Víctor Sánchez del Amo, nado en Madrid o 23 de febreiro de 1976, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol español que dende 2026 adestra o Kalba, dos Emiratos Árabes Unidos. Xogaba de centrocampista e destacou especialmente nas filas do Deportivo da Coruña, co que disputou 288 partidos oficiais, conquistando unha liga de Primeira División, unha Copa do Rei e dúas Supercopas de España.

Foi oito veces internacional coa selección española entre os anos 2000 e 2004.

Traxectoria

Como xogador

Comezos Aínda que naceu en Madrid, criouse en Xetafe, onde vivía coa súa familia na rúa Alonso Mudarra, a mesma na que habitaban os irmáns Alfonso e Iván Pérez. Alí foi onde aos 8 anos de idade comezou a dar as súas primeiras patadas no equipo de fillos da empresa onde traballaba o seu pai, Uralita. Aos 10 anos de idade comezou a xogar nun equipo de fútbol sala da súa localidade, o Deportes Alfonso, onde coincidiu cos irmáns Pérez, proclamándose campións de España en categoría alevín. Máis tarde pasou ao Deportes Solymar, tamén de Xetafe, un club de fútbol herba. Militando neste equipo enfrontouse en 1987 ao Real Madrid e tanto el como Iván Pérez chamaron a atención dos técnicos do club branco, que os ficharon para as súas categorías inferiores.

Real Madrid Na canteira do Real Madrid comezou xogando de dianteiro e avanzou a través das categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil, especializándose na banda dereita. Na tempada 1994/95 pasou ao Real Madrid C, co que disputou 17 partidos na Segunda División B. Esa mesma campaña debutou co Castilla na Segunda División, ás ordes de Rafa Benítez, encadeando 11 xornadas consecutivas xogando co primeiro filial, 10 delas como titular. Subiu definitivamente ao B na tempada 1995/96, na que contribuíu con 25 partidos a que o equipo rematase cuarto na clasificación final de Segunda.

Esa mesma tempada debutou co primeiro equipo do Real Madrid, da man do adestrador galego Arsenio Iglesias. Foi o 25 de maio de 1996, na derradeira xornada da Primeira División ante o Zaragoza na antiga Romareda, onde substituíu nos minutos finais a Amavisca. Na tempada seguinte, trala chegada do adestrador Fabio Capello, pasou a xogar con regularidade, chegando a disputar 41 partidos entre todas as competicións e anotando 6 goles, o primeiro deles contra o Oviedo no Carlos Tartiere. Pechou a campaña coa conquista do seu primeiro título de liga.

Na tempada 1997/98, con Heynckes no banco, as súas titularidades víronse reducidas, pero proclamouse campión da histórica sétima Liga de Campións do club branco, despois de 32 anos sen conseguilo. Aínda que dispuxo de poucos minutos no torneo, conseguiu marcar un gol nun partido da primeira fase ante o Olympiacos. Rematou o seu paso polo primeiro equipo do Real Madrid cun total de 80 partidos oficiais e 6 goles.

Racing de Santander Con varios clubs interesados nel, entre eles o Celta de Vigo, no verán de 1998 foi traspasado ao Racing de Santander, que pagou 600 millóns de pesetas pola súa fichaxe. Titular indiscutible na súa única tempada no club cántabro, foi o máximo goleador do equipo con 14 tantos, incluído un triplete diante do Salamanca.

Deportivo da Coruña Para a seguinte tempada foi traspasado ao Deportivo da Coruña por máis de 1000 millóns de pesetas. Debutou na primeira xornada ante o Alavés e foi aliñado por Irureta como titular en case todos os partidos da tempada, culminando esta coa conquista do primeiro e único título de liga do club galego. Víctor contribuíu con 37 partidos en liga, 34 deles como titular, e 4 goles, aos que sumou outros 10 encontros e 2 goles entre Copa do Rei e Copa da UEFA.

O 13 de setembro de 2000 foi titular no histórico debut do Deportivo na Liga de Campións, nun partido contra o Panathinaikos no Estadio Spyros Louis de Atenas, onde formou no centro do campo xunto a Emerson, Fran e Mauro Silva. Nos seguintes anos participou nalgúns dos partidos máis lembrados na historia do club, como as remontadas sobre o PSG ou Milan, ou vitorias sobre outros prestixiosos clubs como o Arsenal, o Manchester United, a Juventus ou o Bayern de Múnic. O 6 de marzo de 2002 foi tamén titular na final da Copa do Rei que o Deportivo lle gañou ao Real Madrid no Santiago Bernabéu o día do centenario do club branco, e que pasou á historia co nome de Centenariazo.

Ademais da liga e a Copa, gañou tamén dúas Supercopas de España, para un total de catro títulos co Deportivo. Militou sete tempadas no club galego, nas que acumulou 288 partidos oficiais e 44 goles.

Panathinaikos No verán de 2006 firmou co Panathinaikos, pero só puido xogar 12 partidos na Superliga grega debido a unha tendinite. Sumou ademais tres partidos na Copa de Grecia e outros tres na Copa da UEFA.

Elche Abandonou o club heleno ao finalizar a tempada e, tras varios meses sen equipo, regresou a España para firmar co Elche, da Segunda División.«El Elche repesca al ex del Deportivo Víctor Sánchez hasta final de temporada. lasprovincias.es». Debutou co club franxiverde o 14 de outubro de 2007, coa tempada 2007/08 xa empezada, nun partido ante o Málaga. Con todo, múltiples lesións musculares impedíronlle xogar con regularidade, participando só en 16 das 42 xornadas de liga.Liga Adelante Ao finalizar a tempada e a pesar de chegar a un acordo previo para a súa renovación,«El Elche renueva por una campaña a Víctor Sánchez. Las Provincias». finalmente desvinculouse do club ilicitano e retirouse con só 32 anos de idade e máis de 500 partidos disputados.

