O Museo de Pontevedra, tamén coñecido como Museo Provincial de Pontevedra, foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra.

Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia.

Historia O Museo de Pontevedra fundouno a Deputación Provincial de Pontevedra no pazo de Castro Monteagudo o 30 de decembro de 1927 e abriu ó público o 10 de agosto de 1929. Co tempo foi ampliando as súas instalacións. Desde 2012 o museo ocupa cinco edificios históricos máis un sexto edificio moderno que se comezou a construír en 2004 e que se inaugurou en 2012. O convento de Santa Clara de Pontevedra vaise reformar para acoller fondos do museo.

Desde a súa fundación dirixírono Casto Sampedro Folgar (1927-1937), Xerardo Álvarez Limeses (interino, 1937-1940), Xosé Filgueira Valverde (1940-1986), Xosé Carlos Valle Pérez (1986-2019), José Manuel Rey García (2019-2023) e Ángeles Tilve Jar. O nomeamento desta última, en particular o xeito no que se produciu, provocou a dimisión do Consello Asesor o 28 de setembro de 2023. En novembro de 2025 foi confirmada como directora titular.

Edificio Castro Monteagudo

Este edificio está datado en 1760, e leva ese nome porque foi edificado por José de Castro y Monteagudo, primeiro Auditor na provincia Marítima de Pontevedra. É o edificio inicial do museo.

As distintas salas exhibían tradicionalmente os fondos arqueolóxicos, de orfebrería prerromana e romana, pratería e pintura. Actualmente, a exposición permanente está en proceso de remodelación. miniatura|Pazo de Castro Monteagudo. Salas de arqueoloxía Á arqueoloxía estábanlle dedicadas tres salas no edificio Castro Monteagudo, presentando materiais moi significativos de etapas da prehistoria e da protohistoria de Galicia. Na última remodelación trasladáronse case todos estes fondos arqueolóxicos expostos para o Edificio Sarmiento. Algúns materiais aínda permanecen no seu lugar no ano 2014, como a colección de ourivaría galega tradicional que se empregaba para establecer un contraste coa colección de ourivaría prehistórica.

Colección de pratería Fernández de la Mora y Mon A colección, depositada de modo permanente no edificio Castro Monteagudo, foi adquirida polo escritor e diplomático Gonzalo Fernández de la Mora y Mon. Está formada por pezas anteriores a 1900, predominando a arte civil sobre a sacra. As pezas son procedentes, ademais da Península Ibérica e de Hispanoamérica, doutros lugares coma Rusia ou China.

A serie de prata niquelada (con incrustacións de aliaxes de chumbo) inclúe caixas e portavasos rusos, petacas turcas e cuncas tailandesas.

Unha das pezas máis antigas é unha cunca bizantina para bautizar, do século XV ou XVI. A de maior relevancia histórica é unha caixa do predicador de Nova Inglaterra Thomas Hooker de 1600, e a máis nobre é unha caixa de rapé moscovita con cantos curvos de comezos do século XIX.

Pero a peza máis valiosa é unha sopeira imperial, forxada en Estrasburgo cara a 1800, sen desmerecer unha xerra-trofeo ofrecida pola emperatriz de Alemaña Augusta Vitoria ao vencedor dunha carreira en 1898, con moedas de ouro incrustadas coas efixies dos tres emperadores que reinaron no mesmo ano. miniatura|Pazo de García Flórez.

Edificio García Flórez

O pazo de García Flórez chámase así por ser Antonio García Estévez Fariña e maila súa esposa Tomasa Suárez Flórez os que no século XVIII ergueron esta casa señorial sobre un pazo anterior. Foi unido ó Museo Provincial en 1943.

Os fondos que se expón nas súas salas consisten en material e mobiliario de mareantes, escultura relixiosa e acibechería.

Edificio Fernández López Foi edificado o ano 1962 e rematado no 1965. O nome é unha homenaxe ao principal doador José Fernández López. Expón unha ampla colección de pintura romántica e histórica, con salas dedicadas especificamente a Goya e Joaquín Sorolla. miniatura|esquerda|Edificio Fernández López

Neste edificio alóxanse as dependencias administrativas do Museo, a biblioteca e o arquivo gráfico (composto por máis de 500.000 rexistros).

O edificio Fernández López do museo foi ampliado a principios dos anos 2000, construíndose un anexo deseñado en 1999 polo arquitecto Celestino García Braña entre as rúas Pasantería e Laranxo. As obras terminaron en 2002 e o novo edificio de 1200 metros cadrados, síntese de arquitectura tradicional e moderna (composto pola anexión de 2 casas e a construción doutro inmoble no soar dunha antiga horta) e destinado a oficinas e a salas para dar servizo a investigadores e documentalistas, inaugurouse o 2 de maio de 2003. A ampliación foi premiada ese mesmo ano polo Colexio de Arquitectos de Galicia. miniatura|dereita|Ampliación do Edificio Fernández López (1999-2002)

Biblioteca A biblioteca empezou cun lote de 108 libros. En 2007 o seu fondo acadou, con máis de 6.000 títulos de publicacións seriadas, máis de 150.000 rexistros bibliográficos, 500 mapas e planos e seccións de documentación. É unha biblioteca especializada á disposición de investigadores, cunha sala de lectura aberta ao público unicamente para consultar os fondos, non existindo o préstamo a domicilio. A biblioteca leva a cabo varias misións de interese científico e colabora co Ministerio de Cultura e coa Xunta de Galicia.

