A orde do Císter (en latín: Ordo cisterciensis, o.Cist.) é unha orde relixiosa fundada en Citeaux por Roberto de Molesmes no ano 1098. Foron coñecidos na idade media como os monxes brancos, pola cor do seu hábito, en oposición aos monxes negros, que eran os beneditinos. En 2020, sumaba 1.601 monxes, mentres que a rama feminina da orde, en 2015, contaba con 825 relixiosas.

Historia

Orixes: revisión de Cluny e volta á Regra de San Bieito Ao perder a orde de Cluny o seu fervor á causa das riquezas acumuladas, xorde a reforma cisterciense, saída do mosteiro do Císter en Borgoña. O fundador foi o beneditino Roberto de Molesmes (1024-1111). Este pretendía seguir unha vida monástica máis fiel á Regra de San Bieito, establecendo unha comunidade de ermitáns en Molesmes en 1075. Este mosteiro medrou moito e houbo tensións dentro dos monxes entre os que querían seguir as interpretacións de Roberto de Molesmes e os que preferían seguir a Cluny. Finalmente, 21 relixiosos seguiron o prior Alberico e o abade Roberto e marcharon de Molesmes, fundando o 21 de marzo de 1098 un novo mosteiro en Citeaux, ao sur de Dijon, na diocese de Chalon. O sucesor de Roberto, que volveu a Molesmes por decisión papal, foi Alberico. Con Alberico adoptouse o hábito branco característico da orde, como mostra de humildade rexeitaron tinguir a la como facían os beneditinos.

Apoxeo: consolidación e difusión nos séculos XII a XIV miniatura|Ilustración que mostra a Bernaldo de Claraval de camiño a Borgoña no libro Chroniques abrégées des Anciens Rois et Ducs de Bourgogne (1485-1490) Falecido en 1109, foi Estevo Harding quen tomou a dirección do mosteiro nun momento no que, debido á dureza da vida da comunidade, estaba en crise pola falta de vocacións. Con todo, nos anos seguintes, a Orde do Císter comezou a fundar novos cenobios: La Ferté (1113), Pontigny (1114) e Clairvaux, chamado Claraval en galego (1115). Estevo Harding escribiu entre 1118 e 1119 a Carta Caratatis ou Carta de Caridade, considerado como o primeiro documento de goberno da Orde. Nesta, recompila os usos e costumes dos mosteiros para velar pola cohesión na observancia. A organización da orde descansaba sobre unha xerarquía á fronte da cal estaba o abade de Citeaux, que convocaba anualmente aos abades das diferentes casas para un Capítulo Xeral. Durante os seus 25 anos de abade, o Císter consolidouse e difundiuse mediante novas fundacións e, cara ao 1125, patrocinou a rama feminina ao fundarse a abadía de Tart.

O Císter comezou un período de esplendor no século XII, en tempos de Bernaldo de Claraval, abade do mosteiro de Claraval, figura senlleira no cristianismo do momento. Só baixo a súa dirección, Claraval difundiu o Císter coa fundación de 65 novos cenobios. En poucos anos, os mosteiros cistercienses comezaron a agromar por toda Europa: monxes de La Ferté fundaron o primeiro en Italia foi na Liguria, en Tiglieto (1120), outros dende Morimond crearon o de Kamp, próximo a Colonia (1123), os membros de Claraval centráronse en terras renanas e nos Países Baixos, fundado Eberbach en Nassau (1131), Himmerod preto de Tréveris (1134) e Ter Duinen en Flandres (1149). Dende Francia dirixíronse ás Illas Británicas e fundaron Waverley (1129), logo se establecerían en Gales, Escocia e Irlanda. En Austria, o mosteiro máis antigo é o de Rein fundado en 1129, cuxa abadía é a máis antiga aínda en funcionamento da orde.

Grazas a esta notable actividade, para 1200 xa sumaban máis de 500 casas. Tamén entre 1145 e 1153, un cisterciense chegou ao pontificado, Uxío III, quen fora abade do mosteiro de Tre Fontane e discípulo de Bernaldo de Claraval.

