O autismo é un trastorno do neurodesenvolvemento caracterizado por problemas na interacción social, comunicación verbal e non verbal e comportamentos limitados e repetitivos. Os primeiros sinais deste trastorno detéctanse habitualmente nos dous primeiros anos de idade dos nenos. Estes sinais adoitan desenvolverse de forma gradual, malia que algúns nenos con autismo acadan os seus fitos de desenvolvemento a un ritmo normal e posteriormente presentan unha regresión. O criterio para o seu diagnóstico precisa que os síntomas sexan aparentes nunha idade temperá, habitualmente antes dos tres anos de idade.
A causa do autismo é unha combinación de factores xenéticos e ambientais. Algúns casos están fortemente asociados con factores presentes durante o embarazo, incluíndo certas infeccións coma a rubéola e o consumo de alcohol ou cocaína. O autismo afecta ó procesamento da información no cerebro alterando como se conectan e organizan as neuronas e as súas sinapses, aínda que non se coñece con exactitude como ocorre isto. No manual DSM V o autismo inclúese dentro do espectro autista, ó igual que a síndrome de Asperger, que non presenta atrasos no desenvolvemento cognitivo ou de linguaxe, e co trastorno xeneralizado do desenvolvemento non especificado, que se diagnostica cando non se cumpren o conxunto de criterios para o autismo ou Asperger.
As intervencións temperás sobre a linguaxe ou sobre o comportamento poden axudar a que os nenos con autismo melloren nas súas capacidades sociais, de comunicación e que teñan unha maior autoestima. Malia que non se coñece unha cura para o autismo, existen casos rexistrados de nenos que superaron este trastorno. Poucos dos nenos con autismo viven de forma independente tras chegar á idade adulta, aínda que hai casos nos que os individuos acadan un alto nivel de éxito persoal e profesional. Tamén se desenvolveu unha "cultura autista", na que mentres algúns individuos procuran unha cura outros cren que o autismo debería aceptarse coma unha diferenza e non tratarse coma un trastorno.
A estimación global indica que o autismo afectaba a uns 24,8 millóns de persoas a data de 2015. A data de 2010, o número de persoas afectadas estimábase entre o 1 e o 2 por cento en todo o mundo, e a súa ocorrencia é de entre catro e cinco veces maior nos nenos que nas nenas. No 2014 diagnosticáronse con trastornos do espectro autista a un 1,5% dos nenos nos Estados Unidos, un incremento do 30% con respecto ó ano 2012, mentres que a taxa de autismo entre os adultos de máis de 18 anos de idade no Reino Unido é dun 1,1%. O número de individuos diagnosticados con autismo medrou de forma dramática dende os anos 1980, en parte debido a cambios na práctica do propio diagnóstico, aínda que a cuestión de se as taxas actuais medraron realmente non se considera resolta.
Características O autismo é un trastorno do neurodesenvolvemento altamente variable que xorde durante a infancia e xeralmente segue un curso regular sen remisión. As persoas con autismo poden presentar capacidades ou aspectos diminuídos pero normais, ou incluso superiores, noutros. Os síntomas adoitan ser máis claros tralos seis meses de idade, estabilizarse ós dous ou tres anos de idade, e tenden a continuar durante a idade adulta, malia que habitualmente de forma máis tenue. O autismo non se distingue por un só síntoma, senón por un trío característico de síntomas: discapacidade para a interacción social, discapacidade para a comunicación e intereses limitados e comportamento repetitivo. Outros aspectos, como comer de forma atípica, son tamén habituais mais non esenciais para o diagnóstico. Os síntomas do autismo presentan unha ocorrencia individual na poboación xeral e non semellan asociarse frecuentemente, sen unha liña definida que separe os trazos patoloxicamente graves dos máis comúns.
Desenvolvemento social As deficiencias sociais distinguen o autismo e os trastornos do espectro autista doutros trastornos do desenvolvemento. As persoas con autismo teñen discapacidades sociais e habitualmente carecen da intuición sobre os outros que o resto das persoas dan por sentado. Temple Grandin, diagnosticada con autismo, describiu a súa incapacidade para comprender a comunicación social dos neurotípicos, as persoas cun desenvolvemento neural normal, como unha sensación de "ser unha antropóloga en Marte".
miniatura|esquerda|Un neno autista O desenvolvemento social pouco habitual tórnase aparente nos comezos da infancia. Os nenos autistas amosan unha menor atención ós estímulos sociais, sorrín e miran para outros con menos frecuencia, e responden menos ó seu propio nome. Os nenos con autismo distáncianse de forma pronunciada da normalidade social. Por exemplo, manteñen menos contacto visual e non teñen a capacidade de usar movementos simples para expresarse, coma sinalar cousas. É habitual que os nenos de tres a cinco anos con autismo demostren menos entendemento social, que se acheguen menos a outros de forma espontánea, imiten e respondan menos ás emocións, se comuniquen menos de forma non verbal e respecten menos as quendas con outros. Porén, si forman lazos psicolóxicos cos seus coidadores primarios. A maioría de nenos con autismo demostran unha menor seguridade afectiva que os nenos neurotípicos, malia que esta diferenza desaparece en nenos cun desenvolvemento mental maior ou un trastorno menos grave. Os nenos máis maiores e os adultos obteñen peores resultados nas probas de recoñecemento facial e emocional, aínda que isto pode deberse en parte a unha menor capacidade de definir as propias emocións dunha persoa.