Publicacións científicas A revista anual do museo, El Museo de Pontevedra, publicouse por primeira vez no ano 1942. Ademais dos catálogos propios de cada exposición, o Museo publica monografías.

Ruínas de San Domingos

miniatura|Ruínas de San Domingos. É o edificio máis antigo do museo. Ocupa os restos do Convento de San Domingos, construído nos séculos XIV e XV e abandonado desde a desamortización de Mendizábal de 1834. Conserva unicamente a capela maior e capelas laterais da cabeceira e mostra, ademais dos propios restos da igrexa que aínda se conservan en pé, unha ampla colección de escudos, lápidas gremiais, baldaquinos, capiteis e estatuas diversas.

Edificio Sarmiento

miniatura|Edificio Sarmiento. Trátase do antigo colexio dos Xesuítas, construción de estilo barroco iniciada en 1695 e rematada no ano 1714. Incorporouse ó museo en 1979.

Tras unha profunda remodelación, foi inaugurado ó público o 21 de agosto de 2013, coa colección arqueolóxica e a arte galega medieval ata o século XIII."El edificio Sarmiento renace entre lírica y aplausos" Pódese destacar a colección de torques e outras pezas castrexas procedentes, entre outros, dos achados do tesouro de Caldas de Reis e de Agolada.

Edificio Castelao

Trátase dun edificio construído entre 2004 e 2012, polos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ulargui, que significa unha ampliación de 10.000 m2 de superficie para exposicións e talleres. Foi inaugurado o 4 de xaneiro de 2013."Rajoy reivindica el Museo de Pontevedra como el mejor provincial de España" La Voz de Galicia, 4/1/2013 . Está situado trala igrexa de San Bartolomeu. miniatura|esquerda|Edificio Castelao. Foi bautizado inicialmente como Sexto Edificio, ó non alcanzarse un acordo entre os diferentes nomes de persoeiros propostos para darlle nome ó novo edificio (nomes entre os que destacaba o de Xosé Filgueira Valverde). A partir do 2021 denomínase como Edificio Castelao La Voz de Galicia, 14.01.2021 ..

Distribúese en catro plantas e un soto. A planta baixa dedícase a exposicións temporais e as tres plantas superiores a exposición permanente dos fondos do Museo, en 23 salas, que expoñen tanto arte galega, desde o gótico á actualidade, como a doutros artistas españois e estranxeiros.

A primeira planta está dedicada á arte galega desde o gótico ata finais do século XIX, coa Xeración Doente. Expón esculturas e relevos relixiosos, entre o que destaca o retablo de Santa María de Belvís (procedente do convento dos dominicos de Santiago de Compostela), e diferentes pinturas e esculturas de Goya, Gregorio Fernández, Xosé Gambino, Pérez Villaamil, Serafín Avendaño etc.

A segunda planta está dedicada á arte comprendida entre finais do XIX e o primeiro terzo do século XX. Pódense contemplar obras de Ovidio Murguía, Álvarez de Sotomayor, Camilo Díaz, Asorey e bustos e instrumentos do violinista Manuel Quiroga. Destacan as dúas salas dedicadas a Castelao.

A terceira planta está destinada a artistas galegos comprendidos entre os anos 20 do século XX e o século XXI, con autores posteriores ó Grupo Atlántica.

No soto habilitáronse talleres de restauración e un amplo auditorio.

miniatura|dereita|Igrexa gótica do Convento de Santa Clara. Santa Clara

O 1 de decembro de 2021, o Concello de Pontevedra comprou o Convento de Santa Clara á Orde das Clarisas por 3,2 millóns de euros. O 3 de xaneiro de 2023, o Concello cede o conxunto á Deputación Provincial de Pontevedra conservando o dereito de uso dos xardíns e o bosque. A Deputación integrará o convento no Museo como o seu sétimo edificio tras unha restauración integral.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía María de la Paz Varela Campos: Guía de museos de Galicia, Edicións Nigra Trea, ISBN 84-95364-04-2, p. 99-101. Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e a colaboración de Fernando Arribas Arias: Guía do Museo Provincial de Lugo, Deputación de Lugo, 2003. ISBN 84-8192-226-9. Outros artigos Museos de Galicia Lista de museos numismáticos Ligazóns externas Sitio web do Museo Provincial de Pontevedra Páxina do Consello Galego de Museos sobre o Museo Provincial de Pontevedra

*