As Lowlands ou Terras baixas escocesas (en gaélico escocés, a Ghalldachd, é dicir, "a zona non gaélica"), é a denominación habitual, aínda que non oficial, da parte meridional de Escocia, é dicir, todas aquelas rexións non comprendidas nas Terras Altas ou Highlands. A liña divisoria entre Terras Altas e Terras Baixas sitúase convencionalmente no Firth of Clyde, entre Stonehaven e Helensburgh. A denominación pode non ser totalmente acertada, xa que boa parte das chamadas "Terras Baixas" non son precisamente chairas, nin todas as Terras Altas son montañosas.

División administrativa

Na división tradicional, pertencen aos Lowlands os condados de: Ayrshire Berwickshire Clackmannanshire Dumfriesshire East Lothian Fife Kinross-shire KirkcudbrightshireLanarkshire Mid-Lothian Peeblesshire Renfrewshire Roxburghshire Selkirkshire West Lothian Wigtownshire Algúns condados que posúen terras tanto nas Highlands como nas Lowlands son: Angus Dunbartonshire Stirlingshire Perthshire Kincardineshire Aberdeenshire Banffshire Moray.

Malia ser Caithness considerado como parte das Highlands, tamén adoita seres incluído entre as Lowlands. As Illas Orkney e as Illas Shetland son tamén denominadas ocasionalmente como Lowlands, debido principalmente a que empregan un idioma distinto do gaélico; pero teñen unha identidade completamente distinta, máis achegada á dos países nórdicos, ata o punto de que algúns dos seus habitantes non se consideran escoceses.

Os condados máis meridionais de Escocia, lindeiros con Inglaterra, son denominados tamén Borders, e en ocasións son considerados como unha entidade separada dos Lowlands.

O termo Scottish Lowlands emprégase xeralmente para referirse á lingua escocesa, así como para referirse á historia de Escocia ou ao sistema de clans, así como á xenealoxía.

Categoría:Xeografía de Escocia