miniatura|Afonso VII no centro, e a raíña Leonor á esquerda.
Afonso VIII de Castela, nado en Soria o 11 de novembro de 1155 e finado en Gutierre-Muñoz (Ávila) o 5 de outubro de 1214, foi un nobre castelán, rei de CastelaA titulación completa era Rex Castelle et Toleti (Rei de Castela e Toledo). dende 1158. Chamado tamén Afonso VIII de Borgoña, Afonso o das Navas e Afonso o Nobre.
Minoría de idade Era o único fillo de Sancho III e Branca de Navarra. Ó morrer o seu pai, o 31 de agosto de 1158, só tiña tres anos de idade, polo que se lle asignou como titor a Gutiérrez Fernando de Castro. Este nomeamento, que levaba implícita a rexencia do reino, orixinou unha sanguenta rivalidade entre dúas poderosas familias nobiliarias, a galega dos Castro, á que pertencía o titor do rei, e a castelá dos Lara que pretendían dita tutela. Lograron facerse co xove rei, ó que trasladaron a Haza, dentro da súa zona de influencia.
Esta rivalidade derivou case nunha guerra civil, e nun período de desgoberno que foi aproveitado polos reinos veciños. En 1159 o rei navarro Sancho IV apoderouse de Logroño e de amplas zonas de A Rioxa, mentres que o tío do xove Afonso, o rei leonés Fernando II, fíxose con Burgos.
A proximidade de Fernando II, aliado dos Castro, ó lugar onde os Lara custodiaban a Afonso VIII, fixo que estes o trasladasen a Soria onde permaneceu ata 1162, cando os Lara, acosados por Fernando, que conquistara as cidades de Segovia e Toledo, decidiron entregarllo ó seu tío, aínda que o impediu a intervención dun fidalgo, que sacou ó pequeno do pazo real, poñéndoo baixo a custodia das vilas leais do norte de Castela, primeiro no castelo de San Esteban de Gormaz, e despois en Atienza e Ávila, cidade que desde entón recibe o título honorífico de "Ávila del Rey" ou "Ávila de los Leales", pola defensa que fixo do xove monarca.
Reinado Ó cumprir quince anos en 1170, acadando a maioría de idade, Afonso VIII foi proclamado rei de Castela nas Cortes que se convocaron en Burgos. Tras isto casou con Leonor de Plantagenet, filla de Henrique II de Inglaterra e de Aliénor de Aquitania, que achegou como dote o condado de Gascuña.
O seu primeiro obxectivo como monarca foi a recuperación dos territorios que lle foran arrebatados ó reino durante a súa minoría de idade. Aliouse co rei aragonés Afonso II o Casto, logrando arrebatar en 1173 a Sancho IV as comarcas que usurpara.
Esta alianza con Aragón quedou reforzada ó casar Afonso II coa súa tía Sancha.
En 1174 cedeu á Orde de Santiago a vila de Uclés (na actual provincia de Cuenca), sendo desde entón a casa principal da orde. Desde esta praza iniciou unha ofensiva contra os musulmáns, que culminou coa reconquista de Cuenca en 1177. A cidade rendeuse o 21 de setembro, festividade de San Mateu, celebrada desde entón polos conquenses.
En 1179 firmou co seu aliado aragonés o tratado de Cazorla, polo que os dous monarcas se repartiron sobre o papel, xa que non tivo resultados reais, os territorios do reino navarro, e ademais fixaron as zonas de conquista dos territorios musulmáns que cada monarca podía emprender, variando o ata entón vixente tratado de Tudilén, que firmaran Afonso VI e Ramón Berenguer IV. Polo novo Tratado de Cazola, o reino de Murcia pasaba a Castela, e a cambio o rei aragonés viuse libre do vasalaxe que debía a Afonso VIII.
No inverno de 1180 firmou en Carrión de los Condes o Fuero de Villasila y Villamelendro, trala petición efectuada polos responsables das citadas vilas.O documento orixinal consérvase no Arquivo Histórico Nacional (Órdenes Militares. Santiago-Uclés, Carpeta 325, nº1). Narganes Quijano, F. e González Díez, E. (2004): Historia abreviada en el curso medio de Valdavia: Villabasta, Villaeles, Villanuño, Arenillas de Nuño Pérez, Villasila y Villamelendro. Ayuntamiento de Villaeles de Valdavia. 284 págs. Palencia ISBN 84-606-3616-X
Tras fundar Plasencia en 1186, e coa intención de unificar á nobreza castelá, relanzou a reconquista, recuperando parte da Rioxa que estaba en mans navarras. Estableceu unha alianza con tódolos reinos peninsulares cristiáns (Portugal, León, Navarra e Aragón) para proseguir ordenadamente conquistando as terras ocupadas polos almohades.
En 1188 reuniuse en Carrión de los Condes co seu sobriño Afonso IX que acababa de suceder ó seu pai, Fernando II, como rei de León. Os dous monarcas firmaron un pacto de boa vontade, que Afonso VIII axiña rompeu para, aproveitando a debilidade do novo rei leonés no seu propio reino, invadir León e facerse con varias poboacións, entre elas Valencia de Don Juan e Valderas, e que iniciou un período de hostilidades que durou ata o 20 de abril de 1194, coa firma do tratado de Tordehumos. Nel o rei castelán comprometíase a devolver os territorios conquistados, e o leonés comprometíase a casar coa filla de Afonso VIII, Berenguela e, de morrer sen descendencia o reino de León pasaría a ser anexionado por Castela.