Os nenos cun autismo altamente funcional sofren dunha soidade máis intensa e frecuente en comparación cos nenos non autistas, malia a idea xeneralizada de que os nenos con autismo prefiren estar sós. A creación e mantemento de amizades é habitualmente difícil para as persoas con autismo. As amizades funcionais, coma as que resultan dunha invitación a unha festa por exemplo, poden afectar a súa calidade de vida dunha forma máis profunda. Hai un gran número de informes anecdóticos, pero poucos estudos sistemáticos, de agresión e violencia en individuos con trastornos do espectro autista. Os limitados datos suxiren que, en nenos con discapacidades intelectuais, o autismo asóciase coa agresión, destrución da propiedade e ataques de rabia.
Comunicación Entre un terzo e a metade dos individuos con autismo non desenvolven unha capacidade de comunicación verbal natural suficiente como para satisfacer as súas necesidades de comunicación diarias. As diferenzas na comunicación poden comezar a estar presentes dende o primeiro ano de idade, e poden incluír un comezo tardío de balbucidos, xestos pouco comúns, unha diminución nas reaccións e padróns vocais non sincronizados co coidador. No segundo e terceiro ano de idade os nenos con autismo presentan un balbucido menos frecuente e cunha menor diversidade de consoantes, palabras e combinacións de palabras. Ademais, os seus xestos intégranse menos coas palabras. Os nenos con autismo son menos propensos a realizar peticións ou compartir experiencias, e máis proclives a repetir as palabras doutros ou reverter pronomes. A atención compartida é necesaria para unha fala funcional, e as carencias na atención compartida serven para distinguir os nenos con trastornos do espectro autista. Por exemplo, pode que centren a súa atención nunha man que apunta no lugar do obxecto ó que se apunta, e son consistentemente incapaces de sinalar obxectos para dicir algo sobre eles. Os nenos autistas poden presentar tamén dificultades co xogo imaxinativo e co desenvolvemento de símbolos nunha linguaxe.
Nun par de estudos, os nenos autistas cun alto grao de funcionalidade e unha idade de entre 8 e 15 anos, desenvolvéronse igual de ben que outros individuos de control en tarefas de linguaxe básicas relacionadas co vocabulario e con deletrear, mentres que os adultos superaron os individuos de control nestas mesmas funcións. Os dous grupos autistas obtiveron peores resultados que os grupos de control en tarefas de linguaxe complexas coma a linguaxe figurativa, a comprensión e a inferencia.
Comportamentos repetitivos miniatura|Un neno pequeno con autismo que colocou os seus xoguetes en liña Os individuos autistas poden presentar diversas formas de comportamento repetitivo ou restrinxido, categorizados segundo a escala de comportamento repetitivo-revisada da forma seguinte:
Comportamentos estereotipados: movementos repetitivos, como ondear as mans, xirar a cabeza ou sacudir o corpo. Comportamentos compulsivos: comportamentos que se estenden durante un tempo amplo e que teñen o propósito de reducir a ansiedade, e que o individuo sente a necesidade de facer repetidamente ou seguindo unhas normas estritas, como colocar obxectos nunha orde específica, revisar compulsivamente unha cousa ou lavar as mans repetidamente. Invariabilidade: resistencia ó cambio, por exemplo, insistir en que non se movan os mobles ou rexeitar ser interrompido. Comportamento ritualista: padróns invariables de actividades diarias, como un menú que non cambia ou un ritual para vestirse. Isto está fortemente asociado coa monotonía e unha validación independente suxeriu que se combinasen estes dous factores. Intereses limitados: intereses e fixacións anormais en temática ou intensidade de enfoque, como a preocupación por un único programa de televisión, xoguete ou xogo. Autolesións: comportamentos como meter os dedos nos ollos, beliscar a pel, morder as mans e darse golpes coa cabeza.
Ningún dos comportamentos repetitivos ou autolesivos semella específico do autismo de forma individual, pero o autismo semella ter unha elevada taxa de ocorrencia e gravidade destes comportamentos.
Outros síntomas Os individuos con autismo poden presentar síntomas independentes do diagnóstico, pero que poden afectar o propio individuo ou a súa familia. Un número estimado de entre un 0,5% e un 10% de individuos con trastornos do espectro autista demostran capacidades pouco habituais, que van dende habilidades pouco xeneralizadas como a memorización de curiosidades ata talentos moi pouco frecuentes de erudición. Moitos individuos con trastornos do espectro autista teñen unha capacidade superior de percepción e atención en relación co resto das persoas. As anormalidades sensoriais danse en máis do 90% de persoas con autismo, aínda que non hai unha evidencia clara de que os síntomas sensoriais diferencien o autismo doutros trastornos do desenvolvemento. As diferenzas son maiores na redución de respostas (por exemplo, chocar con cousas) que no aumento de resposta (por exemplo, a aflición por ruídos altos) ou pola procura de sensacións (por exemplo, os movementos rítmicos). Estímase que entre o 60 e o 80% das persoas autistas presentan sinais motores que inclúen un baixo ton muscular, un pobre planeamento motor e equinismo. As deficiencias na coordinación motora son xeneralizadas en todo o espectro autista e máis pronunciadas no propio autismo.
Os comportamentos pouco habituais á hora de comer danse nuns tres cuartos dos nenos con trastornos do espectro autista, sendo estes un antigo indicador do diagnóstico. Escoller certos alimentos meticulosamente é o problema máis común, aínda que tamén son frecuentes os rituais alimenticios e o rexeitamento de comida. Estes comportamentos non adoitan resultar nunha malnutrición, e aínda que algúns nenos con autismo presentan diferentes síntomas gastrointestinais, hai unha falta de datos publicados de forma rigorosa para apoiar a teoría de que os nenos con autismo presentan máis síntomas ou diferentes dos habituais. Os estudos existentes dan resultados conflitivos, e a relación entre os problemas gastrointestinais e os trastornos do espectro autista non está clara.