Mayor Fernández da Cámara Pita, máis coñecida como María Pita,María do Carmen Saavedra Vázquez (2006) "María Pita Heroína coruñesa célebre pola defensa da cidade fronte os ingleses" Álbum de Mulleres, CCG. nada en Sigrás (Cambre) contra 1560 e finada no mesmo lugar en 1643, foi unha heroína galega na defensa da Coruña contra o ataque da Armada Británica acontecido no ano 1589.
Traxectoria Filla de Simón Arnao e María Pita "a vella", ao facerse maior dedicouse a traballar no negocio familiar, unha tenda na Peixería da Coruña.
O 3 de maio de 1589 as tropas inglesas chegaron á Coruña dirixidas polo almirante e antigo corsario Francis Drake. O ataque formaba parte da estratexia da raíña Isabel I de Inglaterra para quitar do trono de Portugal a quen fora seu cuñado e posterior rexeitado pretendente, Filipe II (rei de España dende 1556 e de Portugal dende 1580). Os ingleses, despois de cercar a cidade, abriron unha fenda na muralla e asaltaron a cidade vella. Durante o ataque mataron o marido de María Pita, quen, chea de rabia, arrebatou a lanza da bandeira inglesa e matou con ela ó alférez que dirixía o asalto, o irmán do almirante Francis Drake.Armesto, Victoria (1971) Galicia feudal p. 14. Editorial Galaxia. Isto desmoralizou a tropa inglesa, composta de 12.000 efectivos e provocou a súa retirada. A tradición di que este feito foi levado a cabo co berro de "Quen teña honra, que me siga".
Rematada a batalla, axudou a recoller os cadáveres e coidou dos feridos. Outras mulleres da Coruña colaboraron na defensa da cidade, como Inés de Ben, ferida na batalla.
Á marxe da súa intervención no cerco, a súa vida estivo chea de vicisitudes, entre as que figuran numerosos preitos. No Arquivo do Reino de Galicia consérvanse até vinte de diferentes contidos: débedas e apropiación de bens, querelas criminais por insultos e agresións e dúas viaxes á Corte de Madrid. Por causa deles foi condenada ao desterro. Fixo a súa primeira viaxe en 1596 para solicitar a recompensa polos seus servizos durante o cerco inglés. A segunda viaxe en 1606 tivo por obxecto confirmar anteriores mercés. Outorgáronselle, por exemplo, unha praza de soldado no presidio coruñés, licenza para exportar mulas a Portugal, a exención da obriga de aloxamento de soldados na súa casa e unha gratificación económica. Nesa segunda viaxe tentou obter novas concesións reais. En 1616 a súa casa viuse afectada por un incendio na Cidade Vella da Coruña. miniatura|Partida de defunción de 21 de febreiro de 1643, Arquivo Histórico Diocesano. Fondo Parroquial Santiago de Sigrás. Libros Sacramentais nº 1 Faleceu en Cambre en 1643. Aínda que no seu testamento solicitaba ser enterrada no convento de San Domingos da Coruña, non se conserva ningún documento que o acredite nin se puido identificar a súa tumba.
Vida persoal En 1581 contraeu matrimonio con Xoán de Rois, carniceiro, quen morreu no ano 1585. Posteriormente casou con Gregorio de Rocamonde, tamén carniceiro, caído en 1589 durante o cerco inglés. O seu terceiro matrimonio tivo lugar en 1590 con Sancho de Arratia, mestre de navío andaluz, quen morreu no ano 1592. O seu último esposo, Gil Bermúdez de Figueroa, escudeiro da Real Audiencia, morreu en 1613. Tivo catro fillos: María Alonso de Rois, Francisca de Arratia (1590), Juán Bermúdez de Figueroa e Francisco Bermúdez de Figueroa (1602).
Recoñecementos miniatura|Por Arturo Fernández Cersa A praza do concello da Coruña leva o seu nome. Nela atópase tamén unha estatua. Púxoselle o seu nome ó navío que realizou a Real Expedición Filantrópica da Vacina para a vacinación dos territorios de ultramar en 1803.Estudio Mar. "Buques famosos" . En agosto de 2008 a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima bautizou un dos seus buques de salvamento como "María Pita (BS-14)", con base en Galicia."Buques polivalentes y remolcadores" Salvamento Marítimo . Iberia ten un Airbus A340 para rutas intercontinentais co seu nome. Un dos autobuses da empresa de transporte interurbano Castromil (Monbus) chámase "María Pita". Na Coruña está o hotel Meliá María Pita. O seu personaxe aparece na serie El ministerio del tiempo de TVE, no capítulo 5 da segunda temporada. Na Coruña leva o seu nome o CEIP María Pita. A serie infantil Lunnis de Leyenda, da canle pública Clan TVE, dedicoulle un episodio e o correspondente tema musical, interpretado pola cantante cubano-española Lucrecia.Lunnis - Lunnis de leyenda - María Pita Clan, Televisión Española . A actriz e directora coruñesa Sara Fandiño dirixiu un musical sobre María Pita chamado Honra. Estreouse o 18 de xullo de 2025 no Ágora, interpretado pola Asociación Galega de Teatro Musical.
A estatua Na praza coruñesa de María Pita, fronte o edificio do concello, levantouse un monumento no seu honor. A obra, rematada en bronce, foi concibida por José Castiñeiras Iglesias. Representa a heroína coa lanza con que matou o alférez inglés mentres suxeita coa outra man o corpo sen vida do seu marido, Gregorio de Racamonde. A altura total da obra é de 9,31 metros, composta por unha plataforma de chanzos de 45 cm, un pedestal de 5,56 m e unha escultura de 3,30 metros. O seu peso é de 30 toneladas.Praza de Mª Pita, na páxina web do concello da Coruña
No pedestal atópase un pebeteiro cunha chama prendida durante todo o día e apagada dende as tres ata as sete da madrugada.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
García Oro, José (1997). "Maria Pita vista por si misma. Memoriales a los reyes Felipe II y Felipe III" Anuario Brigantino n.º 20, p. 23-34.
Outros artigos Casa Museo de María Pita Praza de María Pita María Pita Hóckey Club Ligazóns externas
Categoría:Nados en Cambre Categoría:Nados en 1560 Categoría:Finados en 1643 Categoría:1589 Categoría:Historia moderna de Galicia