Selección española Debutou coa selección española o 16 de agosto de 2000, nun partido amigable contra Alemaña no Niedersachsenstadion de Hannover (derrota por 4-1). Co combinado español disputou un total de oito partidos ata 2004.

Adestrador Trala súa retirada como futbolista comezou a prepararse para iniciar unha carreira como adestrador e estudou na escola do Real Madrid da Universidade Europea de Madrid. En decembro de 2010 ingresou no corpo técnico do Getafe, como segundo adestrador de Míchel, ao que seguiu tamén nas súas experiencias no Sevilla e no Olympiacos, club este último co que gañou dúas ligas gregas e unha Copa de Grecia.

O 9 de abril de 2015 foi presentado como adestrador do Deportivo da Coruña, logo da destitución o día anterior de Víctor Fernández. A falta de oito xornadas, o Deportivo ocupaba o 17ª posto da clasificación, con só dous puntos de marxe sobre os postos de descenso. Con Víctor Sánchez no banco, sumou unha vitoria, cinco empates e dúas derrotas, pechando a tempada na 16ª posición. O punto definitivo co que o equipo selou a permanencia foi conseguido na derradeira xornada, empatando a dous goles no Camp Nou ante un Barcelona xa campión.

Continuou á fronte do equipo na tempada 2015/16, completando un bo inicio de competición, con só dúas derrotas nas 17 primeiras xornadas, o que o colocaba na sexta posición naquela altura. Con todo, os resultados empeoraron nos seguintes meses, sumando só dúas vitorias no que restaba de tempada, polo que o club coruñés caeu ata a 15ª praza final. Pechou a liga cun total de 18 empates, cifra récord na historia da competición. Ao remate da campaña, o club rescindiu o seu contrato. O seu substituto foi Gaizka Garitano.

Olympiacos En xuño de 2016 colleu as rendas do Olympiacos, regresando así ao club no que xa traballara como segundo adestrador. Con todo, a súa aventura helena durou pouco, pois foi substituído por Paulo Bento só un mes e medio despois, antes incluso de comezar o campionato de liga, tras caer eliminado na rolda previa da Liga de Campións ante o Hapoel Be'er Sheva.

Betis En novembro de 2016 foi incorporado polo Betis, onde ocupou o posto do cesado Gustavo Poyet., que tiña o equipo só dous puntos por riba dos postos de descenso. Aínda que tivo un bo inicio no banco do club andaluz e a pesar de conseguir a permanencia sen demasiados problemas, os discretos resultados levaron á súa destitución a falta de dúas xornadas, cando foi substituído por Alexis Trujillo.

Málaga O 15 de abril de 2019 asinou como novo adestrador do Málaga, da Segunda División, trala destitución de Juan Ramón López Muñiz​, co equipo ocupando a sexta posición da liga a falta de sete xornadas. O adestrador madrileño conseguiu endereitar a mala traxectoria do Málaga, sumando cinco vitorias nas cinco últimas xornadas, clasificándose para a promoción de ascenso como terceiro clasificado. A pesar de perder nos dous partidos das semifinais contra o Deportivo da Coruña, o seu contrato foi renovado para a tempada 2019/20.

En xaneiro de 2020 foi apartado do seu posto despois de que se difundise en Twitter sen o seu consentimento un vídeo sexual seu e uns días despois foi despedido. O adestrador denunciou ser vítima dun delito contra a súa intimidade con acoso e extorsión e emprendeu accións legais contra os autores da difusión, así como contra o Málaga pola súa destitución. Seis meses despois o club recoñeceu o despido como improcedente.

Cartagena En xuño de 2023, despois de máis de tres anos sen adestrar, foi contratado polo Cartagena, da Segunda División. Con todo, dirixiu o club durante menos de catro meses, pois foi destituído en setembro, cun pobre balance dunha vitoria e seis derrotas en sete xornadas de liga.

Olimpija Ljubljana O 7 de xuño de 2024 anunciouse a súa fichaxe polo Olimpija Ljubljana, da Primeira Liga de Eslovenia.​ Cun cadro de xogadores entre os que destacaron Matevž Vidovšek, Marcel Ratnik, Agustín Doffo e Raul Florucz, o equipo de Víctor proclamouse campión de liga por cuarta vez na historia do club, rematando o campionato con sete puntos máis que o segundo clasificado, o Maribor. A pesar do seu éxito, deixou o club ao remate da tempada.

Rijeka En setembro de 2025 colleu as rendas do HNK Rijeka, vixente campión da Prva HNL de Croacia. Co conxunto de Rijeka acadou a final da Copa de Croacia, onde caeu ante o Dinamo Zagreb, e rematou a liga na cuarta posición. Ao remate da tempada deixou o club e asinou polo Kalba, dos Emiratos Árabes Unidos.

Palmarés

Xogador Real Madrid Primeira División (1): 1996/97. Supercopa de España (1): 1997. Liga de Campións (1): 1997/98.

Deportivo Primeira División (1): 1999/00. Supercopa de España (1): 2000, 2002. Copa do Rei (1): 2001/02.

Adestrador Olimpija Ljubljana Primeira Liga de Eslovenia (1): 2024/25.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1976 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Panathinaikos FC Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do Olympiakos FC Categoría:Adestradores do Málaga CF Categoría:Adestradores do FC Cartagena