A chegada da orde á Península Ibérica foi coa fundación do mosteiro de Niencebas en 1140 grazas a unha doazón do rei Afonso VII de León, esta comunidade acabou trasladándose a Fitero (Navarra) en 1152. A rama feminina estableceuse por primeira vez en Tudela (Navarra) en 1142, mudándose a Tulebras en 1156, onde se mantén actualmente.

Crise no século XV miniatura|Abadía de Bonmont, fundada en 1131, a primeira en Suíza Se ben durante os séculos XIII e XIV a orde foi a máis importante de Europa, no século XV entrou en crise por múltiples factores: o cisma de Occidente, as guerras e as encomendas danaron á orde. Para resolver isto, os mosteiros cistercienses reorganizáronse creando congregacións que agrupasen aos cenobios existentes dentro dun Estado. Este movemento foi cuestionado pola abadía de Citeaux pois supuña a perda do control de parte da rede de mosteiros, pero foi apoiado polos papas. Deste modo, no ano 1427, en Santa María de Sión, na periferia de Toledo, frei Martín de Vargas fundou a Congregación Cisterciense Reformada, tamén coñecida como Congregación de Castela ou, popularmente, Orde dos bernardos. Posteriormente, este movemento foi seguido noutras rexións, nacendo as congregacións da Lombardía e Toscana, Portugal, Alemaña, Aragón ou Roma, por citar algúns exemplos. Á fronte das congregacións estaba un vicario do que dependían os superiores dos mosteiros que se integraban nela. Durante os séculos XV e XVI houbo tensións dentro da orde pola pretensión de Citeaux de manter o control fronte a vontade de autonomía das congregacións.

Século XVI e XVII: Disputas pola observancia A reforma protestante supuxo a disolución das comunidades dos Países Baixos, Escandinavia, os países bálticos e Gran Bretaña. En Alemaña, algúns mosteiros, como o de Eberbach, foron saqueados no contexto das guerras campesiñas, e entre os propios membros houbo disidencias pola adopción do luteranismo. Deste xeito, ao longo do XVI, 45 dos dos 104 cenobios que o Císter contaba en terras alemás pecharon por mor da Reforma; en Suíza só quedaron 4, a metade dos que contaba a orde a principios de século.

Nos séculos XVI e XVII o Císter afrontou tensións internas derivadas das reaccións dalgunhas das comunidades ante o que se entendía era a relaxación na observancia das regras da orde. Así, na década de 1570, no mosteiro de Notre-Dame-des-Feuillants, próxima a Tolosa, conformouse unha nova congregación cisterciense, chamada dos feuillants. Baseábanse nunha volta a unha ascese moi estrita na vida dos monxes: vexetarianismo estrito, durmir e comer no chan, e traballo. O papa Gregorio XIII recoñeceuna como unha congregación independente en 1589 e tamén se difundiu en Italia, ademais de en Francia.

Mais, de maior entidade, foi o movemento iniciado en 1664 por Armand Jean Le Bouthillier de Rancé (1626-1700), abade de La Trappe (Francia). Este presentou unha reforma austera baseada no traballo manual duro, silencio, illamento e dieta frugal (prohibición de inxerir "animais de catro patas"). O xeito de entender a vida monástica de De Rancé foi imitada por outras comunidades cistercienses, e tamén se espallou pola fundación de novos mosteiros. Por extensión, en referencia a La Trappe, todos estes mosteiros foron chamados "trapas" e os seus membros, "trapistas". A concepción da ascese da reforma de Rancé foi recollida no seu manuscrito en latín, Declarationes in regulam beati Benedicti ad usum Domus Dei Beatae Mariae de Trappa. Se ben os feuillants desapareceron coa Revolución Francesa, o movemento de Rancé foi a orixe dunha convivencia de observancias dentro da Orde do Císter que acabou por resolverse no século XIX coa separación da Orde Cisterciense da Estrita Observancia do resto do Císter, que pasou a denominarse "común observancia". Idade Contemporánea Os procesos secularizadores que se sucederon dende o século XVIII afectaron á orde. Deste xeito, por influencia da Ilustración, algúns déspotas ilustrados fixeron previsións para acoutar ás ordes relixiosas contemplativas, o caso máis significativo foi Xosé II de Austria que na década de 1780 pechou centos de mosteiros. A Revolución Francesa supuxo a exclaustración e ruína da maior parte das comunidades cistercienses de Francia. No XIX, as desamortizacións supuxeron tamén a fin da orde en España. miniatura|Comunidade do mosteiro de Chau Son Don Duong (Vietnam) no coro da igrexa en 2013

