A arquitectura de soporte lóxico, ou arquitectura de software, dun programa informático ou sistema é a estrutura ou estruturas de tal sistema que abranguen os elementos de soporte lóxico, as características externamente visibles deses elementos e mailas relacións entre eles. A arquitectura soporte lóxico refírese ás decisións significativas sobre a organización dun sistema de soporte lóxico, en canto a: A selección dos elementos estruturais (módulos) apropiados e das interfaces das que se compón tal sistema. A selección do seu comportamento de acordo co especificado nas colaboracións entre eses elementos. A composición de tales elementos estruturais e da distribución en subsistemas progresivamente máis grandes. O estilo arquitectónico que dirixe tal organización.
A arquitectura de soporte lóxico é a base da práctica da construción do propio soporte. Do mesmo xeito que un arquitecto de edificio fixa os principios e mailas metas dun proxecto de edificio, así tamén un arquitecto de soporte lóxico precisa da arquitectura de soporte lóxico como base para as especificacións reais do deseño do sistema, de acordo cos requisitos do cliente.
Un arquitecto de soporte lóxico emprega o coñecemento extenso da teoría do soporte lóxico e da experiencia apropiada para conducir e manexar o deseño dun produto informático. O arquitecto de soporte lóxico desenvolve conceptos e plans en canto á modularidade do soporte lóxico, os métodos da interacción do módulo, o estilo do diálogo da interface utilizada, os métodos da interface cos sistemas externos, as características innovadoras do deseño e as operacións do obxecto do negocio, a lóxica e o fluxo de datos.
Categoría:Arquitectura de soporte lóxico