Arthur Schopenhauer, nado en Gdańsk o 22 de febreiro de 1788 e finado en Frankfurt o 21 de setembro de 1860, foi un filósofo polaco-alemán.
Traxectoria Arthur Schopenhauer naceu preto da cidade báltica de Danzig (Polonia), fillo de Heinrich Floris Schopenhauer e Johanna Schopenhauer, unha familia mercantil de clase media de orixe holandesa. Parecía destinado á carreira comercial do seu pai, con quen fixo longas viaxes por Francia e Inglaterra. En 1793, cando a cidade foi anexionada por Prusia, a familia mudouse a Hamburgo. Morto o pai en 1805, abandonou os estudos de comercio e comezou a estudar medicina en Gotinga, que abandonou finalmente pola filosofía aconsellado por Gottlob Schulze, que lle recomendou ler a Platón, Aristóteles e Kant.
En 1811 trasladouse a Berlín, onde amosou certo interese polas disertacións de Schleiermacher e de Fichte. En 1813, tras unha breve estadía na casa familiar de Weimar, na que coñeceu a Goethe -amigo da súa nai, tamén escritora- e o orientalista Friedrich Majer, encerrouse en Rudolstadt, onde acabou de redactar a súa tese de doutoramento, Über die vierfache Wurzel des Satzes vom zureichenden Grunde (1813), que presentou para o título de doutor na universidade de Jena. Trala tese, durante os catro anos que residiu en Dresde, compuxo a súa obra principal Die Welt als Wille und Vorstellung (O mundo como vontade e representación), que non tivo o éxito que lle prevía, pero que coñeceu dúas novas edicións en vida do autor (a segunda en 1844, con 50 novos capítulos, e a terceira en 1859).
En 1820 conseguiu ser profesor da universidade de Berlín, onde leccionou criticamente sobre Hegel, sen éxito, durante seis meses. Viaxou por toda Italia visitando Florencia, Roma, Nápoles e Sicilia ata que, de volta en Berlín, decidiu retirarse a Frankfurt do Meno en 1831, onde levou unha existencia burguesa, célibe e apracible, durante case trinta anos. En 1836 publicou Über den Willen in der Natur (Sobre a vontade da natureza) e en 1851 unha colección de ensaios e aforismos, Parerga e Paralipomena, que por fin lle deron sona en vida. De carácter intransixente e pouco favorable ó contacto humano, gañou unha merecida fama de irredutible misántropo. Morreu por mor dunha pleurite.
Ideas filosóficas miniatura|esquerda|200px|Arthur Schopenhauer Na súa obra máis famosa Die Welt als Wille und Vorstellung, Schopenhauer afirmaba a vontade como chave da razón. A súa idea de que sen vontade non hai nada é xeralmente vista como unha expresión clásica do pesimismo filosófico. É criticado por adoptar e defender unha especie de pesimismo de corte romántico que entende a vida como sufrimento. Non obstante, conforme á filosofía oriental, en particular o budismo, a súa obra predica a salvación, a entrega, e a anulación do sufrimento na contemplación estética, na simpatía polos demais, e na vida ascética. Neste sentido recoñecía a superioridade do budismo e do misticismo hindú sobre a teoloxía cristiá dominante na Europa da súa época. A súa admiración por Kant corría en paralelo co desprezo polos idealistas da época. Para el, a representación é a dimensión aparencial da realidade, mais por baixo aparecerá a vontade se se trata de descubrir o que agocha, froito de intuír a vontade propia, irracional na súa propia natureza. A propia vontade non é máis ca un caso da Vontade que invade o mundo (algo así como a entropía da física) e que se manifesta dende os seres inorgánicos ata no ser humano, onde conflúen vontade e representación. A cuestión é que a vontade que busca a súa propia conservación é egoísta, por iso é necesaria a existencia do Dereito para coutala. O coñecemento da realidade posibilita superar o egoísmo e simpatizar co resto da Natureza, nunha sorte de identificación nirvánica.
Influencia da súa obra As súas ideas románticas e irracionais influenciaron os eidos da filosofía (e.g. Nietzsche, Bergson e Wittgenstein), da psicoloxía (Freud e Jung, por exemplo), da literatura (Thomas Mann, Hermann Hesse, Marcel Proust, Michel Houellebecq e un longo etcétera) e a música (Wagner).
Obra
Über die vierfache Wurzel des Satzes vom zureichenden Grunde (Sobre a raíz cuádrupla do principio da razón suficiente, 1813). Über das Sehn und die Farben (Sobre a vida e as cores, 1816) Die Welt als Wille und Vorstellung (O mundo como vontade e representación, 1819). Die Kunst, recht zu behalten (A arte de ter sempre razón, 1830-1831). Über den Willen in der Natur (Sobre a vontade na natureza, 1836). Über die Freiheit des menschlichen Willens (Ensaio sobre a libre vontade, 1839) Über die Grundlage der Moral (Sobre os alicerces da moral, 1840) Die beiden Grundprobleme der Ethik (Os dous problemas fundamentais da Ética,1841). Parerga e Paralipomena, 1851. Aphorismen zur Lebensweisheit (Aforismos sobre a sabedoría na vida, 1886)
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Biografía e resumo da súa filosofía Breve biografía Diccionario de filosofía contemporánea, s. v. 'Schopenhauer' Visión da súa vida e obra en profundidade Vida, obra, citas, textos e ligazóns Sobre o impacto da súa filosofía sobre Freud Schopenhauer e Freud Ensaio sobre o lugar de Schopenhauer na historia da filosofía europea incluídas as súas fontes
Categoría:Filósofos de Alemaña Categoría:Nados en 1788 Categoría:Nados en Gdańsk Categoría:Finados en 1860