Durante o século XIX , as comunidades que seguían as reformas da Trapa foron máis activas na refundación de mosteiros. A "común observancia" reorganizouse dende as comunidades italianas baixo o patrocinio do papa Pío VII, creándose a Congregación de San Bernaldo en 1820 que agrupaba aos cenobios cistercienses de Italia non adheridos á "estrita observancia".

A comezos do século XXI, a Orde do Císter presentaba unha das menores diminucións dos seus membros entre as ordes relixiosas católicas. Así en 1959, cando Xoán XXIII anunciou a convocatoria do Concilio Vaticano II, a orde contaba con 1623 monxes, e en 2020, eran 1601. A congregación máis numerosa en 2015 era a da Sagrada Familia (Vietnam), con 835 membros. É alí onde están os mosteiros masculinos máis numerosos da orde, segundo os datos de 2015: Phuoc Son con 159 relixiosos, Phouc Ly con 137 e Chau Son Don Duong con 135. Para o mesmo ano, as comunidades femininas máis grandes eran as de Vĩnh Phước (Vietnam) con 57 monxas e a de Seligenthal (Alemaña) con 42.

Fundacións miniatura|Monxes do Císter colleitando. Obra sobre táboa de Jörg Breu en 1500. A tendencia da orde foi a de ocupar terras inhabitadas en lugares polo común afastados dos núcleos de poboación. Ademais, desde o ano 1191 pesa a prohibición sobre as comunidades cistercienses de mercar bens inmobles, prohibición que foi anulada no ano 1216 e posta de novo en vigor máis tarde.

O proceso de fundación e construción dos novos cenobios cistercienses regúlase nos Capítulos Xerais do Císter

O mosteiro de nova fundación debería situarse nun lugar illado, lonxe de cidades, castelos ou aldeas, lonxe do tráfico de xente, tal e como se establecera polo Capítulo Xeral de 1134. Incluso prohibíase a construción de vivendas no contorno do mosteiro.

O Císter en Galicia miniatura|Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo A chegada da orde a Galicia ten lugar en 1141 e 1142 co establecemento de comunidades procedentes de Claraval en Santa María de Oseira e Santa María de Sobrado. Entre 1142 e 1225 fundáronse ou integráronse no Císter 14 mosteiros galegos: miniatura|Claustro do mosteiro de Aciveiro Mosteiro de Santa María de Oseira Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes Mosteiro de Santa María de Melón Mosteiro de Santa María de Meira Mosteiro de Santa María de Montederramo Mosteiro de Santa María da Armenteira Mosteiro de Santa María de Oia Mosteiro de Santa María de Aciveiro Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo Mosteiro de Santa María de Monfero Mosteiro de San Clodio de Leiro Mosteiro de Santa María da Franqueira Mosteiro de Santa María de Carracedo Mosteiro de Santa María de Penamaior Paralelamente, a rama feminina da orde estableceuse por primeira vez no Mosteiro de San Miguel de Bóveda (Amoeiro) cara a 1173, e no do Divino Salvador de Ferreira de Pantón en 1175. miniatura|Fotografía aérea do mosteiro de Santa María de Oia, fundado en 1131 e incorporado ao Císter en 1185 Reis como Afonso VII, Fernando II e Afonso IX promoveron a instalación da nova orde concedendo xenerosas doazóns monetarias e grandes privilexios territoriais (coutos) aos seus mosteiros. Detrás disto está a estratexia de controlar o territorio grazas a este monacato, debido á desconfianza da Coroa cara á nobreza galega, tanto laica como eclesiástica, logo de que quedase desprazada da reconquista cara ao sur e a independencia do Reino de Portugal.