Du Mu (chinés tradicional e simplificado: 杜牧, pinyin: Dù Mù; Wade-Giles: Tu4 Mu4), nado en Chang'an (actual Xi'an) no ano 803 e finado na mesma cidade no 852, foi un calígrafo, poeta e político chinés de finais da dinastía Tang. O seu nome de cortesía era Muzhi 牧之, e o seu nome artístico Fan Chuan 樊川. A miúdo inspirado por cortesás, servíase da Historia para falar da súa época. Foi especialmente recoñecido polos seus cuartetos líricos e románticos.

Considerado un dos máis grandes poetas da época dourada da poesía chinesa, o seu nome adoita aparecer xunto co de Li Shangyin; así, eran alcumados "Os pequenos Li e Du" (Xiao Li Du 小李杜), en referencia aos célebres Li Bai e Du Fu. Entre as súas influencias, atópanse os xa mencionados Li Bai e Du Fu, así como Han Yu e Liu Zongyuan.

Traxectoria Du Mu naceu na capital dos Tang, Chang'an (actual Xi'an), nunha familia aristócrata en decadencia, o clan Jingzhao Du. O seu avó foi Du You, un ministro da corte e compilador da enciclopedia Tongdian 通典. Aprobou o exame de jinshi no 827, aos vinte e cinco anos, comezando a súa carreira como burócrata nunha serie de postos de rango inferior. Unha destas ocupacións foi a de editor. Despois, traballou co comisionado Shen Chuanshi, primeiro en Hongzhou e, uns anos máis tarde, en Xuanzhou. No 833, foi enviado a Yangzhou con Niu Sengru. Alí, empezou a madurar como poeta. No 835, concedéuselle o cargo de censor e regresou á capital. Máis tarde, pediu traslado a Luoyang, posiblemente por temor a verse involucrado nunha disputa relativa ao seu amigo Li Gan. Isto evitoulle a purga que ocorreu ao ano seguinte.

O poeta tivo moitos postos oficiais en varias localidade, mais nunca acadou o alto rango, quizais a causa dos seus inimigos. No 837, volveu a Yangzhou para coidar do seu irmán menor, Du Yi, que quedou cego a causa dunha enfermidade. A continuación, trasladouse a Xuanzhou co seu irmán. No 838, foi nomeado Rectificador de Omisións da Esquerda e Compilador da Oficina de Historia na capital. No 840, foi ascendido a vicedirector da Oficina de Restauración e, ao ano seguinte, a vicedirector da Xunta de revisión. No 842 foi gobernador de diversas prefecturas rurais, como Huangzhou, Chizhou e Muzhou. Du Mu estaba descontento con estes postos, e culpaba ao político Li Deyu pola súa situación. Sentindo que a súa carreira era un fracaso, escribiu varios poemas expresando a súa insatisfacción.

No 848 regresou novamente a Chang'an ao recibir o título de vicedirector de Títulos de Mérito. No 849, foi trasladado ao Ministerio de Persoal, e no 850 foi gobernador de Huzhou, a petición propia. No 851 volveu á capital para desempeñar diferentes postos administrativos, até a súa morte no inverno do ano seguinte, por unha enfermidade.

Obra Du Mu dominou os xéneros do shi, o fu e mais a prosa chinesa antiga. É máis recoñecido polos seus cuartetos románticos e líricos, que adoitan referenciar lugares históricos ou situacións amorosas. Entre os seus temas máis comúns, están a separación, a decadencia ou a impermanencia. O seu estilo mestura imaxes e dicción clásicas con xustaposicións insólitas, coloquialismos e xogos de palabras. Tamén escribiu longos poemas narrativos.

Poesía Un dos seus poemas máis famosos é Qing lai 清来 ("A festividade de Qingming"), dedicado a esta festa chinesa na que se conmemora aos mortos visitando os cemiterios. 清来 清明時節雨紛紛, 路上行人欲断魂。 借問酒家何處有? 牧童遥指杏花村。 A festividade de Qingming

Orballa durante as festas de Qingming,

No camiño, un viaxeiro desconsolado

pregunta pola pousada máis próxima.

Un pastor sinala cara a aldea do albaricoqueiro en flor.

Outro poema célebre de Du Mu é Qiu xi 秋夕 ("Unha tarde de outono"), que conta a historia dunha solitaria concubina cuxo abano perdeu o seu propósito coa fin do verán. Considérase unha alegoría das frustracións do poeta polo declive familiar. O pastor e a tecedora que figuran no poema son unha referencia á historia de dous amantes que só poden verse unha vez ao ano, que nomean ás estrelas Altair e Vega. Trátase dunha narración moi coñecida da mitoloxía chinesa. 秋夕 銀燭秋光冷畫屏, 輕羅小扇撲流螢。 天階夜色涼如水, 臥看牛郞織女星。 Unha tarde de outono

Candeas de prata, luz do outono, arrefría a pintura

Cun lixeiro abano de seda, golpea aos vagalumes.

Nos chanzos do pazo, a noite é fría coma a auga;

tumbada, contempla as estrelas do pastor e a tecedora.

Prosa Du Mu escribiu un comentario sobre A arte da guerra de Sunzi, xunto con varias cartas de consello a altos oficiais. Consérvase unha compilación das súas pezas en prosa en vinte libros, baixo o título de Fan chuan wen ji 樊川文集 ("Obras completas de Fan Chuan").

Na cultura popular No 1968, Roger Waters (Pink Floyd) usou varios versos de Du Mu na canción "Set the Controls for the Heart of the Sun", do disco A Saucerful of Secrets.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Du Mu (La literatura china traducida en España)

Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Escritores da China Categoría:Nados en 803 Categoría:Finados en 852