O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928.

O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º. Disputou 59 tempadas en primeira, sendo o equipo galego con máis tempadas na máxima categoría. Ocupa o 10º na clasificación histórica de primeira. Mantén historicamente unha gran rivalidade co Deportivo da Coruña. Os encontros disputados entre os dous equipos adóitanse chamar o Derbi Galego. Ten tamén unha histórica rivalidade co Pontevedra CF.

Entre os seus logros cabe destacar 3 subcampionatos da copa do rei, unha Copa Intertoto, 7 clasificacións para a Copa da UEFA, unha para a Liga de Campións na tempada 2003-04, na que caeu eliminado en oitavos de final polo Arsenal FC, e a clasificación histórica do 20 de abril de 2017 para as semifinais da UEFA Europa League, tras gañar ao Genk belga 3-2 na casa e quedar 1-1 no Luminus Arena. É o décimo equipo en número de afeccionados do Estado español (2,2%), segundo unha enquisa do CIS de maio de 2007.

Foi Premio da Cultura Galega 2024.

En 2026 o servizo de comunicación do Celta foi Premio Lois Peña Novo.

Historia Antecedentes miniatura|dereita|O Hotel Moderno de Vigo, onde se celebrou a asemblea fundacional do Celta. A tradición futbolística en Galicia data de comezos do século XX. Foi en Vigo onde esta modalidade deportiva tivo as súas primeiras manifestacións: comezou a practicarse nos xa desaparecidos peiraos da cidade, difundido polos empregados británicos da empresa Eastern Telegraph Company, instalada en 1873 en Vigo para encargarse da instalación do cable telegráfico entre Gran Bretaña e a península. Esta empresa promovería en 1895 o primeiro equipo estábel da cidade do que se ten constancia na prensa, o Exiles Cable Club. Este equipo disputou varios encontros contra tripulacións mercantes e militares británicas de paso pola cidade. Ó pouco tempo naceron sociedades mixtas de galegos e británicos como o Petit FC. miniatura|200px|esquerda|Manuel de Castro Handicap, principal promotor do club. En 1905, a imaxe e semellanza doutras cidades como Barcelona, constituíronse en Vigo dous clubs de fútbol de primeira categoría: o Vigo Foot-ball Club e o Fortuna Foot-ball Club. O Vigo FC seguiu un proceso de fusións con outros equipos da cidade como o New Club en 1906 ou o Sporting Club en 1911 para dar lugar definitivamente ó Real Vigo Sporting Club en 1914. Pola súa banda o Fortuna FC non sufriu case cambios de nome, quedando definitivamente co nome de Real Club Fortuna de Vigo en 1908. Dende sempre ámbolos dous equipos reveláronse coma rivais de potencia semellante, e os seus enfrontamentos xeraban grandes movementos de masas de seareiros. O seu prestixio adquiriu ampla dimensión en todo o país, e a preponderancia foi tan notoria que a partir de 1906 e até 1923 algún dos dous equipos vigueses foi sempre sen interrupción gañador do Campionato de Galicia. Este momento de auxe do fútbol en Vigo viuse reforzado tamén en 1922 coa disputa no campo de Coia da final da Copa do Rei entre o FC Barcelona e o Real Unión de Irún, encontro no que vencerían os cataláns por 5-1.

O 10 de agosto de 1923, co gallo de fortalecer a categoría do fútbol vigués, os dous equipos fusionáronse creando deste xeito o Club Celta da man de Manuel de Castro Handicap (Vicepresidente do Vigo Sporting), Juan Baliño Ledo (secretario do Concello) e Pepe Bar (adestrador do Fortuna), principais promotores do proxecto.

Elixiuse Celta de Vigo, entre outras propostas como por exemplo Breogán, como nome do equipo e a cor celeste para a indumentaria, xa que o obxectivo da creación do equipo era ser o estandarte do fútbol en Galicia. Deste xeito nace a historia do Real Club Celta de Vigo, que nun primeiro momento contaría coa considerable cifra de 64 xogadores e con Manuel Bárcena Andrés-García, Conde de Torrecedeira, como primeiro presidente do club.

