Nereida (en grego Νηρηΐδα), tamén coñecido coma Neptuno II, é a terceira lúa máis grande de Neptuno. Unha das súas características máis rechamantes é a súa grande excentricidade orbital. Nereida foi descuberta por Gerard P. Kuiper no ano 1949.

Descubrimento e Bautizo Nereida foi descuberta o 1 de maio de 1949 por Gerard P. Kuiper, en placas fotográficas tomadas co telescopio de 82 polgadas do Observatorio McDonald. Propuxo o nome no informe do anuncio do seu descubrimento e máis tarde recibiría nome das Nereidas, as ninfas do mar na mitoloxía grega e asistentas do deus Neptuno. Foi a última lúa en ser descuberta antes da chegadas da sonda Voyager 2, a cal descubriría varias lúas máis.

Órbita e Rotación A órbita de Nereida é de movemento directo a unha distancia media de 5.513.400 km, pero a súa grande excentricidade de 0,7507 fai que o punto máis próximo (periapse) ó seu planeta quede situado a 1.372.000 km e o máis afastado (apoapse) quede a 9.655.000 km.

Esta peculiar órbita suxire que esta lúa podería se-la captura dun asteroide ou dun obxecto procedente do cinto de Kuiper, ou que a órbita desta lúa foi perturbada durante a captura da lúa máis grande de Neptuno, Tritón.

O período de rotación de Nereida foi determinado pola análise da súa curva de luz, sendo este período de 11,52±0,14 horas.

Características físicas Nereida é o terceiro satélite máis grande de Neptuno cun radio medio de 170 km. Probablemente a lúa irregular máis grande do noso Sistema Solar.

O espectro de Nereida é de cor gris é foi detectado xeo de auga na súa superficie. O seu espectro amósase coma algo intermedio entre os espectros das lúas de Urano Titania e Umbriel, o cal suxire que a superficie de Nereida é unha mestura entre xeo de auga e algún material espectralmente neutro . O espectro de Nereida é considerablemente diferente dos espectros de planetas menores coma Pholus, Quirón e 1997CU26, suxerindo que hai moitas máis posibilidades de que Nereida se formase ó redor de Neptuno, en decrecemento das posibilidades de que sexa un corpo capturado.

A lúa Halímede podería ser un fragmento arrincado de Nereida por mor evento de colisión.Grav, T., M. J. Holman and W. Fraser, Photometry of Irregular Satellites of Uranus and Neptune, The Astrophysical Journal, 613 (2004), pp. L77–L80. Preprint

Exploración A única sonda que visitou Nereida foi a Voyager 2, a cal pasou preto de Nereida, a unha distancia de 4.700.000 km entre o 20 de abril e o 19 de agosto de 1989. A Voyager 2 obtivo 83 imaxes da lúa cunha precisión entre 70 a 800 km. Antes da chegada da Voyager 2, as observacións de Nereida estiveron limitadas ós telescopios terrestres que só puideron establece-lo brillo intrínseco de Nereida e os seus elementos orbitais. Aínda que as imaxes obtidas pola sonda espacial non tiñan resolución de abondo para distingui-las características superficiais da lúa, a Voyager 2 puido establecer que o albedo da lúa é máis grande en comparación con outros satélites pequenos de Neptuno e que posiblemente a lúa sexa de cor gris.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Neptuno Ligazóns externas Transit of the Sun on 2006-Mar-28 as seen from Neptune

Categoría:Lúas de Neptuno