A Uncyclopedia é unha parodia da Wikipedia. O seu eslogan é "a enciclopedia libre de contido", oposto ao da Wikipedia, "a enciclopedia de contido libre". Fundada en 2005 como un wiki orixinalmente en inglés, o proxecto ten versións en máis de 75 linguas. A versión en lingua galega, denominada Desgalipedia, foi creada o 17 de agosto de 2009. O seu logo, unha pataca oca, serve tamén de parodia do globo da Wikipedia.
Historia Jonathan Huang, coñecido na rede como "Chronarion", fundou a Uncyclopedia o 5 de xaneiro de 2005, xunto a un compañeiro que tamén actuaba baixo o pseudónimo "Stillwaters". Malia comezar como proxecto independente, a Uncyclopedia axiña encheu o seu servidor de aloxamento orixinal, e Huang tivo que buscar un novo. O 26 de maio de 2005, Angela Beesley, vicepresidenta de Wikia, Inc., anunciou que Wikia aloxaría a Uncyclopedia. A transferencia da propiedade do dominio Uncyclopedia.org a Wikia levouse a cabo o 10 de xullo de 2006. A meirande parte das uncyclopedias noutras linguas seguiron albergadas nos seus propios dominios independentes, aínda que outras pasaron a formar parte de Wikia.com.
Contido O contido da Uncyclopedia atópase baixo a licenza Creative Commons recoñecemento non comercial compartir igual 2.0. Ao igual que noutros sitios de Wikia, a base de datos dos artigos está completamente dispoñible para a súa descarga de balde. Moitas das páxinas da Uncyclopedia conteñen unha ligazón cara ao correspondente artigo da Wikipedia cunha suxestión do tipo: "Para os usuarios sen sentido do humor, a Galipedia ten un artigo pouco fiable sobre...". De feito, o artigo da Uncyclopedia sobre a Wikipedia asegura que esta é unha parodia da Uncyclopedia, e non ao revés.
Subproxectos A Uncyclopedia tamén ten varios proxectos secundarios. Desde novembro de 2007, hai 12 proxectos, cada un dos cales está especializado en satirizar diferentes informacións. Moitos deles derivan directamente e son análogos dos proxectos irmás da Wikipedia.
Uncyclopedia noutras linguas O concepto da Uncyclopedia en inglés foi adaptado e creáronse máis de 50 wikis con versións en diferentes linguas. As primeiras uncyclopedias noutras linguas distintas do inglés creáronse en xuño de 2005. De todas elas, a primeira foi a versión en lingua francesa.
Desgalipedia A Desgalipedia é a versión en lingua galega. Creouse o 17 de agosto de 2009.
Desciclopédia A Desciclopédia é a versión en lingua portuguesa. As máis de 55.000 páxinas fan que sexa a Uncyclopedia máis grande. A súa fundación foi en agosto de 2005.
Os proxectos secundarios da Desciclopédia contan co seu propio dominio. Entre eles destacan, Desnoticias, Descionário, Deslivros e Desentrevistas.
Inciclopedia A Inciclopedia é a versión en lingua castelá. Creouse en febreiro de 2006 para albergar os contidos retirados por culpa do peche da Frikipedia, un wiki pechado pola Sociedad General de Autores y Editores, Malia isto, finalmente a Frikipedia volveu aparecer.
Notas
Véxase tamén Outros artigos
Encyclopedia Dramatica Stupidedia Wiki
Ligazóns externas Desgalipedia
Categoría:Humor
Categoría:Enciclopedias en liña