Comezos como equipo Para a dirección no novo equipo elixiuse entre os moitos aspirantes ó adestrador británico Francis Cuggy, que se incorporou a comezos do ano 1924. A presentación do equipo foi no campo de Coia o 16 de setembro de 1923, nun encontro entre os propios xogadores do club aproveitando o amplo cadro do que dispoñía o equipo. O primeiro encontro fronte a outro club foi o 23 de setembro fronte ó Boavista portugués. A aliñación inicial do Celta foi: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino, Jacobo Torres, Reigosa, Gerardito, Chicha, Polo e Pinilla. O enfrontamento concluíu con 8-2 a favor do equipo vigués. Posteriormente enfrontaríase ó Cracovia, campión polaco, obtendo tamén a vitoria.

Na tempada 1923-24 o Celta interveu por vez primeira en liga. Naquel entón non había ligas estatais, sendo o principal campionato galego o Campionato de Galicia. O Celta rematou líder contendendo co Eiriña CF de Pontevedra, o Racing de Ferrol e o Unión Sporting Club. Esta mesma tempada debutou no Campionato de España sendo eliminado na primeira rolda polo Athletic de Bilbao, que era o vixente campión. No descanso estival organizouse un encontro amigábel entre o Celta e a Selección de fútbol do Uruguai, aproveitando o paso por Vigo dos devanditos, que ían rumbo á Olimpíada de París, na que gañaron a medalla de ouro.

miniatura|250px|O porteiro do Celta ante o Boca Juniors, durante a xira europea dos arxentinos en 1925.

En 1924-25 volven os celtiñas gañar o Campionato Galego e, nesa mesma tempada, ten lugar no campo de Coia unha nova contenda internacional. Nesta ocasión sería ante Boca Juniors bonaerense nos dous encontros de inauguración da xira europea do equipo arxentino. O Celta aliñou para o encontro a Ruíz, Juanito, Rey, Cancela, Balbino, Pepe Hermida, Reigosa, Ángel Hermida, Chicha, Polo e Casal; mentres que os rivais saltarían ó campo con Tesorieri, Bidoglio, Muttis, Médici, Vaccaro, Elli, Tarasconi, Cerrotti, Garasini, Seoane e Onzari. O primeiro encontro, que reuniu 25.000 espectadores, disputouse o 5 de marzo de 1925 e rematou con vitoria arxentina por 3-1, con goles de Cerrotti (2) e Onzari por parte de Boca e de Polo por parte do Celta. O segundo encontro sería tres días despois conseguindo esta vez o Celta golear ó Boca Juniors por 3-1, con goles de Juanito (2, de penalti) e Reigosa por parte dos vigueses e Garasini por parte dos arxentinos. Esta foi unha das tres únicas derrotas entre os dezanove encontros que disputou Boca nesta xira, xunto as que sufriu ante a Real Unión de Irún e o Athletic de Bilbao.

O Celta completaría este bo papel internacional o 2 de agosto de 1925, ó empatar a dous goles co Club Nacional de Football do Uruguai, na xira que tamén realizou o equipo suramericano a raíz do éxito e gran popularidade alcanzada pola Selección de fútbol do Uruguai co triunfo nos Xogos Olímpicos de 1924. Precisamente un dos tantos do equipo uruguaio foi do dúas veces campión olímpico e natural de Redondela José Pedro Cea.

O 23 de xaneiro de 1927, con motivo da onomástica do rei Afonso XIII de España, disputouse un partido no campo de Coia, entre Celta de Vigo e un equipo de Mariños Ingléses, no que se puso en xogo unha Copa de prata sobredourada, co as cifras reales, doada polo rei Afonso XIII. O resultado final de dito encontro foi 4-1 a favor do Celta, con goles para os vigueses de Hermida, Nicha, Pasarín e Polohttp://hemeroteca-paginas.mundodeportivo.com/EMD02/HEM/1927/01/24/MD19270124-005.pdf. En 1927-28 o Celta conquista novamente o título de campión da súa división, que abranguía as zonas de Galicia, Asturias e Norte de Castela. Seguidamente emprende unha xira onde loitou con varios equipos arxentinos e uruguaios. Nese mesmo ano, o 30 de decembro, inaugúrase o novo estadio de Balaídos, cun encontro amigábel ante a Real Unión de Irún, un dos grandes do fútbol español da época. Porén, caeron fronte aos vigueses nunha inspirada tarde celeste, por sete goles a nada.