Batalla de Alarcos O acordo co reino de León permitiulle romper a tregua que mantiña cos almohades desde 1190, e iniciou incursións xunto ó arcebispo de Toledo, Martín López de Pisuerga, chegando ata Sevilla.
O califa almohade Abu Yaqub Yusuf al-Mansur, que se encontraba no norte de África, cruzou o estreito de Xibraltar e desembarcou en Tarifa á fronte dun poderoso exército, co que se dirixiu cara terras castelás. Afonso VIII recibiu a noticia e reuniu ó seu exército en Toledo, e aínda que conseguiu o apoio dos reis de León, Navarra e Aragón para facer fronte á ameaza almohade, non esperou a chegada das tropas e dirixiuse cara Alarcos, unha cidade-fortaleza en construción situada na actual provincia de Cidade Real, xunto ó río Guadiana. O 19 de xullo sufriu unha forte derrota, que supuxo unha importante perda de territorio e a fixación da nova fronteira entre Castela e o Imperio almohade nos montes de Toledo.
Batalla das Navas de Tolosa Trala batalla de Alarcos, Afonso VIII encontrouse nunha perigosa situación, que en 1212 levou á posible perda de Toledo e de todo o val do Texo, polo que o rei solicitou ó papa Inocencio III a predicación dunha cruzada, á que non só responderon os seus súbditos casteláns, senón tamén os aragoneses co seu rei, Pedro II o Católico, os navarros dirixidos por Sancho VII o Forte, e ordes militares como as de Calatrava, do Temple, de Santiago e de Malta.
Con todos eles, e trala recuperación dos enclaves do val do Guadiana (Calatrava, Alarcos, Benavente...) alcanzou a esperada vitoria sobre o califa almohade Miramamolín na batalla das Navas de Tolosa, producida o 16 de xullo nas inmediacións de Santa Elena (Xaén).
Afonso VIII morreu en 1214, sendo sepultado xunto á súa esposa no Mosteiro de Las Huelgas de Burgos, panteón dos reis de Castela que el mesmo fundara.
Afonso VIII foi o fundador do primeiro estudo xeral español, o studium generale, en Palencia, que decaeu trala súa morte. Ademais, a súa corte foi un importante instrumento cultural, coa acollida de trobadores e sabios, especialmente pola influencia da súa esposa gascoa dona Leonor (irmá de Ricardo Corazón de León).
Nupcias e descendencia O rei casou en setembro de 1170 en Burgos con Leonor de Plantagenet, filla de Henrique II de Inglaterra e de Aliénor de Aquitania. A influencia política e cultural da raíña foi notable, e profesáronse amor sincero. Da súa unión naceron catorce fillos:
Sancho (1172); Fernando (1173-1179); Sancho (1180-1181); Berenguela, (nada en Segovia o 1 de xuño de 1180 e finada no Mosteiro de Las Huelgas o 8 de novembro de 1246). Foi raíña de Castela (1217) e esposa de Afonso VIII de León; Sancha (1181-1184); Henrique (1182-1183); Fernando (1183); Urraca (1187–1220). Raíña consorte de Portugal, ó casar en 1211 con Afonso II de Portugal; Branca (nada en Palencia en 1188 e finada en Maubuisson en 1252). Raíña consorte de Francia ó casar en 1200 con Lois VIII de Francia; Fernando (nado en Cuenca en 1188 e finado en Madrid en 1211); Mafalda (Plasencia, 1191 - Salamanca, 1204); Costanza (1195-1243), abadesa do mosteiro cisterciense de Las Huelgas; Leonor, (1202–1244). Raíña consorte de Aragón ó casar en Ágreda en 1221 con Xaime I de Aragón; Henrique (nado en Palencia en 1203 e finado en 1217), sucesor de Afonso VIII, co nome de Henrique I;
A tradición popular conta que mantivo relacións amorosas cunha xudía chamada Raquel. Dita lenda deu lugar a varias obras literarias.
Afonso VIII na literatura Lope de Vega (1617). Las paces de los Reyes y Judía de Toledo. Antonio Mira de Amescua (1625). La desgraciada Raquel. Luis de Ulloa y Pereira (1650) Alfonso Octavo, rey de Castilla. Príncipe perfecto, detenido en Toledo por los amores de Hermosa ó Raquel, hebrea muerta por el furor de los vasallos (poema narrativo). Juan Bautista Diamante (1667) La judía de Toledo. Pedro Francisco Lanini Sagrado (1675) El rey don Alfonso el Bueno. Vicente García de la Huerta (1778) Raquel, Tragedia española en tres jornadas (Teatro). Jacques Cazotte (1790) Rachel ou la belle juive. Nouvelle historique espagnole. Franz Grillparzer (1851) Die Jüdin von Toledo. Lion Feuchtwanger (1955) Die Jüdin von Toledo. Jesús Sánchez Adalid (2007) El alma de la ciudad Editorial Planeta, ISBN 978-84-08-07295-9.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
VV.AA.: Segundo Curso de Cultura Medieval: Alfonso VIII y su época. Fundación Santa María La Real. Centro de Estudos del Románico, (1992). 380 páxs. ISBN 978-84-600-8212-5
Afonso 08 Categoría:Dinastía de Borgoña Categoría:Nados en Soria Categoría:Nados en 1155 Categoría:Finados en 1214