedra (actual IES Sánchez Cantón). Estudou Maxisterio, para o que se preparou por libre na Academia Minerva. Sen vocación para o ensino, en 1919 comezou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciouse en 1925, con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra. Ese mesmo ano marchou a Madrid facer a tese de doutoramento, que presentou en 1930 co título de La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica dirixida polo doutor Sebastián Recaséns, da Cátedra de Obstetricia.
En Madrid aloxouse durante tres anos na Residencia de Señoritas da rúa Fortuny, onde tamén exerceu outras funcións para gañar unha bolsa co fin de pagar a estancia. No curso 1926-27 impartiu clases de cultura xeral ás residentes. O seguinte curso foi nomeada médica titular do Instituto Escuela, institución docente experimental xurdida do contorno da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas.
Etapa en Vigo esquerda|miniatura|200x200px|Placas conmemorativas no edificio de Vigo onde viviu e tivo a súa consulta Olimpia Valencia En 1928 trasladouse a Vigo. Puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e xinecoloxía no número 11 da rúa do Príncipe., Alí exerceu a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Olimpia mantivo conexión coa investigación e preocupouse por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro. En 1929 solicitou unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios para ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.
Foi unha das fundadoras en 1930 da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo, institución da que chegou a ser vicepresidenta (1935). Como investigadora, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas, celebradas na Coruña en 1929. En 1934 fixo unha comunicación na Academia de Vigo: La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo. Tamén foi membro fundadora da Alianza Francesa de Vigo.
Muller de inquietudes culturais e vinculada a Galicia, tivo relación con recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas ou Ramón Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio á candidatura galeguista da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do SI no Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ambos documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas. Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade. Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roxa", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu un posto na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.
Formou parte do comité organizador das Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas, celebradas en 1958.
Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de 80 anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Morreu no verán de 1987.miniatura|Edificio das Seccións da Audiencia de Vigo, que será reconvertido nun centro de saúde co nome de Olimpia Valencia|186x186px
Recoñecementos miniatura|dereita|Representación de Olimpia Valencia como pioneira nun mural da Marcha Mundial das Mulleres en Vigo en 2021
A Ruta en feminino Sons de Mulleres ten sinalizado co número 11 o edificio onde Olimpia Valencia viviu e tivo a súa consulta en Vigo. Foi nomeada filla predilecta de Baltar en 2017. No edificio onde viviu e tivo a súa consulta foron colocadas dúas placas conmemorativas, unha do Concello de Vigo en 2003 e outra da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) en 2016. O Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, leva o seu nome. Na parroquia viguesa de Oia hai unha rúa co seu nome. En outubro de 2019 a Xunta de Galicia anunciou que o edificio das Seccións da Audiencia dos xulgados de Vigo, cando se trasladen á nova Cidade da Xustiza, no antigo Hospital Xeral, pasaría a ser o centro de saúde "Olimpia Valencia". En 2020 decidiuse que a biblioteca da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela levaría o seu nome. En 2021 foi unha das mulleres representadas como pioneiras nun mural da Marcha Mundial das Mulleres na Gran Vía de Vigo. En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
ISBN 978-84-89599-76-7
Rodríguez Anair (2018). Pioneiras. Galegas que abriron camiño. Xerais. 32 páxs. Ilustracións de Nuria Díaz. ISBN 978-84-9121-310-9. Pintos Barral, Xoana (2021). Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Editorial Galaxia.
Outros artigos Institución Libre de Enseñanza Ligazóns externas Rolland, Eduardo "Olimpia Valencia, a primeira doutora" GCiencia, 28/4/2015. Fuentes, Ana. Ana Fuentes: “Olimpia Valencia foi unha galega valente” GCiencia, 21/6/2019.
Categoría:Médicos de Baltar Categoría:Nados en Baltar Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 1987 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Xinecólogos