PO 1 LiloDF 2 CabezoDF 3 PasarínMD 4 PareditasMD 5 CárdenesMD 6 VegaDI 7 ReigosaDI 8 ChichaDI 9 RogelioDI 10 PoloDI 11 GracilianoSubstitucións:DIA LosadaAdestrador: Ramón Encinas Dios300px|Aliñacións PO 1 Antonio EmeryDF 2 Manuel AlzaDF 3 AnzaMD 4 MallaMD 5 Francisco GamborenaMD 6 Alberto VillaverdeDI 7 José AltunaDI 8 WherliDI 9 Santiago UrtizbereaDI 10 José EchevesteDI 11 Emilio Garmendía

miniatura|O Estadio de Balaídos foi inaugurado o 30 de decembro de 1928. A tempada 1928–29 foi a primeira do campionato co formato no que se xoga na actualidade e que comprende a totalidade do Estado. Ó Celta de Vigo correspondíalle xogar na primeira división por herdanza dos títulos dos clubs fundadores, Vigo Sporting e Fortuna, xa que o primeiro dos nomeados acadou o subcampionato da Copa de España en 1908. A pesar diso, o Celta viuse obrigado a xogar un torneo de promoción que lle permitiría ocupar unha praza vacante, encontro que perdeu ante o Sevilla FC e polo que tivo que comezar a historia da Liga en segunda división. Este mal comezo agravaríase cando o Celta remata a Liga na posición novena dun total de dez equipos consumando, o seu primeiro e único descenso á terceira división, xa que daquela aínda non fora creada a segunda B, ó non ser necesaria debido ó baixo número de equipos existentes na época. Con todo, o equipo necesitaría tan só un ano para recuperar a categoría.

En 1931-32 o Celta gaña outra vez o título de campión galego; desta vez en loita co Deportivo da Coruña, o Racing de Ferrol, o Eiriña CF, o Burgas FC e o Galicia Sport Club Ourense. Posteriormente chega ás semifinais da Copa de España, sendo eliminado polo Fútbol Club Barcelona. Na tempada 1933-34 o Celta remata en cuarto lugar da segunda división. Con todo, regresaría a polémica coa xestión da Federación Española de Fútbol, xa que tras decidir ampliar o número de clubs que disputarían a máxima categoría, ascende arbitrariamente ó noveno clasificado, o Sevilla FC, en detrimento do Celta e o Murcia CF.

Na tempada 1934-35 o Celta queda campión do grupo 1 da segunda división, mais non chega a conseguir o ascenso á Primeira xa que na liguiña de promoción, na que se enfrontaban os dous primeiros de cada un dos catro grupos da división de prata, o club vigués quedou terceiro (ascendían os dous primeiros) a tan só un punto do CA Osasuna. Na seguinte tempada o equipo, dirixido por Ricardo Comesaña e con Nolete e Venancio como máximos referentes, conseguiu finalmente o ansiado ascenso tras quedar primeiro de grupo e campión de liga grazas ó primeiro posto acadado na liguiña de ascenso. Porén, o debut en primeira tivo que aprazarse durante tres anos a causa do golpe de estado de mandos militares e o comezo da guerra civil española.

Tras a guerra civil En 1939 o Celta debuta na máxima categoría. A primeira tempada o club consegue manterse grazas a gañar o partido de promoción pola permanencia ó Deportivo da Coruña por 1-0 nun campo neutral en Madrid, con gol de Nolete. A seguinte tempada tampouco foi boa e o club sálvase da promoción por un punto. Con todo, nas tempadas 1941–42 e 1942–43 consegue reverter a situación e acadar en ambos os anos un meritorio quinto posto. Porén, ó ano seguinte, o equipo consuma o descenso tras quedar na derradeira posición.